martes, 5 de agosto de 2014

AGORA, SHARON, AGORA...


Había tardes nas que Chano Piñeiro —na gloria estea— e máis eu enredabamos falando das actrices que mellor queimaban a pantalla. As que eran quen de só con un plano imantar os ollos dos espectadores e cargalos de desexos luxuriosos. Ao remate, por aquel tempo, chegabamos sempre á mesma conclusión na que coincidiamos: ningunha é capaz de derreter a pantalla eroticamente coa facilidade coa que o fai Sharon Stone. E non só polo moi socorrido cruce de pernas (mellor: descruzamento) en Instinto básico, senón porque en calquera das súas aparicións, por mediocre que sexa o filme, o seu mirar, a súa boca, calquera xesto ou movemento conecta irremisiblemente coa necesidade máis primaria do montón de brasas que sen interrupción, máis ou menos acesas, quecen o noso ser. 
Daquela, que eu estaba máis mozo —non bo mozo, sentido crítico nunca me faltou—, que aínda podería soñar con dar o golpe con algunha novela que se convertese en best-seller, que non sabía o que era ter febre nin un triste catarro, non se me daba por pensar en bobadas sobre ela; era o suficientemente consciente da inutilidade de soñar co imposible. E por riba, ela, sobrada de intelixencia, riqueza e mozos, non manifestaba o que agora manifesta sen rubor: que busca mozo. E mira por onde, agora que o di, éntranme a min o desexo de lle facer as beiras. Agora, agora que me pilla sen forzas, esgotadas as posibilidades de que a fortuna me sorría, prexudicado polas doce sesións de quimioterapia chapadas nos últimos meses, abonado a canta alerxia se presenta, agora vén ela co conto de que busca mozo. A boa hora. 
Preguntaranse os máis realistas: terá este plumífero tantos cartos coma Ecclestone, ese baixiño da Fórmula 1 que anda sempre acompañado de mulleres espectaculares que lle levan como mínimo unha cuarta? Non, señores. Case tan baixo coma Ecclestone  e calvo, pero non teño cartos nin para mercarlle unha barra de beizos a unha desas señoritas que o acompañan. Non é por beleza nin riqueza que me atrevo a tal desvarío, senón simplemente porque á vellez todo son disparates. Pois ben mirado, aínda no imposible suposto de que Sharon me elixise de entre os miles de aspirantes que a persigan, que lle podería ofrecer? O meu corazón a cambio da súa beleza? A miña inxenuidade a cambio da súa intelixencia? O meu desespero contra a súa calculada pretensión? 
Están no certo: danlle ás veces a un rarezas malas de explicar. Mais non podo deixar de recoñecelo e admitilo. Amólame que precisamente o diga abertamente agora, que o manifeste coma se non lle sobrasen pretendentes de tódalas cataduras, texturas e poderes. Amólame porque eu non estou nin para mandarlle —non digamos unha foto— nin unha carta. Creo que ata me sairía branda, chorona e reiterativa. Cando unha capacidade decae soen diminuír varias acompañantes. E se non se gozaba de moitas nos mellores momentos, imaxinen o que nos espera para os malos. Con todo, tal vez o volverse gurrón sexa unha mostra máis da catarata de carencias que se nos aveciñan, non paro de pensar que falariamos Chano e máis eu agora, de poder facelo, sabendo que Sharon anda detrás dun mozo. Se cadra ata el se apuntaba e seguro que ma pillaba, onde ía dar a súa intelixencia coa miña, o seu don de xentes coa miña mal disimulada timidez... En fin, que sempre chegan as ofertas tarde e a destempo, porque fose como fose, daquela, aínda que o resultado sería idéntico, polo menos habiamos rir ben entre os dous comentando o asunto. Pero non pode ser. Primeiro porque Chano xa vai moito que nos deixou, e segundo, porque a min píllame no peor momento. Agora tiñas que dicilo, Sharon...
A moitos dos lectores que desen chegado ata aquí sorprenderalles o grao de lixeireza no que me metín neste artigo. Pois non se asusten. Tiña pensado escribir, como case non deixou de facelo ningún articulista que se prece, do tan simpático asunto da familia Pujol. Pero eu négome en redondo. Paréceme que nada pode clarificar mellor o cinismo e descaro de determinadas clases deste país que a miña chocheira con Sharon Stone. É tan estúpido pensar que a actriz puidese responder a unha proposta miña coma crer que os educados na superioridade, na cobiza e na impunidade van cambiar polas boas a súa actitude ou padecerán  consecuencias demoledoras. Todo está sabido. Todo se reduce a unha lección tan simple como indiscutible: as clases dominantes saltan as leis coma quen brinca por riba dunha cancela; convéncennos de que somos pouco laboriosos e roubamos; contratan aos máis expertos para enriquecerse dentro das teas de araña que lles constrúen e intentan adoutrinar nos dominados para que lles aplaudan e rían os seus privilexios coma gracias cubertas de esforzo e honorabilidade. En fin, que prefiro lamentarme do mal momento no que me pilla Sharon Stone buscando mozo.  

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.