Lamenta
Safranski que non quede hoxe en Alemaña un programa na ZDF coma “Cuarteto
filosófico”, aquel que dirixira durante dez anos con Sloterdijk. Eu lamento
moito máis que xa non acorde algo similar en ningunha televisión pública
española. Dende os tempos de José Luís Balbín (e mira que choveu), non callou
experiencia algunha na que o diálogo intelixente acollese os problemas de maior
relevancia sobre os que imperase a reflexión e non o titular fácil, a
agresividade partidaria ou a desvergonza interesada. Estraña que nin
televisións públicas nin privadas fagan un esforzo por compensar o exceso de
espectáculo morboso co que parece mellor se nos distrae.
Nos últimos tempos alcanzou éxito – que
xa está aburrindo- o programa de debate-combate
político no que algúns fixeron carreira. Programas nos que os distintos
partidos envían aos seus mellores espadas – afiados de lingua, agresivos,
túzaros e se ben parecidos mellor- para tourear coas noticias políticas máis
frescas. Non negarei a esta aposta de programación unha certa utilidade, nas
ganas por aniquilar aos contrarios cóanse denuncias que non estorban, pero a
mecánica dos mesmos bebe no modelo simplista dos sálvame con luxo ou sen el.
Pouco aportan estas propostas á reflexión pausada e aberta, non dogmática, máis
interesada por entender que por vencer.
Ante as próximas eleccións andan xa os
líderes e os medios quentando a posibilidade de distintos debates espectáculo.
Entre dous, entre tres, entre catro? Cada líder, xunto cos seus asesores,
estudan minuciosamente as vantaxes dunha opción ou outra. Parece lóxico que
moito mellor resultaría unha exposición e contraste entre todos aqueles que
contan con posibilidades de ter unha importante representación parlamentaria.
Que á cidadanía lle interesa ver e escoitar as distintas ofertas quedou
demostrado na ben recibida proposta de Évole sentando nun bar a Rivera e
Iglesias, os dous emerxentes que mellor aproveitaron os programas de debate
político nas televisións. Estes, hábiles coa palabra, non temen contrastar as
súas propostas cos outros dous líderes dos partidos asentados. É de esperar que
Sánchez tampouco rexeite o reto e veremos que decide a raposa táctica política
de Rajoy. Poida que os seus asesores non lle recomenden ir ao bar do Cuco, pero
non estaría eu tan seguro de que a opinión pública non castigue a quen non
acepte confrontar programas. De aquí a decembro verase por onde van as
estratexias.
Mais deixando de lado o espectáculo
televisivo do debate en tempo electoral, a necesidade que me ocupa é a dun programa
estable, serio e atractivo – a calidade non esixe aburrimento- no que prime o
rigor científico e académico sobre o curto prazo da pelexa política. Un lugar
no que os especialistas se sentan con tempo suficiente e contrincantes
adecuados intentando aclarar os aspectos máis complexos da realidade. Eses que
non se poden despachar con simplezas, altruísmo ou demagoxia. A situación dos
refuxiados non se pode liquidar en tres frases bonitas ou a base de boa
vontade. Aclarar sobre se subir impostos, cales, como e cando, esixe contrastar
datos, experiencias históricas, rachar prexuízos, dubidar sobre dogmas
establecidos. Analizar a grande transformación que a rede supuxo ao nos ter a
todos comunicados ofrece tantas vertentes, abre tantas posibilidades e agocha
tantos perigos, que bo é sentar arredor dunha mesa a persoas entendidas,
estudosas e con criterios para escoitalos e dubidar, pensar, aprender. A pesar
de tódalas transformacións na comunicación, aínda non creo que debamos dar por
morta a reflexión á que nos poden conducir os que máis reflexionan, os que
estudan e pensan, porque, fundamentalmente por tanta información horizontal,
seguimos precisando das voces que alcanzaron xerarquía polo esforzo e a
dedicación ao saber.
Neste tempo no que corre a canadas a
información alodada, cómpren espazos aos que acudir onde se filtre e purifique
a auga limpa do lixo. E para iso segue sendo imprescindible a voz dos
filósofos, dos científicos, dos literatos, dos pensadores que expoñan coa maior
obxectividade o froito dos seus avances, das súas reflexións, e, como non, das
propias dúbidas, porque moito está por saber, por clarificar. Agora, cando
todos temos ao alcance da man abundancia de datos, opinións e ofertas, é cando
máis cómpre un ámbito de reflexión e clarificación do que está contrastado ou é
badoca e interesada manipulación, charlatanería e boba trapallada que nos
aloula. Javier Marías contestou non hai moito nunha entrevista que internet
organizou por primeira vez a imbecilidade. Non sei se tanto, pero que sen
dúbida este desborde de información necesita voces xerárquicas que a canalicen,
seguro. Porque do contrario estamos a piques de conformarnos pensando que
sabemos algo de todo e case non sabemos de nada, crernos críticos e aleutos
cando vivimos completamente enganados e manipulados. A información bruta sen
exercicio de asimilación e sen xerarquía intelectual que nos guíe pode converterse
nun magma que nos aplana na simpleza da confusión ou o engano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.