sábado, 9 de agosto de 2014

NIN MATAR BEN SABEN


ANDAN nos EE.UU. preocupados porque ultimamente están tendo dificultades á hora de levar á práctica con corrección a pena de morte. Reprodúcense casos vergoñentos de persoas que deben pasar polo sufrimento inhumano de morrer do xeito máis noxento. Non creo que lles interese que entremos en detalles dos fallos máis frecuentes. Saber que bastantes condenados deben sufrir unha agonía cruenta, inacabable, que se debe repetir, é realidade dura de aceptar para a sensibilidade máis curtida. Se á espera angustiosa e desesperante que debe supoñer agardar a hora na que te van fritir nunha cadeira eléctrica lle engadimos que a voltaxe non é suficiente e te deixa minutos con espasmos torturadores á espera doutro intento, xa me dirán... Por iso andan nun país democrático, con magníficas universidades de elite, cunha democracia envexa de moitos, con grandes centros de investigación científica, ocupados en como resolver este fracaso tan estrepitoso como insultante. Se non fose que arrepía, serviría para un magnífico guión ao servizo do xenial Charles Chaplin: mil e unha maneira de mal matar e non dar acabado co condenado. E tampouco lle sacarían pouco partido os desaparecidos Berlanga e Azcona , que xa no Verdugo deron mostras do poder da crítica máis feroz sen perder o sorriso.
O malo é que esta salvaxada agocha o tráxico: que en países que se consideran modelo de democracia e liberdade siga existindo a pena de morte. Algo que debería resultar impensable nunha sociedade avanzada, permanece inmóbil, apoiado por millóns de votantes, resistindo calquera intento de modificación legal pola repercusión que nas eleccións tal medida suporía. Estraña que en ningún programa se atrevan contra ela, máis cando se coñecen as regras xudiciais ocultas en tódalas partes, nos EE.UU. non menos, que favorecen a aqueles cidadáns que contan con medios para defensas e negociacións cínicas. Por algo as estatísticas de condenados a morte falan da selección dos condenados, case sempre negros, hispanos e pobres. Estes días o magnate Ecclestone declaraba o ledo que se atopaba por contar cun sistema que lle permitía, grazas aos millóns que lle sobran, poder paralizar un xuízo contra del por suborno. Como, sabendo de tales amaños, poden países que se din libres xustificar a pena de morte? E por riba, humillando ata a degradación, pois nin matar ben saben. Dá noxo.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.