martes, 2 de junio de 2015

O REBOTE DO MEDO

AS liñas do medo van de Barcelona a Cádiz, A Coruña e Compostela pasando por Madrid. Unha preocupación –esperanza din outros– que se instala en altos axentes económicos desconfiados de que a recuperación poida frear en seco. Co ben que se enfiaban os próximos anos de cara á prosperidade, pensaban, chegan agora a gobernar estes inexpertos soñadores con catro pinceladas de programa irrealizables e inxenuas. Un lapote seco sen razón e que parece inexplicable. Como é posible, deben de preguntarse nos seus cenáculos elitistas, que exista tanto inconsciente capaz de confiar nas propostas de pícaros dispostos a aproveitarse do mal alleo. E remoen cal ha ser a estratexia para recuperar a estabilidade en perigo, esa –a única– que nos manteña na senda da recuperación lenta pero segura, a que nos devolverá ao crecemento e á riqueza que posibilitan algún reparto. Algo fallou nas súas previsións, non encaixan as pezas: como, sendo que nos barrios máis humildes é onde menos se vota, conseguen aínda así unha representación tan avultada estas mareas de cantantes de comparsas, profesores inquietos, revolucionarios antisistema, revoltosos profesionais?
Cústalles entender porque durante a campaña os partidos garantes da estabilidade encargáronse de espallar o medo: non voten a eses charlatáns de parladoiro televisivo, non se deixen seducir por populismos, non é tempo de experimentar... Nin caso. Nas cidades, onde o dinamismo é maior, dispáranse os que se rebelan contra o medo e pásanlle a preocupación aos amantes da estabilidade. Túzaros, irresponsables, simples ao non querer ver, déixanse convencer por cantos de adas, kichis, ferreiros, martiños e manuelas populares que os seducen ata lles dar as rendas das cidades. Votantes con cera nos oídos ignoran os perigos de se soltar da man e aceptan a vertixe de apostar por unidades populares tan ilusionadas coma sen experiencia. A eses altos axentes económicos éntralles a preocupación. Non poden crer que sexan tantos os que se conforman con que non os boten das casas, lles aseguren luz e comedores para os fillos. Que necesitarán que ocorra para se decatar de que a maior inestabilidade é a inxustiza? En que país vivían para non ver que o empobrecemento atacou sen reparo? Cando comprenderán que con desigualdade tan pornográfica é moi difícil manter o medo a raia e non lles rebote nos fociños?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.