Antes foron Londres ou París as cidades nas que os
heroes combateron diante de millóns de humanos para que cantasen as súas
fazañas. Hoxe Merbourne pode
mostrar o milagre só permitido aos
elixidos polos deuses de renacer sobre a súa derrota para, outra vez,
enfrontarse ao destino. Roger Federer e Rafael Nadal, os dous mellores tenistas
da última xeración, efrontaranse na final do Aberto de Australia, o de Basilea
por ver se sobe a 18 os seus títulos e o de Manacor a 15. Un partido magnifico
no só pola maneira titánica na que os dous conseguiron eliminar aos seus rivais
para chegar a este momento, senón, sobre todo, polas circunstancias previas da
súa carreira deportiva. Nada garante que
o partido resulte histórico pola beleza e loita, poidera ser incluso que, canso
Nadal por semifinal tan dramática, cun dia menos para o descanso, chegue sen
forzas e perda nos tres primeiros sets. Algo pouco probable, por no dicir
imposible, coñecendo os motores do ánimo de Rafael: agás esgotamento físico ao
que non dea atopado remedio, a súa resposta será ao nivel que parece ter
recuperado. Tampouco podemos descartar que Federer, asombrado da fortaleza e
resistencia de Nadal, apampado, baixe na concentración e perda antes tempo.
Mais eu aposto a que o partido durará dende as 9,30 ata que xa esteamos tan
derreados nós coma os xogadores entre a fame e a angustia dos puntos
definitivos.
David
Foster Walace, nun intelixente artigo titulado O tenis como experiencia relixiosa, analiza a maxia de Fereder,
antes de agora nunca alcanzada , ao ser capaz de unir nunha soa raqueta a
sutiliza, beleza de ballet, intelixencia e delicadez coa tormenta, o lategazo,
a fortaleza e a contundencia. Ao tempo que planifica con pacencia un ángulo
milimético é capaz de lanzar de súpeto un lóstrego no que a bola asubía coma se
fervese ata estamparse contra o chan. Por iso sostén que no tenis de Federer,
coma nunha experiencia relixiosa, conxugan sen rechíar a música de Mozart e a
de Metallica. Dúas maneiras en aparencia contraditorias de exercer a beleza do
deporte que se aprean nel nun concerto extraordinario, inaudito, impensable.
Nel inspiro o título deste artigo, porque se Federer pode unificar os sons de
Mozart e Metallica, é máis Mozart ca nada, e para Nadal ninguén mellor que
Bruce Springsteen para definir o seu xogo. Sendo os dous dun físico con medidas
similares, a esvelteza do suízo e a delicadeza nos movementos parece que o fan
máis fino. Nadal, potencia, músculo, móvese e domina o espazo coa determinación
dun guerreiro que cruzou os mares para vencer ao inimigo. Os dous gozan dunha
constitución física excepcional, pero a de Federer, máis flexible, equilibrada,
harmoniosa, aínda con esas explosións de violencia apaixoada e demoledoras, recórdanos
a unha sinfonía de Mozart. Nadal non oculta o seu ritmo contaxioso, imparable,
seco, valeroso da batería de The E. Street Band de Bruce. Pode nalgún momento soltar
varios reveses paralelos coas dúas mans que nos recordan ao falecido Clarence
Clemons co seu saxo, pero a partitura guíase pola batería imperturbable, por
ese ritmo do que, unha vez nel, é difícil sacalo.
Nadal,
con 30 anos, cehgou á madurez. Federer entra cos seus 35 está no límite do
aguante físico para o deporte máis esixente e solitario do mundo. Os dous
pasaron por lesións e veñen dun período longo no que o seu nivel baixou sen
desimulo, non tanto como para xó xogar partidos de caridade como Federer
declarou, pero si lonxe do que esixe unha competeción tan escrava. Sen embargo,
chegan os dous a Melbourne coma unha reencarnación do que nunca deixarán de
ser: dous corpos execepcionais, fraguados no adestramento (Federer algo máis
tardía, ata os 13 anos non se definiu claramente polo tenis) , no sofrimento,
nos éxitos e nos fracaos. Dúas vontades esculpidas en horas de adquisición de
hábito, de perfeccionamento de golpes, de calcular estratexias, saber
aproveitar tódolos recursos, manexar o pensamento, mentres o físico non anula
por extenuación tal capacidade, na liña de sobrepoñerese, continuar, non ceder,
vencer. Tiña máis fe na posible recuperación de Federer que na de Nadal, os
xoenllos e pulsos do español están castigados ao límite, pero para sorpresa de
calquera, aí o temos coa rabia expresada no seu corpo enteiro. Federer, menos
expresivo, máis concentrado, a pesar de seis meses de inactividade, sempre deu
mostras dun físico moldeable, de primeiro bailador do ballet de San
Petersburgo. Os dous, renacidos, antes de que o seu declive inevitable se faga
real, son capaces de demostrar unha vez máis que os chamados polos deuses,
cando queren satisfacelos e se esforzan, poden regalarlle aos mortais mañás de
domingo cheas de delicia, de emoción e de beleza capaces de nos mostrar a plenitude e grandeza do home.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.