domingo, 28 de febrero de 2016

FÓRA DE EUROPA VAI FRÍO

XOGADA mestra a dos británicos. Coma todos os chantaxistas, ameaza para conseguir privilexios e unha vez conseguidos aínda vende o favor de se quedar. Pobre Europa. Os comerciantes trituran aos políticos, os intereses egoístas prevalecen sobre a solidariedade, as vantaxes a curto prazo impóñense diante dunha mirada ampla. A última negociación entre o Reino Unido e a Comunidade foi toda unha demostración do pavor que se experimenta cando alguén ameaza con nos deixar. Non. Non sería bo para ninguén que abandonasen esta unión tan peculiar coa que se engancharon a Europa.
Pero así será peor. Deixa marcados os camiños polos que discorrerán a partir de agora as relacións entre os distintos membros: os intereses primarios, particulares, egoístas, de diferenciación e desigualdade primarán sobre todo intento de cohesión, solidariedade, igualdade. Esa é a clave da decisión: a chantaxe da separación imponse á razonable tendencia cara a igualdade en dereitos.
A aposta de Cameron, sempre cos aranceles como medida de cálculo, foi detrás dun acordo que lle permita elevar un valo legal que impida os desprazamentos dos cidadáns comunitarios cara o seu territorio. Coma se copiaran da fronteira do Río Grande. Unha imposición irritante, de vergonza. Non deixa de ser unha discriminación de nacionalidade de orixe, un barranco discriminatorio para o concepto de cidadanía europea. A pelexa de fondo é simple: prefiro salvarme só que asociarme para unha cobertura comunitaria.
Son realmente estes os socios que necesitamos? Mellora así Europa, cedendo atemorizada diante das chantaxes descaradas? En España sabemos ben de que vai isto, miren para Cataluña e o País Vasco. Socios desleais, aproveitando as vantaxes dunha asociación só en canto lles beneficia particularmente. Con socios así, a construción de Europa ten mal prognóstico.
Escandalízanse moitos medios de que Varaufakis veña a España propoñendo u­nha nova idea de Europa. Non será hora de pensar nunha refundación? Non estaremos alimentando unha desconfianza irrecuperable na gran idea, tal vez a mellor do século pasado, que era a dunha Europa unida en dereitos, obrigas e cidadanía? Non dubido que a tarefa é complexa, pero con medo aos chantaxistas, non avanzamos. Se cadra algúns deberían irse e experimentar o frío que vai fóra de Europa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.