martes, 30 de septiembre de 2014

RAJOY: DISCRECIÓN E DESCARO

Se algo define a un político desde sempre é o descaro. Non coñezo característica que mellor os defina. O descaro de mentir sen ruborizarse, de desdecirse, de enganar adrede, de explicar o inexplicable e de tratar coma bobos a quen os escoita. Canto mellor practica esta arte, mellor lle irá na carreira polo poder. De tal maneira que case soa a oxímoron atopar un político triunfador e vergonzoso. Quen non posúa un temperamento dado ao descaro ou non sexa quen de se ir facendo experto nesta arte, mellor que abandone a ambición política, non elixiu ben a súa vocación. 
Exemplo palpable de tal tese témola na explicación que o actual presidente do goberno nos deu para abortar a lei do aborto e, de paso, facer dimitir ao ministro Gallardón. Disque a razón era a división social que se creaba e, sobre todo, que non se pode aprobar unha lei destinada á súa anulación en canto entre outro goberno. Que descaro! O mesmo se podería dicir da lei de educación  que nesta lexislatura se aprobou pola brava da maioría absoluta e parece destinada, coma todas cantas leis educativas se veñen aprobando cada oito anos, a ser abolidas en canto cambie o goberno. Se molesta especialmente este tipo de sandeces é porque nos trata aos cidadáns coma bobos plenos. Son explicacións de tal simpleza que estraña a desenvoltura coa que se dan, pero quen as propaga nin se inmuta, acostumado como está a que, unha tras outra, pasen sen pena nin gloria por diante do noso nariz. Coméntase, si, o evidente vese, pero as repercusións son nulas, de aí a persistencia neste modo de actuar. 
Porque non é novo nin propio deste presidente de goberno tal actitude. Nin tampouco desta época. Desde sempre o gobernante xoga co pan e o circo, coas verdades a medias e interesadas, co engano puro e duro e con sofismas coma se fosen argumentos de peso. A clave reside en facerse dono da posición, despistar, ganar tempo, avanzar nos propósitos aínda a costa de manifestar un claro desprezo pola intelixencia dos gobernados. Pero con ser moeda común de tódolos gobernantes e tempos, non sobra centrarse nas evidencias do presente, son as que nos incumben e as que convén desenmascarar aínda sabendo o escaso efecto para desanimar aos emisores. 
Regresando ao caso recente da lei do aborto, Gallardón defendeuna como mellor soubo e ata con paixón e xa ven o pago que recibe. Porque ninguén dubidará que a lei non era do ministro defenestrado senón do goberno. O anteproxecto fraguouse no seo dun goberno que presumía de estar traballando nunha lei claramente anunciada no seu programa electoral. A única, porque todo o aprobado ía precisamente en dirección contraria ao prometido. E para unha lei que pretendían axustala ao programa teñen que tronzala cerca da madurez, cando xa ningún suposto xustifica tal aborto, porque isto si é matar a unha lei case viva. Non entendan que lamento que a lei non progresase, non analizo iso senón o proceso de falta de principios, engano e conveniencia deste goberno que ora nos vende coherencia co seu programa electoral e ora sensatez para non aprobar o que outros están dispostos a abolir. Un verdadeiro cachondeo, agora que aquel alcalde de Xerez anda en horas baixas diante da xustiza. 
Este presidente demostra cada día unha maior facilidade para desdecirse e inventar escusas que non sei se obedecen ao sentido común ou porque é así como Deus manda, acolléndome aos dous comodíns que máis lle veñen á boca. Sexa por polo que sexa, está claro que non carece do descaro necesario para dicir ou calar o que faga falta con tal de facernos crer que se cumpre o seu plan trazado de cara a ganar as próximas eleccións, a saber: collín un país en ruínas por causa dun presidente anterior inepto, vinme obrigado cambiar o rumbo do meu programa para, a base de sacrificio, situarnos economicamente na estela da recuperación e, con catro anos máis que confíen en min, isto queda endereitado para moitos anos. O discurso é claro desde o comezo da lexislatura e vaino cumprindo paso a paso, interpóñase quen se interpoña, sexa Bárcenas (silencio), lei do aborto (cargarse a un ministro) ou o que estea por chegar. Non só é hábil cos tempos como case todo o mundo lle recoñece, tamén é implacable, nin se lle move un pelo da barba cando dá explicacións peregrinas e non se lle nota a máis mínima culpa cando debe cortar cabezas. Espera, apártase, repite a lección do día (herdanza recibida, herdanza recibida; melloramos, melloramos, falta moito por facer pero imos no bo camiño) e continúa airoso sen que nin Aznar, nin Botella, nin Camps, nin Bárcenas, nin Aguirre, nin moito menos Gallardón, lle supoñan un obstáculo na súa ascensión ao segundo alto de montaña que ten á vista. Porque ser un ciclista discreto non supón que careza do descaro necesario para chegar á cima na posición que lle interesa. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.