domingo, 8 de noviembre de 2015

SI, HAI QUE INCENTIVAR AO PROFESORADO

          Dito así: os profesores bos non poden cobrar o mesmo que os malos, é meterse nun avespeiro do diaño. Haberá que idear sistemas rigorosos de acceso á carreira de profesor, establecer modelos de preparación similares aos do MIR para que estean ben formados, crear filtros de entrada máis completos nos que non só se demostre saber para a instrución, senón tamén capacidades pedagóxicas e didácticas; deberanse crear mecanismos para que ser profesor non derive nunha carreira de segunda opción, de resignados sen aspiracións. Pero nisto teñen razón os sindicatos: todos os que conseguen unha praza pasaron por idénticos requisitos e demostraron que están capacitados para o exercicio que se esixía (outro cousa é que e como se está esixindo). Que logo haberá quen destaca máis ou menos, nuns aspectos ou noutros, coma en calqueira profesión, non se discute, pero a ninguén se lle ocorre pedir que se cataloguen uns médicos de familia mellor ca outros, e, en función diso, que así se lles pague.  Sería unha arbitrariedade difícil de calibrar e moi dada a conflitos máis prexudiciais que beneficiosos.
            De tódalas maneiras, o problema que se toca é crucial. A de profesor non pode ser unha carreira sen capacidade de progreso. Os incentivos son necesarios en toda actividade humana e non cadra que alguén que aproba a súa oposición con 26 anos, agás a antigüiedade, teña pechadas todas as portas para a mellora profesional. De aí que pareza razoable establecer vías de saída para a mellora laboral coma en calquera actividade. E non existe ningunha posibilidade de mellorar se non hai un sistema de avaliación de aquelo que se realiza. Difícil avaliar calquera traballo, en educación máis, pero non imposible. A cada paso existen modelos de valoración polos que  fixar sistemas de recompensa e mellora ben definidos. Quero dicir con isto, que non apoio a cerrazón inicial a toda avaliación ou requisito que posibilite a recompensa (non só económica) naqueles profesores que se dediquen máis e mellor á súa profesión.
            Acontece, sen embargo, que o material co que traballan os profesores – os alumnos- préstase a enganos perigosos no que a resultados se refire. Obter mellores resultados académicos entre o alumnado non sempre nin a maioría das veces relaciona só coa dedicación e praparación do profesor, senón con outras variables, entre elas, de enorme peso, a procedencia social do alumno.  Non fai falla ser un gran observador para ver que en tódalas cidades existen varios colexios públicos de elite – situadas nas zonas máis ricas da urbe- nos que o alumnadao sobresae polas súas cualificacións, acceso ás carreiras de maior esixencia e consecución de títulos de máis  categoría. Outros,  pola contra – situados nos barrios marxinais-, onde o alumnado é máis conflitivo, abandonan cedo os estudos e son poucos os que conseguen ir á universidade. Como avaliamos a estes centros ? Pesa máis o urbanismo e contorno social ou a dedicación e capacidade pedagóxica dos seus profesores?
            Aceptado que a avaliación é necesaria en calquera profesión que non se conforme con estancarse e que os incentivos son preferibles para a motivación e progreso dentro da carreira docente, creo que o modelo debería centrarse no destino,  tender a puntuar aos centros segundo variables obxectivas pola súa dificultade de ensino, de tal maneira que os máis complexos e difíciles recibisen a cualificación máis elevada, sendo necesario para acceder a eles contar cos mellores expedientes, méritos e formación.  Así, ao contrario do que ocorre, que consiste en que o profesorado de máis mérito por antigüidade se acomode nos centros máis fáciles, o profesorado máis dinámico, mellor formado, intentaría situarse nos centros mellor situados na xerarquía de dificultade, pois tamén alí serían maiores as recompensas. Cantas máis necesidades presente o centro, máis estranxeiros, máis alumnos con necesidades especiais, peor situación do contorno e menor colaboración familiar, maiores esixencias para acceder a el, porque tamén os incentivos (en formación, anos sabáticos, económicos) compesanrían aos máis dinámicos dos ensinantes.
            Claro que para isto, e aquí ten toda a razón Marina, sería imprescindible un corpo de inspección de elite encargada de axudar, colaborar e adestrar ao profesorado para que exerzan como expertos á última en aprender, non como agora, que só se preocupa do cumprimento da lei de maneira burocrática. E necesitaríase unha rede de formación permanente a cargo de verdadeiros especialistas. E quen se formase e esfrozase por traballar mellor nas peores condicións, si que debe recibir recompensa. O que non procede é crear etiquetas de bos e malos profesores sobre criterios arbitrarios para encirralos  nunha competencia desleal que aínda envelenaría máis o sistema educativo.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.