lunes, 30 de noviembre de 2015

FRENADOL PARA AS GALIÑAS

A razón pola que miña nai goza dunha saúde magnífica cumplidos os 89 anos está, ademais de na súa xenética, no gusto co que mantén a horta e na dedicación ás súas galiñas. Na horta cultiva nabos, berzas para os coellos, tomates, cebolo, xudías, cenorias, pementos, leituga e fabas. Mantén os métodos de traballo que aprendeu de sus pais e non se deixa gobernar por modas nin demasiadas axudas químicas. Atende ao sol, ás xeadas, á lúa e a que a terra pase os seus períodos de descanso.
Os apeiros son os tradicionais, cunha sacha e pouco máis arréglase para que a produción sexa o máis vizosa. Discute con meu pai por se non está o lugar o suficientemente abrigado e non pasa día no que non controle se andan a medrar herbas ruíns. Pola súa intención aínda plantaría ferrados e ferrados de millo e patacas, cústanos moito convencela de que só dedique uns regos a produción tan ruinosa.
Manter aos coellos gústalle, pero atender ás galiñas é paixón. Non creo que existan galiñas no mundo mellor tratadas. Pastorea nelas, coñéceas e dalles un trato individualizado, selecciona con mimo o millo que lles dá, comen casca de ovos e outras delicadezas escolleitas coma se necesitasen un menú de meniño. Se pola alimentación e dedicación que ela lles presta houbese que analizar o prezo do seus ovos, serían os máis caros do mercado. Mirado polo baixo, calculo que a ducia débelle saír a doce euros. Un negocio.
Pero a ela danlle media vida. Érguese coa ansia de atendelas, vainas ver a cada pouco, trae os ovos no maldil coma tesouros e sácaas a pasear cada tarde pola mellor zona do xardín, de maneira que cans, persoas e beleza han de estar ao servizo das necesidades e caprichos das galiñas. Meu pai xa se rendeu e non peterrea con ela, sabe que diante das galiñas está vencido. Son as raíñas da casa. Con todo, miña nai garda aínda o siso no seu sitio e non se anda con andrómenas. O outro día soubo dunha muller que foi á farmacia pedindo frenadol para as galiñas e levou as mans á cabeza: onde tal se viu, e esa muller está tola ou que, pensa que as galiñas son cristiáns...

QUEDA O PARAÍSO LONXE DO CENTRO?

DAS AFORAS seguro que si. Pero tampouco no centro vemos probas evidentes de que alí poida estar o paraíso. Nos dous últimos séculos aceptamos que a extensión da liberdade sería garantía de maior felicidade, pero tal e como Mark Lilla propón analizando a última novela de Houellebecq, Submisión, non parece tan claro. Europa anda sen rumbo de maneira clara. No só pola crise que mostra as carencias da unión monetaria, senón, sobre todo, pola falta de substancia espiritual que a cohesione. Se cadra a falta de rumbo ten que ver cunha tentación moi antiga que o islam nos está recordando: caer de novo sometidos diante de quen aseguran falar en nome de Deus, que, coma sempre, permanece tan distante e calado.

Dende que o home comezou a contarse e a tratar de interpretar a natureza para vencer o enorme medo que nos produce o desconocido e a morte, acudiu axiña a mitos e deidades que lle axudasen na súa dependencia. En canto evolucionou socialmente, na creación de ferramentas, na división do traballo, na representación simbólica, puido evolucionar dun panteismo indefinido a un politeismo anulado pola potencia dun monoteismo soberano. Apareceron as relixións do libro, as das narracións que se interpretan ao dictado de Deus para identificarse, cohesionarse e fortalecerse como grupo propio e diante dos inimigos. Propuxeron narracións acordes aos tempos nos que a violencia, a cruedade e a vinganza eran propias dos deuses. E ofreceron unha salvación segura para quen se sometese a unha moral ditada dende as alturas, na que primaba a obediencia, falta de crítica e submisión absoluta aos designios do creador salvador.

