lunes, 10 de noviembre de 2014

POLÍTICO RICO, POLÍTICO POBRE

Presumen varios destes gobernantes que nós mesmos eliximos – en que andaremos pensado cando o facemos!- que eles chegaron á política ben mantidos, comidos e bebidos. Pois que ledicia. Mira ti que ben. Quere iso dicir que no precisan do meu voto, que se dedican á política por amor á arte, ao ben común, por altruísmo, por fe no xénero humano. Que pouco consideramos somos, que mal calibramos o que por nós tanto se sacrifican, que mal andamos de agradecemento. Creo que unha nova materia educativa a implantar, por se non houbese dabondo, entre os estudantes primeiros, debería ser aquela que rezase: Libro dos agradecementos, co subtítulo de: materia interdisciplinar dedicada á competencia da gratitude ao respecto dos políticos que por nós tanto se sacrifican. Algo longo, pero moi aclaratorio.
 Exemplos para estudar polo miúdo non faltarían. Aínda que non sacado da realidade máis achegada, pola que sempre se deben comezar as aprendizaxes, o caso de Pujol sería un exemplo moi útil. Partindo das súas propias palabras (eu xa era rico cando entrei na política) poderiamos analizar cos cativos como un rico por herdanza é quen de se dedicar en corpo e alma (menos mal que non engadiu que por tal dedicación perdeu moitos cartos) á actividade política, no seu caso non xa tanto polo ben da cidadanía senón pola moito máis nobre actividade de facer nación. Algo superior. Mirar de que a educación e a sanidade, o emprego e a xustiza funcionen é ocupación menor para alguén con tan altas miras, case mesiánicas, encargado de construír un país. Iso si é misión e xenerosidade e entrega. O demais, papas fritas. Eu xa era rico antes de me dedicar á política. Unha frase para esculpir nas entrada de tódalas institucións catalás, para que se saiba, para que a ningún catalá con dereito a decidir se lle esqueza quen foi o pai da patria. Que os fillos sexan investigados por xuíces, por facenda e tribunais de contas é asunto menor, inapreciable. A esencia está no principio: eles xa eran ricos de nacemento, para nada precisaban da política no que a cartos se refire. Que algo anda por refuxios fiscais, que algúns millóns se enredaron en bolsas de deporte, que non cadran determinadas cifras... Pecados menores. A patria precisa un xergón firme por se algo se torce. Pero non indaguen sobre cartos, é de mal gusto, sobre todo entre persoas que xa chegaron á política enriquecidos. De investigar, investiguen aos que chegaron cunha man diante e outras detrás, pero aos que xa entraron comidos, por favor, que sigan en paz. 
Outro que disque chegou comido á función pública é o conselleiro de sanidade de Madrid. Non tería ningún inconveniente en marchar, ten a vida resolta. Pero aí segue. Nin así abandonan. Miren o espírito de entrega polos demais que os invade, os profundos desexos de realizar o ben, e como seguen exercendo a súa función con tanta dignidade como xenerosidade. Este señor suponse que continúa, sobre todo, polas súas dotes de comunicación. Ás veces a valía dun político non está tanto na xestión canto na súa capacidade de transmitir o ben que o fai. Debe ser este o caso do encargado da sanidade madrileña, porque do contrario non se explica que a tal hora aínda continúe na dirección. 
Pero non se crean que acaba aquí a nómina dos comidos e bebidos dedicados á política. O mesmo presidente do goberno encárgase de vez en cando de nos dicir que el ganaría moito máis dedicándose á súa profesión (a diferencia de Pujol ganada por oposición difícil e non por herdanza dubidosa, todo hai que dicilo), coma se con presentarse ás eleccións fose un favor que nos está facendo a todos. Por min pode deixar ese sacrificio cando queira. Se quere volver á súa praza de rexistrador, cando o desexe. Se, para diferenciarse de anteriores presidentes coñecidos só pola súa actividade política, coma se esta fose unha lepra, pretende elevarse á conta da súa ben remunerada profesión, facéndonos crer que é un sacrificado comunitario, mal actúa. Non é ese o camiño. 
A ver se nos aclaramos: a actividade política é nobre, imprescindible, beneficiosa de raíz. Que moitos políticos a emporquen non quere dicir que debamos por principio denigrala. Dedicarse a ela non esixe desculpa algunha. É máis: os políticos non deben ser mendigos, nin presumir de cilicio e vida de anacoretas. Só deben realizar os seu traballo con rigor, limpeza e someténdose aos controis aos que nos sometemos o resto dos cidadáns non privilexiados. Máis nada. Que coman ben ou mellor antes ou despois da súa dedicación política debe traernos sen coidado. Só desexo que non utilicen a política para negocios turbios, que non se concedan privilexios imposibles para o resto da cidadanía, que non se corrompan nin convertan a vida económica do país nunha fosa de esterco. Máis nada. Se teñen cartos, que paguen os impostos que lles toque. Se ganan unha remuneración digna por exercer como políticos, excelente. Pero que non anden, por favor, vendéndonos a burra de que, ben comidos e bebidos, se dedican á política, ao contrario ca outros, só polo interese do ben común. Esa maneira de se diferenciar, político rico, político pobre, é dunha pobreza repugnante.



PUBLICADO EN DIARO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.