Non é que andemos cerca do templo a
Apolo Licio nin que sexamos todos aristotélicos, pero por pasear que non sexa.
Gracias en boa medida aos cartos chegados de Europa, rara será a cidade ou
vila, de costa e de montaña, que non conte cun paseo magnífico á beira do mar
ou dun río por onde persoas de toda condición combatemos colesterol, ansiedades
varias, preguizas ou indolencias guiados polos consellos saudables máis de
moda. Sendo tantos os que recorremos aos beneficios de tal práctica, non é
estraño que na peripatética práctica non atopemos con coñecidos, algún mesmo case esquecido como me
aconteceu nun destes días. Estudaramos xuntos en anos de adolescencia pero logo
perdinlle a vista coma a tantos outros, mais ao recoñecernos coincidimos nese
punto do pasado onde parece que todo quedou inmóbil, fraguado nunha pasta
carente de emoción pero nítido. Postos
ao día da situación de cada quen, descubrín axiña que el, máis novo, pasaba por
momento laboral complicado. Despois de anos en varias empresas, quedara hai xa
máis de tres en paro e agora, sen cobro de ningún tipo, resistía entre algodóns
familiares como boamente podía. Non quixen saber máis e el considerou que cos
indicios aportados chegábame para
entender. E por se non me quedaba claro, resumiu: “Xa sabes: somos
moitos os que sufrimos deste mal, o que pasa é que non nos queren ver”.
Nos comezos da crise apareceu con
forza nos medios o economista Niño Becerra. Polas declaracións apocalípticas
que facía desconfiei do seu rigor, pero preocupeime de contrastar as súas
predicións cos feitos, o que me levou a considerar que non é tan falabarato e
que fundamenta bastante as súas análises. Nunha última entrevista que lle leo
ataca directo á situación que de maneira concreta me tropecei no paseo co
excompañeiro: existe un terzo da poboación que a cada paso é máis ignorado, ao
que non queremos ver, ao que nos custa aceptar que para el non hai solución.
Mantén o catedrático que no cambio tan profundo ao que chegamos, pensar en
volver a tempos pasados é unha ilusión. Vivimos nun cambio sistémico tan profundo que pensar en volver a
modelos produtivos anteriores, ao crédito que nos permitiu endebedarnos e
aspirar a un paro do 7% que para España case supoñía pleno emprego, é unha
ilusión ou un engano político para ir ganando tempo. Recorre el á clasificación
dos tres terzos: un, o máis favorecido, que vive ben, nin se decata da
situación; outro, máis tocado, que de maneira precaria, inestable, mal
remunerado, inseguro, vai resistindo; e un terceiro, sen posibilidades de
recuperación, perdido, para o que só queda unha solución: a renda básica.
E esta é a grande vergonza. Este
terzo irrecuperable. Por iso a renda básica é tan mala de aceptar. Nin os que
arrincaban con ela nos dentes se atreveron a promocionala e defendela. Facelo é
tanto como aceptar que este sistema se rende e recoñece que non conta con
medidas que fagan posible a recuperación dun terzo da poboación. Admitir tal
fracaso non é doado para ninguén, equivale a dar por feito que un terzo é
inútil, que nada pinta nesta sociedade, que carece do moitivo mínimo para loitar.
Dáselle unha saída artificial: posto que carecemos de oportunidades para un
grupo de poboación que non poderá escapar da pobreza, deámoslles unha renda
básica para que non creen problemas e poidamos permitirnos seguir ignorándoos.
Sería a aceptación do fracaso.Non sabemos o que tardaremos en aceptalo, pero
todo indica que non quedará outra en canto os apoios familiares non resistan e
os datos de exclusión non se poidan camuflar.
Me parece que foi Obama quen dixo: Aceptaremos unha
economía na que só a uns poucos lles vai espectacularmente ben ou
comprometémonos con unha que xera mellores ingresos e oportunidades para todos
aqueles que se esforzan? Co avance tecnolóxico, cunha perspectiva laboral só
viable para os que aporten grande valor engadido, cunha necesidade máis
evidente de alta e renovada formación para se manter en activo e con exemplos
coma o do gobernador do Banco de España solicitando abaratamentos no despido e
concedéndose unha suba do 5,8% no seu desproporcionado salario, todo parece
indicar que a economía que se impón é a que lle vai espectacularmente a uns
poucos. Ocúltase esa que debera xerar
mellores ingresos e oportunidades para os que se esforzan. Para o terzo
que pretendemos ignorar, aqueles que xa nin con azos contan para se esforzar, a
ver o que tardamos en recoñecer que a única saída que nos queda é admitir e aplicar o fracaso da renda básica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.