Presumen varios destes gobernantes que nós mesmos eliximos – en que andaremos pensado cando o facemos!- que eles chegaron á política ben mantidos, comidos e bebidos. Pois que ledicia. Mira ti que ben. Quere iso dicir que no precisan do meu voto, que se dedican á política por amor á arte, ao ben común, por altruísmo, por fe no xénero humano. Que pouco consideramos somos, que mal calibramos o que por nós tanto se sacrifican, que mal andamos de agradecemento. Creo que unha nova materia educativa a implantar, por se non houbese dabondo, entre os estudantes primeiros, debería ser aquela que rezase: Libro dos agradecementos, co subtítulo de: materia interdisciplinar dedicada á competencia da gratitude ao respecto dos políticos que por nós tanto se sacrifican. Algo longo, pero moi aclaratorio.
Exemplos para estudar polo miúdo non faltarían. Aínda que non sacado da realidade máis achegada, pola que sempre se deben comezar as aprendizaxes, o caso de Pujol sería un exemplo moi útil. Partindo das súas propias palabras (eu xa era rico cando entrei na política) poderiamos analizar cos cativos como un rico por herdanza é quen de se dedicar en corpo e alma (menos mal que non engadiu que por tal dedicación perdeu moitos cartos) á actividade política, no seu caso non xa tanto polo ben da cidadanía senón pola moito máis nobre actividade de facer nación. Algo superior. Mirar de que a educación e a sanidade, o emprego e a xustiza funcionen é ocupación menor para alguén con tan altas miras, case mesiánicas, encargado de construír un país. Iso si é misión e xenerosidade e entrega. O demais, papas fritas. Eu xa era rico antes de me dedicar á política. Unha frase para esculpir nas entrada de tódalas institucións catalás, para que se saiba, para que a ningún catalá con dereito a decidir se lle esqueza quen foi o pai da patria. Que os fillos sexan investigados por xuíces, por facenda e tribunais de contas é asunto menor, inapreciable. A esencia está no principio: eles xa eran ricos de nacemento, para nada precisaban da política no que a cartos se refire. Que algo anda por refuxios fiscais, que algúns millóns se enredaron en bolsas de deporte, que non cadran determinadas cifras... Pecados menores. A patria precisa un xergón firme por se algo se torce. Pero non indaguen sobre cartos, é de mal gusto, sobre todo entre persoas que xa chegaron á política enriquecidos. De investigar, investiguen aos que chegaron cunha man diante e outras detrás, pero aos que xa entraron comidos, por favor, que sigan en paz.
Outro que disque chegou comido á función pública é o conselleiro de sanidade de Madrid. Non tería ningún inconveniente en marchar, ten a vida resolta. Pero aí segue. Nin así abandonan. Miren o espírito de entrega polos demais que os invade, os profundos desexos de realizar o ben, e como seguen exercendo a súa función con tanta dignidade como xenerosidade. Este señor suponse que continúa, sobre todo, polas súas dotes de comunicación. Ás veces a valía dun político non está tanto na xestión canto na súa capacidade de transmitir o ben que o fai. Debe ser este o caso do encargado da sanidade madrileña, porque do contrario non se explica que a tal hora aínda continúe na dirección.
Pero non se crean que acaba aquí a nómina dos comidos e bebidos dedicados á política. O mesmo presidente do goberno encárgase de vez en cando de nos dicir que el ganaría moito máis dedicándose á súa profesión (a diferencia de Pujol ganada por oposición difícil e non por herdanza dubidosa, todo hai que dicilo), coma se con presentarse ás eleccións fose un favor que nos está facendo a todos. Por min pode deixar ese sacrificio cando queira. Se quere volver á súa praza de rexistrador, cando o desexe. Se, para diferenciarse de anteriores presidentes coñecidos só pola súa actividade política, coma se esta fose unha lepra, pretende elevarse á conta da súa ben remunerada profesión, facéndonos crer que é un sacrificado comunitario, mal actúa. Non é ese o camiño.
