Un
modo propio da adolescencia para se facer ver é chamar a atención en ocasións
sinaladas: unha viaxe programada, unha reunión familiar, un encontro formal. Eu
non vou, a min non me interesa, eu paso, odio estar con vós, soen ser os seus
bufidos. Ao andar na busca da súa identidade que lles diga quen son,
experimentan e esparruñan dando avisos, paus de cego, alarmas, chamadas de
atención: aquí estou eu, non me ignoren, pido o meu lugar, déixenme demostrar
que me separo, que me goberno por min mesmo sen que me dean normas, moldes,
formalismos vello nos que os maiores se recoñecen, fortalecen ou se expresan. O
adolescente descobre ben que acontecementos servirán mellor para resaltar as
súas necesidades, por iso rompen tan ben as festas, a harmonía familiar, cabrean
e sacan das cabais aos adultos: elixen adrede o momento para meter o dedo no
ollo e recordarnos que están aí e non imos poder esquecelos mentres non se
fagan adultos.
Un dos momentos máis favorables para
estas manifestacións rompedoras son as festas familiares. Ben sabido é que
cando se producen reunións establecidas, nas que se xuntan varias xeracións,
flotan non ambiente os rancores do pasado, as ofensas daquel ano, os desprezos
agochados, as comparanzas nunca entendidas e as envexas inevitables. En toda
xuntanza, por normativizada que estea, tradición que posúa e ilusións que
manexe, viaxa un lodo de malestar inevitable, arrastrado polos anos e manchado
de pezoña que ningunha asociación, por altruístas ou ben intencionada que sexa,
pode evitar. Agarrados a esa hipocrisía que non se pode negar e aos desaxustes
que por máis que se vernicen saen á vista, o adolescente séntese con dereito,
argumentos e motivos para manifestar o seu descontento, rexeite e pésima educación. Son estas celebracións a
ocasión óptima para cargarse de razón e demostrar o seu descontento e o
agresivos que poden ser. Néganlle a palabra á avoa, miran con veleno ao tío que
se cre simpático, ignoran á maioría, contestan con xenio á nai, prometen co
xesto asasinar ao pai porque lle somete ao brete de saudar amablemente a un
amigo e, cando xa queren facerse ver de verdade, desaparecen no medio da festa
ou xa non se presentan para que todos pregunten por eles e haxa que inventar
razóns para explicar por que non están
nin se lles espera.
Algo similar está pasando con tres
comunidades de esta organización territorial chamada España. Hai tres – dúas
máis cá outra- que se empeñan diante de calquera ocasión en demostrar que non
están a gusto, que non se conforman con este modelo e que non viven relaxadas
mentres non aclaren como queren ser e vivir. E, como consecuencia, non estando
elas satisfeitas, xeran grande malestar no resto do territorio, poñamos como
nos poñamos. Isto é un feito repetido e negalo suporía un infantilismo peor que
as súas rabechas adolescentes. O Pais Vasco, Cataluña e agora tamén Navarra
animada a formar parte do grupo de cabeza, e para avisar que pode ser igual de rebelde ante o temor de que
se lle toque a súa peculiaridade fiscal, aproveitan as ocasións de maior convención
para demostrar a súa chantaxe adolescente. A festa da patria, nacional ou como
se chame, non deixa de ser unha celebración con fendas por onde meter a
coitela. Coma calquera familia. Quen queira ir pola vía destrutiva atopa
regañas polas que esnaquizar todo encontro ou manifestación de unión. Ningunha
nación podería celebrar nada se nos poñemos esixentes. Nin as máis novas. Non
digamos as que, coma España, levan séculos construíndose entre batallas,
conquistas, fracasos, adiantos, retrocesos e recaídas. Pero utilizar os pasos
históricos errados para de maneira masoquista non admitirnos nunca, non aceptar
que somos a suma de éxito e erros que pode proxectarse nunha renovacións
constante – non destrutiva- é síntoma de agarrarse como adolescentes ás comenencias
de vivir con papá e maldicir a papá.
No proceso de maduración, cando os
adolescentes persisten nas súas rabechas, o recomendado é altas dose de diálogo
e firmeza. Diálogo para que se recoñezan escoitados, entendidos como
individualidades capaces de vivir por si, dispostos a independizarse da tutela
do adulto. Porque todo proceso de maduración vai detrás da autonomía. Mais con
firmeza. Ha saber ese aprendiz de autónomo que vivir por un mesmo require
liberdade e criterio propio, pero tamén vontade de respecto, solidariedade e
integración cos outros. Responsabilidade. Sen a firmeza que establece límites,
o adolescente corre o risco de ser un verdadeiro ególatra incapaz de entender
que os outros non deben estar ao seu servizo, á súa comenencia. Estas tres
comunidades adolescentes – as máis ricas, que casualidade- necesitan ser
escoitadas, pero ben establecidos os límites. Non vale aceptar as comodidades
que proporcionan papá e mamá, gozar de autogoberno, leis, concerto e cupos
económicos intocables grazas a unha constitución e unhas leis que se esixen con
rigor e logo manifestarse díscolos, mal educados, irresponsables, rebeldes coa
lei e destrutivos pola inestabilidade que xeran para conseguir a cada paso máis
privilexios prexudicando ao conxunto. Estas comunidades compórtanse coma
adolescencia pura: son maior, fago o que me dá a gana, pero protéxeme,
asegúrame, deféndeme, mímame. Diálogo si, pero firmeza. Vén sendo un erro
continuado rirlle as grazas sen aclararlles sen complexos nin medo onde comeza
o abuso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.