jueves, 4 de septiembre de 2014

PAGAR POR NON COMER

Conta o meu admirado Vargas Llosa, que desde hai vintesete anos non deixa de pasar quince días ao ano nunha clínica de Marbella para dedicalos ao xexún. Se lle fago caso, alí, disque nun ambiente de relax e coidados exquisitos e na compaña da súa prima esposa Patricia, pode dedicar a mañá ao sosego e placidez do qi gong e a tarde á escritura e lectura. Ás comidas, unhas sopas puras para lavar corpo estragado e alma intoxicada. É dicir: puro e duro xexún, pasar fame. Talvez pola necesidade do que se coñece como consistencia cognoscitiva, o Nobel de Arequipa xustifica as bondades da fame en que non en van tódalas relixións de occidente e oriente, desde tempos moi antigos, veñen recoñecendo a necesidade e bos efectos dun tempo de descanso ao corpo nas funcións dixestivas. Non vou ser eu agora quen poña en dúbida as bondades do xexún, coñecidos máis achegados teño que tamén dedican parte das vacacións a pagar por non comer e a súa saúde non é peor cá miña. 
Pero se emocionado noto no seu artigo a don Mario polos beneficios da vida ordenada e un tanto monacal arredor de non comer, entusiasmado se manifesta nos poderes calmantes do qi gong, práctica chunesa milenaria esgazada do tai chi. Ao parecer, eses movementos suaves e lentos, harmoniosos, que axudan a respirar con conciencia e tranquilidade, aportan o repouso e paz necesarios para volver con forza aos compromisos da vida, máis tratándose dunha vida coma a del obrigada a cócteles –case tan mortíferos coma os mólotov- , actividades culturais, exceso de voos e xornais laborais esaxeradas. Esa lentitude de movementos en brazos e pernas case infinita, espaciada, que grande cantidade de persoas practican ás horas moi temperás e que eu observei nas prazas mala copia de París no novo Pequín, parece ser que convencen a cumpren a súa función no autor de “Conversación en la catedral”; se cadra moito máis motivado desde que lle dirixe as sesións Jeannete, unha moza tan grácil e flexible á que ve a punto de levitar e desaparecer, xa se sabe que a escritura, condenada, sempre di moito máis do que en principio pretende dicir. Mais, sexa como sexa, inclínome a crer que o qi gong conta coa capacidade de aniquilar a nosa agresividade, de nos instalar nunha respiración total e de aplacar moitas ideas irracionais e manifestacións psicosomáticas que nos atormentan. Se a isto lle sumamos un horario de monxe, instalacións como supoño e coidados esmerados en atención, calquera non sae de aí co corpo renovado e o espírito equilibrado. O que me mantén algo escéptico, sen dúbida debido á influencia paterna, é a necesidade de pagar por quince días a sopiñas. 
Aínda non tiven ocasión de lle contar o conto a meu pai, e, tal como está, dubido que preste moita atención. Noutros tempos si; noutros estouno oíndo coa súa sorna: non me parece de xente ben lista pagar por non comer... Coma cando, despois de observar un bo anaco a un mimo, ou equilibrista, ou malabar, non sei quen era o que actuaba nunha praza pública, sentenciou: os traballiños que hai que pasar por non traballar... Pero agora non está o forno para bolos. Aínda así, intentarei informalo, non sobre o qi gong, ao que seguro criticaría con que hai actividades tan relaxantes moito máis produtivas, senón dos beneficios do xexún. El tan obsesionado agora na súa vellez con non perder fame, síntoma de que o final se achega, probablemente non entenda forzarse a pasar fame cando, por desgraza, seguro que xa virá o tempo non que un o que debe é esforzarse por levar algo á boca. A quen se educou noutro tempo e noutras necesidades, o de pasar fame por gusto nunca lles acaba de convencer. Máxime cando eles padeceron o rigor da fame de verdade e o do dominio das conciencias por parte do catolicismo máis represivo, aquel que sometía a un feroz control os venres e a coresma, o xexún e a abstinencia. Superados aqueles tempos, agora que non falta comida no alzadeiro, que a conciencia non se laia por comer carne en venres e nin tan sequera se sabe cando comeza e remata a coresma, que lle veñan gabando os beneficios do xexún, non os convence. 
Tratarei de lle face ver que non todo se pode medir pola vara estreita da pequena experiencia privada, que a saúde empeora tanto por comer moito e mal coma por non comer, que dentro dun plan dirixido e regulado por expertos médicos, privarse de comer e facelo a xeito resulta moi renovador e reconstituínte. Tódolos argumentos que se me veñan á cabeza tratarei de lle expoñer, pero estou case seguro de que non haberá quen o apee do seu xuízo inicial: pagar para non comer, non é de xente ben lista. E se me atrevo a contrarialo: pero se quen defende iso é todo un premio Nobel. Seguro que me responderá: e quen che dixo que tódolos premios Nobel son listos? E non me quedará máis que calar. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.