domingo, 28 de febrero de 2016

CAROL: A MIRADA DE CATE

DAS TRES PELÍCULAS - El RenacidoLa gran apuestaSpotlight- que soan con máis insistencia para ser as gañadoras dos Oscar do próximo domingo, ningunha me gustou ata calificala como excepcional. El Renacido de Gómez Iñárritu paréceme un exercicio técnico e visual atractivo, pero baleiro. Unha historia de superación e resistencia esaxerada, incrible case, ambiantada nunha atmosfera líquida e tenebrosa excelente, pero carente de todo contido emocional. A publicidade encargada de nos vender a grandiosa actuación de Leonardo DiCaprio tamén se me antolla fóra de campo. Falar pouco nunha interpretación non significa que esta sexa xenial. Loitar contra elementos tan esmagadores coma os que debe vencer DiCaprio obrígano a unha xestualidade e primeiros planos nos que se debería palpar a dor extrema e a desesperación; máis ben o que se aprecia é a forzada necesidade de expresalas con moita suciedade e reiteración. Nin a fortaleza sobrehumana nin a obsesión de vinganza vencen á meticulusidade técnica do director. Luz morta, paisaxes nevados e ásperos, ríos e barrancos, inseguridade e desgraza permanentes detrás do protagonista non o converten nun home recoñecible capaz de renacer despois de cada violenta sacudida da natureza ou da maladade do egoísmo entre os homes. A elección das dúas últimas películas de Iñárritu - as máis premiadas e recoñecidas muldialmente- non me parece que vaia na mellor liña, naquela que comezara con Amores PerrosBabel ou 21 gramos.

Se El Renacido non me entusiasma, La gran apuesta menos. A idea de nos explicar de maneira entendible a dolorosa falcatruada dos financeiros que crearon a sabendas a burbulla inmobiliaria non é despreciable, pero insuficiente. Adam McKay intenta incluso darlle un toque ameno á explicación económica, pero o discurso vese axiña, os descubridores do apaño oculto por banqueiros, medios e goberno, chegan a cansar, axiña todo acaba nunha narración con tintes de documental. A pesar de bastantes términos da xerga propia dos lobos dos negocios das finanzas, un logra pillar o miolo do asunto, do canallas que algúns son, pero, agás unha liviana incitación á vinganza, pouco máis se pode extraer dunha película así. Non nego o seu interese pedagóxico, aínda que supoño bastante inútil, xa se sabe que por aquí aínda son moitos os que consideran que a culpa de toda esta crise a tivo un señor chamado Zapatero, pero dende un punto de vista da esixencia dun guión con conflitos, duns personaxes en carne viva e dunha trama con tensión e misterio, a película resulta plana e sen capacidade para mover ao espectador a emocións.

Outro tanto poderiamos dicir de Spotlight, a pesar da crítica favorable unánime. Case tamén un documental sobre un asunto escabroso, pero ben coñecido e moi comentando nos últimos anos. Que a igrexa católica, apoiada en poderes aliados, tratou de ocultar unha práctica frecuente e sistémica de pederastia, non é algo que nolo descubra esta película. Certo que atrae e resultan ben interpretados os membros do equipo de xornalistas que van detrás da noticia que se agocha. Mellor aínda as circunstancias da vida da cidade que impiden avanzar na investigación. Pero acabamos de novo nun cine de investigación e denuncia frío, meritorio, que entusiasmará como guía aos xornalistas con bos propósitos profesionais, pero cinematográficamente romo. Unha boa película necesita algo máis que actores que interpeten de maneira crible a personaxes. A historia que se conta haberá de punzar cunha punta que escarvelle nos ollos de quen mira, cunha textura de luz, son e ritmo que nos apegue á pantalla coma se nós mesmos estiveramos padecendo, rindo ou sospeitando o que ha de vir. E isto non ocorre nin de lonxe nesta investigación interesante sobre unha práctica dolorosa que tanto mal lle está causando á igrexa católica.

Descoñezo as opcións da última de Spielberg, El puente de los espías, pero para o meu ver, con non ser das súas mellores, supera ás principaias candidatas. O guión e factura están moi por riba das citadas. A ambientación histórica, a tensión narrativa, e, sobre todo, o personaxe do espía ruso perfectamente captado, auscultado a fondo, danlle á película unha harmonía estética e dramática elevada.

Sexa cal sexa a decisión dos académicos, eu conformaríame con que se premiase a Cate Blanchet, candidata a mellor actriz. A súa interpetación en Carol considéroa soberbia. A película - tamén con máis vida, medo, tensión, desconcerto e paixón- poderase admirar máis ou menos, pero a interpretación de Cate é maxistral. Vela camiñar co seu vestido de pel, fumar e mirar equivale a que a muller máis sofisticada, elegante e débil te deixe entrar na súa alma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.