Parece
que Blair pide unha miga de perdón coa boca pequena pola decisión de intervir
na desfeita evidente de Irak. Non é que me convenza nin conmova a súa
contrición. Sospeito que son declaracións de político hábil e curtido que non
se corta á hora de pulir, matizar ou negar calquera dito ou feito. Algo
habitual entre os da súa profesión, polo menos os que non elevan a súa rixidez
a extremos de afirmación coma contrapeso de debilidade, o que podería ser o
caso de do expresidente Aznar, empeñado en manter contra vento e marea que
cando un amigo te chama hai que apoialo pase o que pase. Mais non é a falta de
contrición por aquela decisión nefasta o que me ocupa daquela época do goberno
do marido de Ana Botella, senón un erro que, trasladado á situación política
actual, podería servir de ensinanza.
Por se a decisión de apoiar a Bush non
fose suficientemente discutida e contestada, naquel final de ciclo do
presidente de FAES produciuse outro erro de magnitude incalculable: o modo de
actuar no atentado do 11 de marzo do 2004. A cerrazón, o interese partidario ou
a ignorancia - calquera deles malos conselleiros- encarreiraron as súas
decisións pola peor das corredoiras: non reunir ás forzas políticas máis
significativas e conseguir uns acordos mínimos de actuación. Por iso perdeu as eleccións – o mal menor- e,
sobre todo, meteu ao país nunha confusión e desconfianza que tardou en apagarse.
Rajoy, a pesar de padecer o desprezo
manifesto do seu mentor, parece que o
está seguindo na estratexia en canto ao problema político de maior envergadura
que deixa a punto de estar no final da lexislatura. Coma se non estivese
suficientemente avisado, coma se non levasen as campás tocando a lume dende hai
anos, primeiro insiste en que el é moi tranquilo, pausado e prudente – porque
iso é bo en política, coma en todas as cousas da vida- e nega o incendio. Cando
lle chega o fume aos fociños admite que ten un problema moi grave. E cando está
a punto de estalar todo polo aire, acepta comer co representante socialista e
chama por teléfono – ou acepta a chamada, no estou seguro quen se dirixe a
quen- a un tal Rivera, mozo sen experiencia, verde, pensa, ao que con
condescendencia supoño daría largas. Descoñezo se é tamén neste caso por
cerrazón, interese partidario ou ignorancia, pero a falta de decisión e
reflexos que está mostrando pode resultar moito máis cara que aquela cazurra
obstinación por parte de Aznar ante a catástrofe do atentado.
Non creo que faga falla insistir no que
levo anos dicindo: a burguesía catalá – como a vasca- (si, tamén hai outros
sectores sociais entusiasmados coa independencia, pero se os cartos gordos, os
corruptos e os ilustrados non apoiasen a xogada todo sería distinto) non vai de
farol. Está completamente decidida e non pensa retroceder. Diante dun desafío
así, que un presidente do goberno non tome a iniciativa de reunir aos partidos
con peso determinante do país para trazar unha actuación conxunta paréceme
suicida. Se a grave crise económica padecida non mereceu un acordo entre algúns
partidos responsables e tampouco agora se ven trazas diante da desfeita que
está á vista, ¿que ha de pasar neste país para que os políticos, esquecendo
siglas e intereses electorais, acorden algo sensato e con miras de futuro para
o ben da colectividade?
Creo que foi Javier Marías quen dixo
que “hay una especie de pulsión autodestructiva (en este país) que asoma la
oreja de nuevo”. A min tamén mo parece. E oxalá nos equivoquemos os dous. Non
se trata de alarmismos, pero a imparable marcha que tomará o parlamento catalán,
trufado de partidos de dereitas corrompidos ata a medula, independentistas
convictos dende a orixe e revolucionarios coa alegría impaciente propia do
furor xuvenil, non presaxian tempos
apracibles. Ata o de agora, o “conflito” como aos independentistas lles gusta
chamar, acostumaba a resolverse reformando o modelo de Estado con inevitables
custes económicos para o resto das comunidades autónomas. Agora xa nin eles
queren nin, de querer, creo que o resto das comunidades estivesen dispostas,
salvo engano traidor dos partidos maioritarios, a aceptalo. Así pois, algo novo
por forza haberá de negociarse entre os partidos con peso, salvo que aceptemos
que a iniciativa continuará do lado dos que se queren ir polo seus métodos
arbitrarios e caprichosos. Sen dúbida son os principais responsables desta
situación os que a veñen propiciando dende hai anos. Pero isto non desculpa a
falta de decisión do presidente para reunir a cantos máis partidos mellor para
establecer un plan conxunto. Porque se en algo acertou Rajoy é que non estamos diante dun problema dun partido
nin dun presidente, senón de tódolos
españois e, cando é así, cantos máis partidos se unan, mellor. Nesete caso, quedar só diante do perigo non é
ningunha valentía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.