A ver se nos aclaramos: a actividade política é nobre, imprescindible, beneficiosa de raíz. Que moitos políticos a emporquen non quere dicir que debamos por principio denigrala. Dedicarse a ela non esixe desculpa algunha. É máis: os políticos non deben ser mendigos, nin presumir de cilicio e vida de anacoretas. Só deben realizar os seu traballo con rigor, limpeza e someténdose aos controis aos que nos sometemos o resto dos cidadáns non privilexiados. Máis nada. Que coman ben ou mellor antes ou despois da súa dedicación política debe traernos sen coidado. Só desexo que non utilicen a política para negocios turbios, que non se concedan privilexios imposibles para o resto da cidadanía, que non se corrompan nin convertan a vida económica do país nunha fosa de esterco. Máis nada. Se teñen cartos, que paguen os impostos que lles toque. Se ganan unha remuneración digna por exercer como políticos, excelente. Pero que non anden, por favor, vendéndonos a burra de que, ben comidos e bebidos, se dedican á política, ao contrario ca outros, só polo interese do ben común. Esa maneira de se diferenciar, político rico, político pobre, é dunha pobreza repugnante.
PUBLICADO EN DIARO DE PONTEVEDRA
lunes, 10 de noviembre de 2014
jueves, 6 de noviembre de 2014
PAÍS DE BOBOS
SON tantos os casos, tan frecuentes, que un xa perde a conta e non retén nin baixa a dificultade para saber quen é quen nisto da corrupción. Por iso, cando con motivo do último escándalo, escoitei o nome de Granados non fun capaz de asocialo a ningún rostro. Despois, coa catarata de informacións imposibles de ignorar, conseguín poñerlle cara a ese presunto estafador: coñecíao de saltar dunha cadea a outra vendo lóstregos de debates repetitivos, era aquel senador do PP que con tanta paixón e descaro discutía sobre todo e con todos, sempre cun sorriso de superioridade, seguro das súas simplezas, dono do seu argumento inamovible: os nosos (os do PP) non son ladróns coma todos os demais. Acostumaba a despachar sabedoría nesas cadeas especializadas en esfolar a todo canto soe a esquerda, ben acompañado de presentadores partidarios de encirrar máis que de moderar. Asociada cara e discurso co presunto delincuente pola actividade como conseguidor de comisións con empresas corruptoras a favor de políticos corruptos, non saio do meu pasmo.
Aceptemos que a tentación pesa, que probado un belisco do 3% non é doado deixar a comechón. Tapemos ollos e nariz, sexamos laxos. Agora ben, que un individuo de tal catadura se preste a saír un día si e outro tamén na TV alardeando da súa rectitude ética, da honradez do seu partido, do sacrificio e traballo co que soubo saír adiante na vida e da imposibilidade de que a el ninguén o corrompa, manda chover na Habana. Un auténtico cara de cemento, un fariseo sen miga de vergonza, un falabarato de descaro inaudito. Como alguén cunha actividade tan vergoñenta é capaz de declarar sen lle tremer a voz, coa vista fixa nos ollos do entrevistador ou na das cámaras, amigas ou inimigas (tamén na Tuerka tivo o descaro de despachar leccións de moral sen rubor), tan seguro e farsante? Porque con ser desprezables os latrocinios destes presuntos delincuentes de pacotilla, o peor xa case se me antolla a maneira de se rir de nós na cara: esa chulería propia de matóns, dos que contan con tantos contactos capaces de impermeabilizalos diante de calquera investigación; esa desenvoltura coa que menten, tomándonos a todos por imbéciles aos que se pode enganar sen demasiada preparación nin intelixencia nin maldade. E o peor é que o presidente do Goberno, por varias raposadas que repite sen gracia, vai na mesma liña: na de pensar que este é un país de bobos.
POR QUE SABEN QUE NON PODEMOS?