Custou séculos romper esa visión relixiosa que deu en controlar o poder político cun pensamento ao servizo de tal ideoloxía. As distintas transformacións posibilitaron unha Ilustración en Europa que deron pé a un cambio transcendental nas relacións entre o home a divinidade e dos homes entre si. A ciencia desbordou á filosofía só servidora da teoloxía. Os dereitos impuxéronse aos dogmas. O home sentiuse a cada paso máis dono do seu destino, con independencia de que experiencias sociais nas antípodas da fe, como o socialismo real, propuxesen unha submisión similar a cambio dun paraíso aquí, non despois da morte. Fracasado con estrépito o modelo de paraíso igualitario baixo o dominio dun Estado-Deus, seguimos agarrándonos á liberdade como liberadora auténtica e verdadeira promesa de felicidade.

Liberdade levada ás últimas consecuencias que nos deixa desasistidos, en mans dus cantos desapiadados que enredan coa maioría a capricho dos seus intereses cobizosos. O paraíso de liberdade tórnase trampa ao caer na indefensión, na soide, no medo ao terror, nas ameazas que ao Estado lle custa desterrar. O prezo da liberdade antóllase caro. Tal e como moitos autores retratan, a crise de Occidente demostra o cansazo e fastío dos incovenientes da mera liberdade. Por iso aparecen autores e obras que cuestionan se só nela atoparemos o paraíso. Por iso a quebra de tantos valores parece que deixa ao home actual no aburrimento ata a eternidade, farto de consumir e de intoxicarse coas drogas idolátricas do sexo, o mercantilismo e a soidade. ¿Andaremos detrás de valores seguros, de autoridade firme, de confort aínda con menos liberdade? ¿Pretenderemos regresar a niños de submisión que nos ofrezan a seguridade que a liberdade nos puidera cuestionar?

Sería o grande erro da civilización e un retroceso inaguantable. Woody Allen dicía que cría cos ollos pechos no paraíso, o que lle gustaría saber é se queda lonxe do centro e que horario de apertura ten. Probablemente non estea no centro, dende logo nos suburbios non, e tampouco é probable que teña un horario establecido, pero seguro que non se presenta na tentación da submisión, de regresar ao pasado acolléndonos á seguridade de reglas que nos veñan impostas por quen din falar en nome de Deus, aínda que sexa o máis amable. Coa señalización que decidamos, atopando unha nova cohesión esperitual e fuxindo do nihilismo, pero na liberdade está o camiño.

sábado, 21 de noviembre de 2015

PASEI A NOITE AMANDO

ANDO pola Roma azul e cálida deste outono empapando os sentidos coa beleza que a adorna. Un exceso que xa Stendhal entendera que satura ata a perda de control. Pero como hai décadas que non piso a cidade, non quero perder nada do que pretendía ver. E así, chegada a noite, canso, durmo vencido por tanta color, formas e espazos á espera do plan do día seguinte. Así ata o terceiro no que as cores e esculturas, monumentos e prazas, igrexas e nomes bailan no cerebro creando unha mesturanza efervescente de imaxes encadeadas que non me deixan durmir.
Paso a noite na cama pero do Panteón á Capela Sixtina, das estancias de Rafael á Villa Borghese, desta á Doria Pamphilj, de San Pietro in Vincoli á Piazza del Popolo, á Navona, á Fontana de Trevi... sen parada. Ora repaso o vigor furioso das pinturas e figuras de Miguel Ángel, ora á dozura delicada de Rafael; vou dos santos con cara de rufiáns de Caravaggio ao retrato demasiado verdadeiro que Velázquez calca de Inocencio X; das follas de mármore coma cristal esculpidas no aire por Bernini para que Dafne fuxa coma árbore de Apolo á sensualidade lisa de Paulina Bonaparte cincelada por Canova. Frescos, columnas, deuses e deusas, laranxeiras no Palatino, fontes, arcos, triunfo, circo, imperio, pasado, motos e fume na vida anárquica dunha cidade pola que paseamos turistas, emigrados en busca de vida, cidadáns romanos de hoxe, curas e monxas a feixes e sen complexo, e onde en cada curruncho unha cruz monta sobre un templo a Xúpiter ou Rómulo.
Hai enriba da porta de entrada á última sala da pinacoteca da Galería Borghese un cadro de Rafael titulado La Fornarina (a panadeira). Conta a lenda que era a súa amante e que despois dunha noite de amor con ela, o pintor de Urbino enfermou e nunca deu recuperado, morrendo ao pouco tempo con tan só 37 anos. Neses anos só pintou e amou. Na súa grande obra A escola de Atenas trata de representar a beleza, a bondade e a verdade. Na miña noite eufórica de imaxes a cores en Roma, toda ambición, violencia e cobiza, que non son alleas á cidade, quedan anuladas polo peso da verdade, da bondade e, sobre todo, da beleza. E por iso paso a noite amando. E non pego ollo. E non me importa.

