miércoles, 6 de abril de 2011
RESPONDER COA VIDA ENTEIRA
As preguntas de verdade están claras: quen es?, con quen es covarde ou valente?, a quen queres de verdade?, que é o que realmente sabes?, a quen estás sendo fiel ou infiel? Diante destas preguntas, como di o mestre Márai, a un non lle queda outra, queira ou non, que responder coa vida enteira. Si, coa vida enteira.
martes, 5 de abril de 2011
E OS NOSOS CON FOBIA Á ESCOLA CON CALEFACCIÓN...
E mentres, aquí, ofrecéndolles a lúa para que estuden...
lunes, 4 de abril de 2011
NIN UN TRISTE DÍA SEN ESCOITALA
Hoxe tócalle a María. Han de vir máis. Ah!, non credea mirarti...
A CHARANGA
Eramos catro polo menos: Luís, Severino, José Manuel e máis eu. Entamos no Tixola da rúa da Raíña. E soaba A Charanga, que despois se escoitaría en galego por toda España. Bebemos cervexa. E cantamos.
domingo, 3 de abril de 2011
POR QUE O FAS?
Un cínico sentencia nunha película: A xente só o fai - todo- por algunha destas cousas: sexo, diñeiro, odio, amor. Quere facer pensar aos demais e ás veces a si mesmo que a razón do seu actuar é debida a outras cosas, pero non. Só polas que dixemos. Será certo?
MIL VECES MELLOR NA CELDA 211
SE NON VIRON Inside Job, merece a pena. Non porque descubramos nada que non sospeitaramos nin, menos, porque de maneira acelerada vaiamos aprender moito sobre derivados, futuros e toda esa maxia dos enxeñeiros das finanzas, senón porque é reconfortante comprobar que no carozo da mesma sociedade que produce o miolo desa repugnante ideoloxía, habita tamén o espírito crítico capaz de se enfrontar a ela con valor. Non. Non comungo con rodas de muíño, a estas alturas xa sei que tamén debemos sospeitar do documental de Charles Ferguson. Inocentes, nin os santos. Pero dá algún azo pensar que aínda hai traballos de investigación que non casan nin cos republicanos nin cos demócratas, nin con Bush, nin con Clinton nin con Obama, e menos cos seus meigos económicos.
O documental pretende analizar con valentía a situación creada pola industria financeira que estalou no 2008. Como profano confeso que son da cousa económica, só podo extraer unha conclusión simple da que se derivan outras menores: hai un triángulo maligno sobre o que xira o planeta: poder e saber ao servizo dos cartos. Amasados os tres, explícase que, gobernen uns ou outros, as dependencias e servidumes acaben sempre arredor dos mesmos personaxes. Dá mágoa comprobar cómo a concentración de cartos e beneficio vai acurralando o poder e estes captan e seducen as vontades das mellores cabezas e universidades. Poder e saber alíanse nun trenzado ideolóxico que queda case mellor reflectido aínda no frío silencio dos que non din nada. Aqueles que dirixiron e contaron con máis poder sobre a regulación ou falta dela, néganse en redondo a realizar o máis mínimo comentario. Nada teñen que explicar. Non lles merece a pena perder o tempo dando explicacións que, suponse, ou ben os mortais non poderiamos entender ou considéranse tan por riba do resto dos humanos que non se ven na obriga de explicar nada a ninguén. E o curioso é que moitos dos máis importantes expertos, agás Greenspan, continúan asesorando a Obama. Como se non houbese maneira de se desfacer dos que se ofrecen como únicos e verdadeiros coñecedores do funcionamento do mundo. Dos que se prestaron a responder, algúns a tatexar, hai catro expertos -se ven o documental estou seguro de que irán descubrindo a quen me refiro-, que dá medo escoitalos. Polo seu cinismo e frialdade, pola innegable evidencia de que saben o que fan e a quen serven. Non minto nada se lles digo que, antes de me ver con eles a solas no mellor salón do Foor Seasons de Nova York, mil veces me quero atrapado na Celda 211 con Malamadre e os seus colegas.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)