domingo, 8 de noviembre de 2015

A INUTILIDADE DA QUEIXA

AS ondas brancas chispeaban vernizando dunha feble luz o comezo lento da noite. No alto, unha negrura de raras formas contrastaba cos relustros intermitentes que emitía o faro e coa escuma de leite que rompía contras as rochas e na praia ata se derramar pola area. Era tanta a beleza que non quedaban nin forzas nin razóns para a queixa. E mira que tiña ganas de me laiar. Mais non puiden: entre o son moncorde do mar e a brancura das ondas alumeando na escuridade que viña do fondo e me cubría, aceptei a inutilidade da insatisfacción e da queixa.
Acordeime dos que por pura supervivencia se atreven a atravesar o mar, tan negro, tan fero, tan fondo, familias enteiras que son expulsadas do seu territorio de orixe e quedan sen un triste fogar ao que volver, lanzándose na desesperación contra todo temor, calquera valo; da nosa cultura, en contraste, tan pendente dos dereitos individuais, en que temos dereito a mans cheas, polo que sempre atopamos motivo para a queixa, coma nenos mimados aos que, aínda dándolles todo, sempre lles falta algo.
Lembrei, mentres camiñaba, as reflexións de Parthasarathy cando insiste en que as civilizacións que progresan en serio están fundadas na xenerosidade, en crear, en dar. Todo parece indicar o contrario, que é o cínico, o malvado, o sen escrúpulos, a sociedade combativa e implacable a que medra e vence. E se cadra non é así. Porque recibir e reclamar sitúanos sempre na dependencia. Dar e responsabilizarnos fainos donos do noso decidir.
Unha sociedade que esquece as obrigas e responsabilidades e a xenerosidade, máis preocupada polo que nos deben que polo que podemos dar, acaba abonada á queixa perpetua, a unha dinámica egoísta e improdutiva. A desgraza vai da man da perda de responsabilidade e do control da propia existencia. Adquirir un maior sentido do deber cara ós demais, ocuparnos da familia, da cidade, fainos máis donos da nosa existencia. Canto máis dás, máis dono es de ti. As ondas chispeantes perdían forza para alumear entre tanta escuridade como se botou enriba, aínda así, no silencio harmonioso acompañado do zunido do mar, aceptei a inutilidade da queixa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.