CASE NON FALAN ÁRABE

MULTICULTURALISMO e asimilacionismo están fracasando. Con independencia das abundantes e complexas causas de política internacional, a situación de horror e medo que padecemos en Occidente (para que nos fagamos unha idea do que é o pan diario nas zonas de guerra) conta cun fenómeno interno que merece reflexión. É o referido a eses combatentes que se unen de maneira apaixoada ao terror, tanto fóra coma dentro, sen case saber árabe, dende logo falando francés ou inglés perfectamene, porque naceron, criáronse e foron acollidos nestes países. Que leva a estas xeracións a ser tan desgradecidas con quen os acolleu? Por que a mensaxe de morte é máis atractiva para eles que a vida que se lles ofrece nos países de acollida? Como é posible que mozos subvencionados, escolarizados e criados neste mundo prefiran o suicidio, e queden tan facilmente seducidos polo proselitismo dos musulmáns radicais? 

Por descocontado que non se pode esquecer o dano causado pola intervención en Afganistán e Irak, os intereses cruzados de distintos países na zona de maior destrución neste momento e que alguén compra o petróleo que sae do EI por Turquía; é evidente que bombardear a secas pode ser lume no deserto, que alguén negocia coas armas e que esta guerra colle desprevenidos a tódolos estrategas; certo que a nai da maioría dos problemas está na imposibilidade de separar relixión e política, esa lacra medieval que no islam (en todo, tamén no pacífico e no amable) impide o progreso que, contra corrente e á forza, foi capaz de superar o cristianismo. Claro que mentres non se dea unha separación total e radical entre relixión e política, non haberá revolución árabe posible. E por suposto que non será doado modificar esquemas donde, coma por exemplo en Paquistán, o 75% dos cidadáns considera que quen abandone o islam merece a pena de morte; ou sociedades nas que, coma en Irak, se está pensando en aprobar unha lei para que as nenas poidan contraer matrimonio aos 9 anos; ou, como ben sabemos todos, en todo ese mundo onde as mulleres non chegan nin a valer medio home. Efectuar cambios nesas circunstancia esixe plan a moi longo prazo. Haberá que descubrir e apoiar aos seus Locke e Voltaire, que algúns hai. Exportar ademais de tecnoloxía espírito crítico aos países ricos desa comunidade, promover intifadas culturais no mundo árabe que limpen de superstición a mentalidade islámica. E adoptar medidas conxuntas, tanto diplomáticas como económicas, de intelixencia e en internet, que primen os valores realmente democráticos e laicos. E defendernos sen medo, os nosos valores de liberdade e igualdade son superiores, para iso pasmos unha ilustración. Así. Sen complexos. Certos relativismos culturais só conducen a que o enimigo - a superstición e o atraso- se impoñan. 

