domingo, 29 de enero de 2017

CONSUMIR COCAÍNA, COMA CALQUERA

ARREDOR das condutas de consumo de substancias que poden prexudicar a saúde, un erro tan frecuente coma negativo é o de dar por evidente o que non o é. Así, na conduta adolescente, algo que axiña se aprende e se repite na casa para socavar a vontade dos pais é dicir que todos os compañeiros saen ata as oito da mañá, que todos beben, que todos fuman, que todos se pasan sen consecuencias de ningún tipo. Esas afirmacións tan categóricas, indiscutibles, xerais, sen matices, minan os acordos de moitos pais, confúndenos e acaban por ceder supoñendo que se cadra son eles uns esixentes desnortados, fóra da realidade.
Por suposto que non é certo: nin tódolos adolescentes chegan ás oito da mañá á casa, nin todos beben, nin todos fuman. Si, son condutas máis frecuentes do debido, pero falsas se as universalizamos en base a apreciacións superficiais. O grave é que, admitidas estas falacias, o control e desaprobación que merecerían as condutas non se aplican. Uns por outros, van aceptando por normal o que nunca debería selo nunha sociedade equilibrada. Ningún neno aos 12 o 13 anos pinta nada pasando as noites fóra da casa, bebendo e fumando.
Mais, con ser grave na adolescencia, entre as persoas maiores tamén se impón este tipo de razoamento de desculpa. Comentan moitos para se tranquilizar: “Se souberas a de profesionais, médicos, profesores, xuristas, empresarios, políticos que toman cocaína nas fins de semana...” O que xustifica que, se ese tipo de persoas que deberían ser exemplares, se comportan así, con idéntica razón o panadeiro, o albanel, o taxista ou condutor de autobús poden caer en idéntico estilo de diversión. O asunto das drogas é complexo e está tan viciado polos intereses económicos, que case se podería dicir que o mundo aséntase sobre a súa corrupción. Os adultos saberán o que fan. Non trato agora de analizar a conveniencia da súa prohibición, nin da necesidade de educación, nin se os danos serían superiores cunha política que rachase o círculo vicioso no que nos metemos con esta prohibición, persecución, guerra. Ao que me refiro simplemente é á dañina actitude de aceptar que unha conduta é maioritaria cando non o é, ou só no ambiente no que un se move, pero que non dá permiso para elevala a categoría universal.
A nai dun condutor de autobús que deu positivo nun control por consumo de cocaína defendeuno con este argumento: “Si, o venres consumiu cocaína, coma calquera”. Non, coma calquera non. Coma bastantes, pero aínda así, aínda que fose algo tan normal e frecuente que non debese escandalizar a ninguén, o problema non é que, coma calquera, consuma o que lle apeteza, senón a responsabilidade laboral á que falta de meneira tan grave. Calquera poderá consumir o que lle apeteza na súa casa se non molesta a ninguén, poderá arriscar coa saúde canto queira. O que non pode calquera, por máis que á nai lle pareza o máis frecuente, é consumir unha substancia que impide exercer con responsabilidade o traballo, poñendo en perigo a vida de nenos, e acollerse a que os costumes o amparan. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.