Mostrando entradas con la etiqueta COMUNICACIÓN HOMES MULLERES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta COMUNICACIÓN HOMES MULLERES. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de octubre de 2014

PARA AS MULLERES É UNHA MASAXE

CON Michel Houellebecq equivoqueime. Unha demostración máis de que con prexuízos só mostramos ignorancia e preguiza mental. Despois de velo superficialmente nalgunhas entrevistas e ler por riba comentarios xornalísticos sobre as súas novelas, apresureime a clasificalo coma un pícaro enfant terrible, listo coma un allo, capaz de vender a súa obra a quen nin lle guste ler. Erro estrepitoso. Lidas as súas obras, analizadas detidamente moitas das súas entrevistas, a percepción do escritor varía coma do día á noite. A súa escritura é intelixente, rebelde, arriscada, algo pedante, si, pero profunda e analiticamente fría coma una tomografía axial computarizada da sociedade actual. Podemos quedarnos na súa maneira compulsiva de fumar ou descubrir o sabedeiro prato que nos ofrece a súa ansiedade estendida cara canta actividade artística se lle ocorra, do rap ao cine, da narración á poesía, da publicidade ao gusto polo estudo da ciencia; podemos desconfiar da súa trenca permanente como hábito publicitario ou apreciar a orixinalidade do seu incontestable ulido sobre as contradicións e falacias desta sociedade. Politicamente incorrecto, provocador, entregado á obsesión da súa creación como só os verdadeiros creadores se obsesionan, demostra en cada publicación que os seus silencios e determinadas condutas estrafalarias non estragan a súa valía.
Na última entrevista que lle lin analizaba ao seu estilo a diferencia esencial entre homes e mulleres. Mantiña que a muller comunica por comunicar, o home case sempre cun fin. O home pregunta: A que hora pensas volver á casa? E a muller responde: Pero ti quéresme? Para o home, comunicar é un intercambio de mensaxes utilizables; para a muller, é unha masaxe. Unhas boas fregas lúdicas, gratuítas e inacabables de curiosidade, afecto, tenrura, dominio, entrega, descubrimento. Por iso é tan difícil para os homes estar á altura comunicativa dunha muller. Acábansenos os fins, perdemos o fío, quedamos sen intencións útiles, entregámonos ao entretemento ou ao silencio por cansazo ou desesperación, deixándoa coa palabra na boca, desesperada. Xa está todo dito. Todo está claro, é evidente. Para que seguir. Mais elas non quedan satisfeitas, abúrrense desa comunicación interesada, precisan máis palabras, máis fregas, porque no acto de comunicar habita a masaxe que pode manter vivo o entusiasmo e a ledicia.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO