Desesperada, Esperanza ou o descaro de Madrid ofrece
pactos sen ton nin son con tal de salvar aos seus votantes das hordas
antidemocráticas lideradas pola avoa Carmena. Alertada polo seu innato ulido e
polos contactos coa gentebiendetodalavida (dígase sen respirar),
Aguirre, esa señora á que Javier Marías definiu como eu nunca sabería:
insolente, autoritaria, irritable, desdeñosa, deslinguada e de natural
ordinaria, convértese na salvagarda da democracia e dos valores occidentais
diante da ameaza demoníaca de Manuela Carmena, cabeza visible da candidatura de
Ahora Madrid. Por iso nun primeiro sufoco chama a Carmona para lle
ofrecer a cabeza en bandexa de prata: aquí a tes, Antonio Miguel, pilla ti se
queres o chope da alcaldía, pero libera ao sufrido pobo (aos meus votantes) do
calvario que suporía un goberno de soviets decididos a implantar a revolución
con fouce e martelo; sacrifícome enteira, ofreceuse a condesa, e perdo da miña
graciosa altivez con tal de que paremos este veleno que vén polo Manzanares entre
augas alodadas e pirañas agochadas. E como Antonio Miguel, pin, pam, pum,
dixese non e non, de seguido atrapa outra idea limpa que viña do Guadarrama
para esculpila en proposta luminosa: acepto un goberno de concentración, todos
a unha, con tal de frear esta onda de veleno disolta no aire impuro da capital
do reino decidida a tronzar polo pé a democracia con tanto esforzo conquistada.
E así anda desesperada Aguirre ou a cólera do liberalismo, estragado o cute con
tanta noite desvelada, atormentada, se cadra os amigos do club de golf da Villa
xurándolle que nunca máis volverá a ser ben querida nin admirada en tan selecta
sociedade.
Mudan os tempos e as leis da
sedución. Vese que na capital, con ser a comunidade de España que se achega
unha miga ás do resto de Europa que gozan dun nivel elevado de vida, abundan
cidadáns sen casa e luz, calefacción e seiscentos euros para soportar con
dignidade mínima os trinta días do mes. Asústanse nos barrios votantes de dona
Esperanza de que podan recibir apoio considerable programas tan simples:
preocuparse polos desaloxos e por que a ninguén lle falte luz, que programa é
ese para crear riqueza, progreso, bonanza, luxo... Éntralles pánico. Serán tantos os
desesperados capaces de votar por simplezas de tal tamaño, pregúntanse nas
cafeterías selectas os ricos de sempre e os de última fornada mentres discuten
se as doses do combinado son as adecuadas. E contactan con Aguirre, pásanlle
whatsapps e recados por terceiros, para lle recordar que se non van adiante os
proxectos gordos, os que realmente moven cantidades relevantes, de que serve
que lles baixen impostos, así non se crea riqueza. Por iso o nerviosismo se
instala onde debe, no alto, e descende en
linguas de lume coma o Espírito Santo, agora que estamos en Pentecostés,
para que os pensadores máis potentes e agudos esperten aos durmidos cidadáns
medios que non saben a que lles agarda.
Sen tempo que perder, voces afinadas
e desafinadas lanzan sostidos e bemois aos catro ventos previndo á cidadanía
para que se dispoña a defender co que sexa ao pobo de Madrid, porque, sospeitan
con razón, detrás da capital pode caer todo o reino na man dos desaprensivos,
maliciosos e ignorantes revolucionarios encargados de asaltar os ceos en tempo
veloz e maneiras impensadas. Avisan a navegantes para que logo non se leven a
engano: detrás da avoa Carmena andan aprendices de Lenin, Trotsky e Stalin,
Chávez, Morales e Maduro, todos dispostos a transformar o chan patrio nunha
longa cola de famentos ansiosos por unha cunca de leite. Ocúltase detrás do
programa destes encantadores de pobres desesperados motivos inconfesables que
só os perspicaces defensores da propiedade privada se empeñan en descubrir e
defender polo ben de todos. Á cabeza a avoa Aguirre disposta a defendernos con
uña e dentes, perdendo incluso da súa insolencia e desdén con tal de parar ao
invasor. Coma se diante dun 2 de maio novo nos atoparamos, coma naquel 1808,
incita e chama Aguirre ao levantamento e insurrección para escorrentar ao
inimigo.
Veremos se Madrid atende á perrencha
da descarada avoa Aguirre. Polo visto ate o de agora, a avoa Carmena parece
señora de bo carácter, cultivada e sensata, amable, entregada ao diálogo. Pero
xa se sabe o que moitas veces ocorre:
debaixo da pel de cordeiro agóchanse lobos feroces capaces de esnaquizar
nun abrir e pechar de ollos un rabaño completo. Aquí ninguén está libre de
sospeita. A avoa Aguirre sábese ben por onde vai, que pretende e a quen
defende, como actúa e de onde vén. Da avoa Carmena coñecemos un historial ben
distinto, tamén sabemos as que pasou por culpa de non vivir en democracia, á
vista están as súas obras e a que dedicou a súa actividade laboral. E sobre as
dúas, non hai maneira de se ocultar, á vista están os seus estilos de razoar,
prometer e por que se preocupan, tamén a súa educación e ideoloxía. O xogo
político decidirá. Os feitos non tardarán en falar con datos incontestables.
Mentres tanto, entre avoas anda o xogo. Pero os que realmente están decidindo
son os fillos e xa axiña o farán os netos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.