domingo, 18 de mayo de 2014

MATAS, PERO O ODIO PERMANECE

O malo do odio é que matas á persoa que cho causa e o odio permanece, revírase, retórcese coma unha víbora e continúa dentro de quen o padecía. Hai odios que ben alimentados, cultivados debidamente, dan forzas incluso para matar a alguén. Para asasinar. Para planificar con calma e meditación a desaparición dese ser que consideras o causante da poza na que te mergulla odiar. Porque o odio adquire unha potencia extraordinaria a medida que vai fermentando, que vai medrando coma un tumor que se reproduce desordenadamente. O odio vive ben en comuñón con outro que padeza do mesmo veleno. Ente dous en sintonía pode medrar ata os límites que marcan a piedade e a compaixón. Non digamos se entre eses dous existe unha relación materno filial. Unha nai e unha filla odiando a un tempo poden acabar atrapadas nunha nasa de obcecación e friaxe difícil de explicar. Por iso o suceso que coñecemos estes día sobre o presunto asasinato por parte dunha nai e filla en León non é froito do desespero, da miseria, da fame, da falta de saídas diante dun momento insoportable. Polo que se coñece e sospeita, nada indica que esa parella de presuntos planificadores da morte doutro ser humano actúen por vivir no límite do soportable, por ver morrer de fame aos seus fillos, por padecer un vivir miserable e vergonzoso imposible de levar. Máis ben ao contrario, son persoas que poderían gozar dentro do momento actual dunha situación estable, dun aceptable confort. Non cómpre para o caso a explicación de momento social a piques de romper augas, enfermo de explotación e desigualdade. Poderiamos estar pasando pola situación de maior crecemento económico, de maior reparto social, das mellores condicións laborais para os traballadores do país, e, polo coñecido, repito, a presunta asasina e acompañante de León, padecerían do mesmo odio que motivou tan dramático resultado. A causa que aniña e dá fortaleza para usar unha arma e rematar ben á vítima bebe do odio irracional que se cultiva no silencio e nas augas do rancor. Por iso non procede sacar conclusións de tipo social neste suceso. Nada ten que ver co padecemento de millóns de familias invitadas ao desespero, á rabia, pois estas son moito máis pacientes e resignadas. Moito menos coa visión que se ten do políticos ou a idea aceptada de que contra eles todo está permitido. En absoluto mantén a máis mínima relación o acontecido en León con estas xustificacións. As presuntas asasinas funcionan polo motivo que sempre serviu á humanidade para desfacerse do outro: o odio, a envexa, o rancor, o medo. Non se apoian en ningunha lei das que polo contexto social podería explicar a tolemia ou as ganas de vinganza de quen se cre desprezado, humillado e abandonado polos seus semellantes. Esa resposta puidera darse se as condicións se manteñen e non se alivian en algún momento, pero polo visto, a agresión de León para nada responde a estes parámetros senón ás da simple vinganza por odio que reborda, por rancor imperdoable. O malo do odio, como dicía, é que matas á persoa quen cho causa, pero el segue vivo, doente, imparable. O odio nada por riba de todo lixo. Ese é o seu gran poder. Non somos quen de desfacernos del de maneira tan doada. Non basta con aniquilar, rematar no chan, mesmo facer desaparecer ou mergullar no fondo do mar a quen cres que é causa da túa desazón. Por máis que mates e remates, que logres aniquilar unha vida, o maldito odio permanece en ti, non marcha, non desaparece a canda aquel que un consideraba a súa causa. Esta é a traxedia de quen se deixa dominar pola súa pezoña. Un engano máis da trampa que se deposita no noso interior ao ser dominados por el. Se nos deixamos conducir polas súas habelencias, acabamos desnortados, arruinados mentalmente, confundidos e impulsados cara os peores actos sen a máis mínima compensación. Esa é a gran maldade que vive dentro do odio: conducirnos a camiños sen saída facéndonos crer que así desaparecerá, cando non. Non se vai. Continúa a canda nós apegado á silveira de consecuencias desastrosas que se derivan de seguir os seus consellos. O odio é malo e mal conselleiro. Ruín. Sucio. Fai que podrezamos no noso interior, que perdamos os principios máis firmes que deberían vivir en nós só pola engano de que desaparecerá se lle facemos caso. Pero é un tramposo. Un mentirán. Condúcenos sempre a camiños mortos, máis negros, sen solución para a súa sedutora rabia e desexo de vinganza. É mal conselleiro e pésimo acompañante o odio. Malo de arredalo de nós. Pero o peor que pode conseguir é meternos na trampa de facernos crer que por alimentalo e facelo máis grande e máis audaz vai desaparecer. Nunca cumprindo os seus mandatos nos liberaremos das súas garras.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.