Non me estraña que os partidos escleróticos teman a Pablo Iglesias. Imaxinar a Rajoy ou Pedro Sánchez, non digamos a Cayo Lara, debatendo con el explica por que os atemoriza: liquidaríaos sen piedade. Porque é mellor orador, porque cre máis no que di, a pesar de que maiormente xogue con elementos utópicos, porque conecta co sentir maioritario de cidadáns alporizados, porque aparenta formado e honrado, porque demostra educación, porque sabe escoitar, porque está afeito a someterse a mil trampas, porque foi listo aceptando discutir cos máis rabiosos detractores, porque arrinca de verdades simples e incuestionables, porque é demoledor sen despeitearse e porque, en definitiva, é moito mellor comunicador – non sei se político- ca eles. Así pois, que os políticos o teman, que traten de desprestixialo, ignoralo ou mergullalo canto antes, non me sorprende. O que non acabo de entender é como analistas e politólogos, escribidores e formadores de opinión, agás contadas firmas e medios, coinciden en tratalo como un ignorante atrevido que levaría ao país ao desastre inmediato. Non serei eu crédulo nin afervoado defensor da súa causa así como así. Podo garantirlles que idéntico espírito crítico que me move cara os por el chamados da casta non se abranda diante da súa coleta. A modo de aperitivo, só resaltar que na magnífica entrevista realizada por Évole – con reflexos, directo, duro, sen caramelo- , Iglesias demostrou unha debilidade en cuestións económicas preocupante e por norma elude incluír entre os da casta aos partidos nacionalistas, defectos que, como non atalle axiña, o meterán nun xardín con difícil saída. Aínda así, demostrou o que de sobra espallou por canta cadea tivo a ben invitalo aos seus debates: valentía, elocuencia, serenidade, sinceridade, educación, nivel mínimo de formación. Características todas que os actuais políticos non soen amosar. Por iso digo que non entendo a feroz campaña desatada contra el por parte de analistas cando pouco é o que imos sabendo do seu programa e nada sobre a súa eficacia como xestor. Adiantarse de tal maneira como visionarios antóllaseme prexuízo máis que análise.
Como é que todos os que nin por asomo previron a crise do 2008 nin saben agora prognosticar cando dela sairemos, a golpe de filtración van albiscando e cambiando de rumbo, poden descubrir a ciencia certa que Iglesias actuará coma un Maduro bolivariano inmaturo, un Evo cocalero, un Correa ecuatoriano na España do 2015? Como, digo os analistas, non os políticos, xa sabemos que estes si teñen razóns para tremer , poden machacar a alguén que está construíndo o partido dende a base como non se construíra ningún ata agora? A que criticalo por asembleario por consultar ás bases (porque é democrático) e de ser casta por querer organizarse (por ser pragmático)? Por que ese empeño en repetir que non expón nin unha idea cando debate tras debate, diante de ninguén se arreda, demostra ser capaz coa súa dialéctica de poñer nerviosos e desarmar aos contrincantes? A santo de que ridiculizalo como líder se calquera admite que sen un bo líder non é posible ganar unhas eleccións? É ou non é bo líder? Comunica ben ou mal? Consulta ás bases e somete as súas ideas ao voto de 120.000 cidadáns ou resulta elixido a dedo por Aznar? Debate o seu incipiente programa en público ou agóchao? Somete a revisión os mecanismos de control do partido ou non? É populista, din uns, antisistema outros. Populista por conectar coa amargura de millóns de cidadáns que se senten tratados coma imbéciles, por resaltar que existen desigualdades pornográficas que dan noxo? Antisistema por dicir ás claras de lado de quen está? Como é que tanto analista chegou á certeza que non é posible transformar o xeito de facer política? Como se explica que tantos coñezan tan ben o futuro e anuncien catástrofes sen fin? Por que tanto empeño en matar de raíz o xermolo dunha forza que ilusiona e atrae á mocidade ao compromiso político?
Claro que é un proxecto indefinido, fráxil, con lagoas evidentes. Claro que vive da euforia da iniciación, esa que dá pé a pensar que os limpos e xenerosos só medran no noso bando, a corrupción e a maldade habitan fóra; a que invita a sacralizar iso chamdo “la gente”; a que anima ao axuste de contas pola rabia acumulada; a que se alimenta dos soños mentres a necesidade da acción non obriga a mancharse coa ferruxe de cada decisión; a que insiste nas ideas simples con éxito, sen afondar nas complexas que tanto rompen a cabeza e as fantasías... Claro que é Podemos un partido con interrogantes, con defectos visibles, ao que o agardan caídas á volta da esquina. E que? Non teñen dereito a irse modelando, a moderarse no contacto coa realidade, a aprender andando, a ir perfilando un programa á vista de todos? Entendo que os rivais treman e utilicen tódalas armas para desactivar a quen os está deixando en evidencia. Entendo que esteamos atentos e críticos co nacemento deste novo partido, ninguén debe salvarse da vixilancia e escrutinio severo, para que a democracia funcione ha ser así. Pero que se intente tronzar de raíz e con argumentos falaces un proxecto de renovación cando por todas partes se suplica renovación, non me cadra.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
Suscribirse a:
Entradas (Atom)





