Mostrando entradas con la etiqueta CATALUÑA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CATALUÑA. Mostrar todas las entradas

sábado, 18 de octubre de 2014

PEZOÑA E LEI

Observo en titulares de bastantes medios e tamén en comentarios de colegas escribidores un claro ou inesperado triunfalismo ou relativo optimismo despois dos recentes movementos políticos en Cataluña. Non acabo de entender o motivo. Mallemos en Mas o que queiramos, deámolo por morto politicamente, riámonos das súas ocorrencias canto queiramos, ridiculicémolo se queren, pero o problema continúa vivo ou peor. Que o plan B de consulta soa a democracia de quinta? Si. Que se creou unha regaña entre os partidos soberanistas? Si. Que Mas pode pagar cara a súa temeridade? Si. E que? Desaparece ou embarúllase máis o problema? Esa é a cuestión. Éxito pola aplicación da lei? Éxito da paciencia raposa de Rajoy? O tempo dirá, pero tal e como avanza o nivel de enfrontamento decidido tanto por parte dos moderados (?) buscando o inimigo no Estado español como dos claramente independentistas que, moito máis honestos, mostran as súas cartas ben abertas: independencia xa, parece evidente que isto non promete nada bo.
Realícese ou prohíbase tamén este remedo de referendo inventado por Mas chamado consulta con voluntarios só causará unha consecuencia: maior frustración e resentimento da sociedade catalá. A liña de actuación, déanlle o grao de irresponsabilidade que lles praza, non se oculta. Os dirixentes catalanistas optaron por demostrarlle aos cidadáns que España non os quere, que lles rouba, non acepta o seu Estatuto elaborado polas forzas políticas elixidas democraticamente, que non lles deixa votar, que non respecta a democracia, que é un Estado corrupto e malévolo obsesionado con martirizar ao un pobo democrático que busca a súa liberdade a través da identidade. Esta é a historia narrativa que callou entre a poboación maioritariamente e e táctica non variará: canto máis ao límite, mellor; están convencidos de que ningunha lei resiste se todos tiran da corda na mesma dirección. E a cada paso son máis os que están convencidos – alí, en Cataluña- de que deben decidir, deben tirar todos na mesma dirección. E iso non se detén co recurso único e inapelable de que todos temos que cumprir a lei. Certo. Pero non basta. Ou alguén pensa que unhas eleccións, vaian xuntos ou separados os nacionalistas, aforrarán unha negociación inevitable?
Despois das escaramuzas de tafur non parece que quede outra saída que convocar eleccións. O resultado, non fai falla posuír excesivas dotes de adiviño, parece cantado: os partidos nacionalistas contarán cunha maioría abafadora, o PP e Ciutadans reduciranse a partidos intranscendentes, quedando socialistas e verdes de esquerdas para vestir santos. Que podemos esperar dun Parlamento composto por estes partidos? Unha estratexia dirixida a dar o último tirón de corda, a persistir na liña de clara confrontación con Estado ata que non lle quede outra que negociar unha saída, que nunca aceptarán lonxe da independencia legal ou de feito. Co que o problema, díganme que non é así, segue tan aberto como estaba antes das medidas legais adoptadas polo TC.
A isto haberá que engadir dous problemas que non se poden ignorar. O primeiro o desprezo que o autismo catalán supón para o resto das comunidades do Estado. Será entendible que o resto das comunidades se rebelen de continuar nesta dinámica, cando baixo eufemismos ou trampas saduceas os negociadores concedan beneficios ofensivos por efecto da presión – chámenlle chantaxe se prefiren- á autonomía catalá. O que desestabilizará aínda máis a situación xeral, non esquezamos que o país dos vascos e das vacas, agora caladiños coma petos, non desaproveitarán esta arroutada catalá para levar a auga que lles falta ao rego para enchelo por completo. Co que o panorama non se presenta nada optimista, por máis que algúns se agarren e ganen tempo con manobras legais que só pospoñen o inevitable, dándolle máis resentimento e rancor aos que se cren ofendidos con razón e sen ela.
E por se fose pouco, para cando nesta tesitura nos vexamos, calquera saberá a composición do parlamento nas Cortes de Madrid. Non parece probable que o PP renove a maioría absoluta, poucos crerán que o PSOE pode remontar da súas cinzas e, por moito que se disparen as expectativas de Podemos e outros grupos, certo parece que a variedade e fragmentación animarán ou dificultarán – verase- a próxima lexislatura.
Por iso non acabo de entender os motivos para un optimismo leve e menos para ningún triunfalismo. Encirrar os enfrontamentos en base a sentimentos e agravios é tarefa doada, non esixe ningunha capacidade especial como líder nin intelixencia suprema. O complicado é saír sen danos serios dun problema fabricado a golpe de pezoña e irracionalidade. E o malo é que contra a pezoña cómpren fármacos específicos e médicos altamente especializados, que non vexo por ningures, acompañando á lei.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

martes, 30 de septiembre de 2014

ANTES DO DIVORCIO

ANTES do divorcio só procede algo sensato: establecer o xeito de que ningunha parte quede claramente desfavorecida. Cos matices que se lles antollen, a analoxía acae ao que está ocorrendo coa falta de acomodo territorial en España. Durante gran parte do tempo transcorrido desde a última Constitución, optouse por enganos eufemísticos. O primeiro nace do propio texto constitucional ao confundir peculiaridades culturais con privilexios económicos ; e a segunda polo truco ao que xogaron os dous partidos maioritarios e os nacionalistas facendo crer que existía lealdade e interese común, cando todo evidenciaba a conveniencia numérica para que cadrasen a gobernabilidade do Estado por parte duns e a preparación a conciencia do día da separación por parte dos outros. No medio, o resto das comunidades que, históricas ou non, non estaban dispostas a ser menos ca ninguén, de aí a inercia do café para todos, pois, parece lóxico, non se acaba de entender por que se é bo o cupo para vascos e navarros non o ha ser tamén para cataláns, andaluces e murcianos. A non ser que aceptemos sen máscara que os separatistas chantaxean a ferro quente polo seu afán irrenunciable de non ser coma todos nin estar dispostos a colaborar solidariamente.
Neste momento -repartan as culpas como lles apeteza- está claro que hai dúas partes do territorio que traballan para conseguir o divorcio, deixémonos de panos quentes. Toda a súa política, como vén sendo desde que perderon o medo á involución militar despois da morte do ditador, non busca máis nada que lograr unha soberanía plena. Negar isto é perder moito tempo. Aceptalo é situarnos no camiño da solución menos mala, porque cantado está que ningún divorcio resulta favorable para ningunha das partes, do mesmo modo que o está que se un quere irse, por máis que unha parte ceda, o único que se logrará será unha separación inxusta. Así pois, só queda un último intento: retocar a Constitución coa maioría de votos posibles deixando ben claras as liñas de financiamento das comunidades (todas por igual), dando a autonomía que se considere beneficiosa pero esixindo a lealdade imprescindible e establecendo moi claras as condicións para quen desexe marchar. Se aínda así (como parece que será) algúns insistiran en que desexan marchar, que marchen. Pero coas contas claras e respectando ao milímetro as regras democráticas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO