lunes, 12 de mayo de 2014

O PASEO

A non ser que sexan froito dunha enxeñería estatística insoportable, sempre me aledarei de que o número de parados descenda, por poucos que sexan, e os afiliados á seguridade social aumenten. Non me gustan esas argumentacións interesadas que agochan no fondo o desexo de que todo siga peor para a ver se así atopan oportunidades, que foi o que o PP fixo durante a oposición. Certo que a relatividade dos números e a perspectiva desde onde se mire transforman a realidade máis do que pensamos, pero por algo hai que comezar, e sabendo que estamos a falar dun 26% de paro, que haxa algún síntoma de que se cambian as tornas nunca mal se debe recibir. Con todo, é dunha tristeza inmensa que nos conformemos e deamos por sentado que chegar ao ano 2020 cun 21% de paro sería unha boa noticia. As aspiracións recórtanse tanto, o medo a que todo sexa aínda peor é tanto, que aceptaremos polbo como animal de compañía si ou si. 
Mais aceptado que non hai traballo, o que si nos quedaron da época da festa rachada na que se gastaba por riba das posibilidades, tal e como o novo catecismo de Astete nos ensina a memorizar, son uns paseos marabillosos. Por pequena que sexa unha cidade ou vila seguro que conta cun paseo á beira dun río, do mar, dunhas xunqueiras, como nunca tal se vira. Hoxe entra unha miga de sol polo noroeste e os parados e xubilados, enfermos e previsores, todos nos encontramos no paseo, cheo acugulo, onde latricamos contra o paro, a corrupción, a desesperanza dos mozos, o temor dos pensionistas, a falta de respecto e cordura que nos invaden. Os paseos da época de bonanza son agora lugares de terapia nos que o corazón se reviste de fortaleza pisando forte e a tristeza resiste na compaña e comparanza de que non somos os únicos: todos teñen un fillo na casa, todos teñen un familiar no paro, todo teñen a alguén con 50 anos que xa non conta poder regresar á vida laboral, todos teñen pais ou nai enfermos e con necesidade de coidados, todos soportan a calamidade da precariedade compartindo as desgrazas e penalidades paseo vai, paseo vén. Pernas e lingua serven para conformarnos, para alivio e esperanza do que antes do paseo todo parecía un futuro de sombras negras. 
Os negocios de hostalería á beira do paseo agardan coma auga de maio os primeiros raios de sol. Algúns paseantes aínda poden permitirse unha cervexa, un refresco, un xeado para o neno. Saen do circuíto durante un tempo para darlle un pouco de vida ao negocio que leva todo o inverno sen poder colocar unha mesa na terraza e aproveita para aledar con música e sorrisos esta chegada do maná de verán que pode recompoñer a feble contabilidade do ano. Son estes os que se cadra necesitan por unhas horas a alguén que sirva no exterior, polo que os contratos intermitentes e precarios son marabilla á que non se lle poden esixir exquisiteces, tal e como algún empresario valenciano nos ensinou. O próximo capítulo de Astete está cantado: hai que conformarse, catrocentos euros son máis ca cen, dous días de traballo á semana non se deben desprezar, firmar un contrato por tres días non supón ningunha humillación, vivir na inestabilidade e no límite da resistencia é de heroes que non se andan con milongas nin exquisiteces de nenos consentidos. Din ben quen nos están dirixindo: un paro do 21% para dentro de seis anos é mellor noticia ca se pasaramos ao 27% ; gañar 700 euros despois de seis anos de formación non supón ningunha frustración, os tempos cambiaron; repartir a vida de traballo entre tres cidades distantes a cen quilómetros de distancia, sen boa comunicación ferroviaria e cuns prezos de autoestrada prohibitivos, chámase mobilidade laboral; pensar na posibilidade dunha representación para garantir unha dereitos mínimos e pulverizados equivale a vivir no século XIX... En fin, que aceptar a realidade tal se vai poñendo é de intelixentes; criticala e rebelarse é de estúpidos antisistema, fracasados sen perspectiva, amantes da subvención e do traballo inútil. 
Os paseos foron un éxito. Agora andamos por eles á velocidade que nos indican as mellores cabezas na prevención saudable, medimos os quilómetros que andamos ao día, atopámonos co grupo de xubilados ou parados de días pasados e dámoslle á lingua coma se estiveramos arranxando algo cando en realidade sabemos que é un falar baleiro, ineficaz, que de nada servirá cando o día das próximas votacións para que nos representen na configuración da nova Europa se comprobe que os resultados son os de sempre: o partidos que nos trouxeron ata aquí, os máis corruptos, os máis estáticos, os menos capaces de atopar unha saída á situación (agás que aceptemos por saída isto que eles nos venden como tal) serán os que reciban os nosos votos de mandato. Eles volverán a Europa a xustificar as desigualdades, a manter privilexios, a cambiar con conta gotas algunha lei e a continuar, coma nós no paseo dándolle a lingua, viaxando en primeira e con dietas substanciosas arranxando o que non queren arranxar.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.