Levamos
tantos anos de inestabilidade educativa que calquera saída parece enxeñosa.
Centrados como andamos nestes últimos tempos co problema da territorialidade,
pensamos e confrontamos menos do debido o imprescindible acordo ao que se
debería chegar no que toca a como programamos a educación para os próximos
anos. Sobresaltados pola agresiva crise económica e distraídos polos
insolidarios pero eficaces cantos do secesionismo, pospoñemos o que talvez
debera ser unha das máis importantes propostas das próximas eleccións xerais:
un plan de conciliación para que o
número necesario de partidos remachen unha lei educativa de mínimos,
estable, contrastada e á que todos se comprometan a serlle fieis.
Un dos fracasos máis evidentes neste
período democrático iniciado na Constitución do 78 é a incapacidade para lograr
unha lei educativa estable e respectada. Os bandazos tan ben debuxados nas sete
leis de educación non universitaria promulgadas nos últimos 35 anos demostran
ás claras que se tomou a educación coma un bo caladoiro de votos en base á
pelexa ideolóxica favorecendo intereses gremiais. De aí os pinchacarneiros da
defensa do igualitarismo demagóxico á batalla polas bondades do esforzo que
agocha as diferenzas en favor das elites, da bendición da borralla burocrática
envolvida nunha xerga tan inútil como pedante á condena de métodos innovadores
baixo a fácil crítica de que en materia educativa todo está inventado. Como
consecuencia destes bandazos e inestabilidades, os alumnos padecen coma coellos
de experimentación, os pais aférranse á súa santa liberdade a educar para
esixir (se fai falla con violencia) e os profesores nadan desorientados coma
náufragos, intentando salvarse e salvar o que queda da galerna, entre decretos
que se encabalgan, programacións de deseño e avaliacións desesperantes. E por
isto, tamén, porque non hai un obxectivo definido e claro ao fondo, imos
podando o currículo de linguas clásicas e literatura universal, historia e
filosofía, para deixalo nun esqueleto de intencionalidade práctica (inglés,
informática e tecnoloxía, que é o que dará de comer, din), esquecendo que
ensinar é, ademais, formar a persoas con criterio, con capacidade crítica,
cidadáns con tendencia ao respecto, á vida democrática, á creatividade e ao
gusto, á harmonía e ao equilibrio.
Para saír desta braña na que seguimos
embazados cómpren, entre outras, dúas liñas de acción: unha, a intencionalidade
política clara de partidos con peso e facilidade para a negociación e dúas,
algo que nunca en serio se tivo en conta, confiar nos profesionais da
educación. Todo partido con posibilidade de influír no próximo goberno (parece
que ningún terá maioría absoluta, o que é un bo inicio) debería presentar xa as
súas liñas básicas sobre as que pensa negociar. E todos, sen exclusión, deberían
aclarar en que medida e como pensan asentar os cimentos asesorados por
profesionais do ámbito educativo, con independencia da súa opción política. Non
vale con xeneralidades manidas, brindes á calidade educativa, apoio á formación profesional ou sacralizar as bondades dunha educación que
logo queda ao capricho das veleidades de quen manda. Para este propósito, por
suposto, non poderían quedar excluídos aqueles partidos que até o de agora
foron maioritarios. Pero deberían entrar os emerxentes. O partido revelación e
ao que todos os prognósticos auguran un alto crecemento, Ciudadanos, afronta
con valentía o reto e di abertamente que é esta unha das súas prioridades. O PP
e o PSOE deberían recoller o guante e de maneira construtiva propoñer ao que
estarían dispostos. Neste trespés debería cocerse na tixola da cesión e a
paciencia unha lei que garantise como
mínimo 20 anos de paz, coas revisións pertinentes, pero sen os vaivéns destas
arroutadas partidistas ás que se vén sometendo a educación. Incluso cada
partido debería xa adiantar que persoa de talante negociador encomendaría para
tal cometido ( o PSOE, por exemplo, conta con Gabilondo coma un interlocutor
con traballo previo demostrado e probablemente por todos aceptado). Por suposto
que cantos máis apoios conseguisen de tódolos grupos parlamentarios, mellor,
pero co compromiso destes tres e todos eles aceptando a imprescindible
colaboración dos profesionais (por poñer outro exemplo, José Antonio Marina ten
o prestixio e independencia suficientes para encabezar a este grupo de
ensinantes, ademais de levar anos clamando polo pacto), o proxecto podería
chegar a bo fin.
Poida que non sexa esta reflexión máis
que clamar no deserto. Que á hora da verdade cada partido se refuxie nas
grandilocuentes aspiracións en materia educativa, todos moi concienciados da
súa importancia, pero cada un no seu propio campanario repetindo os erros do
pasado. Non digo que non. Pero de ser así, non nos estrañe que, tal e como
escribiu Luís Alberto de Cuenca, o cidadán siga gozando pegando a un pedagogo
ou a un psicólogo ou, engado eu, a un
profesor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.