Pero mentres, na casa, que facemos con esa mocidade que chegou na busca dunha vida mellor e queda abducida pola morte e o terror? Como tratamos a eses imans, pagados dende países «amigos», que inoculan odio e fanatismo nos desesperados desocupados e desarraigados dos banlieue das grandes cidades francesas? De que maneira podemos contrarrestar o resentimento dos fillos de quen chegaron a unha república que os hospedou e agora eles lles mostran a máis fera ingratitude? Como di Ayaan Hirsi Ali, estes mozos buscan ser mellores persoas, unha vida máis plena, un pasado honorable e glorioso, algo que os encha; aceptan unha misión sagrada. Criáronse entre nós e déixanse seducir por unha narración que consideran de deuses e aceptan a inmolación. E viven en París, Londres, Berlín. E case non saben árabe, si perfecto francés, alemán ou inglés. O problema está medrando dentro de nós moito máis do que queiramos enfrontar. Nin multiculturalismo nin asimilacionismo están sendo efectivos coas segundas e terceiras xeracións. Europa ten moitos problemas, un, non menor, é o da integración. Porque medrar en islamofobia, pechar fronteiras, negarnos a acoller aos que pretendan integrarse e confundir aos refuxiados que foxen do mesmo horror con criminais de guerra non é solución. Pero pecar de inxenuos e seguir subvencionando a quen pretende anular o noso progreso e asasinarnos, é estúpido.

domingo, 15 de noviembre de 2015

PASEI A NOITE ODIANDO

A rebelión serve como catalizador de penas. A rabia e a negación conxugan de vez en cando para liberar o caldeiro cheo de tanto aguantar. Pasamos por mil e unha dificultades , aguantando en silencio ou sen aparentemente nos inmutar, coa convicción de que con esparruñar non arranxaremos nada, pero chega un momento en que, como El Bombita de Darín en Relatos salvajes, a un éncheselle o humor ata a cima e decide estoupar de vez. Algo así me debeu pasar a min unha das últimas noites.
Como o sono non quería apousar sobre min , farto de ler e pensar, dei en odiar. Así, con tódalas letras: o-d-i-a-r. A que, a quen? A canto se atrevía a penetrar na miña consciencia. Incapaz de parar os pensamentos, estes ían e viñan incontrolados das inxustizas sociais ás humillacións vistas e recordadas, dos abusos e corruptelas á ignorancia e covardía de tantos.
En primeiro eran os conceptos en si os obxectos de odio, pero axiña se foron transformando en persoas recoñecidas, cada cal representando á perfección a concreción do mal odiado. Para o cinismo elixía un nome e rostro, para a corrupción varios políticos que nin merece a pena nomear, para a maledicencia un presentador de televisión que as poucas veces que o vexo me produce comechón e para a ignorancia máis perigosa a varios triunfadores sociais aos que co desprezo non sei se enmascaro envexa.
Como a noite avanzaba e a lista de condutas e persoas a quen odiar non se detiña, comprendín que non era bo método para entrar no sono, que era a razón do xogo. Pero foi aquí que caín na conta do perigoso que é odiar. Canto máis odias, máis ganas tes de odiar, e cando pensas ter rematada a nómina de todos cantos podías incluír no teu afán por esnaquizar, aparecen novas imaxes que aínda te incitan máis ao odio. Tanto que, aínda dando renda solta á imaxinación, xa non che queda nada con que castigalos, caendo na conta, por fin, que canto máis odias, máis te odias a ti mesmo, pois, coma a tolerancia nunha droga, canto máis odias, máis necesitas odiar sen nunca atopar paz.
Foi entón cando recordei unha frase atribuída a Bismarck: Non peguei ollo, pasei a noite odiando. E decidín parar en seco para pegar ollo.

O EFECTO MATEO

LEO que do 2010 ao 2014, a retribución dos conselleiros do ibex medrou un 22%. Na mesma época, sen abrumar con datos, sabemos que moitos cidadáns e servizos, sobre todo sanidade e educación, padeceron un retroceso signficativo. Os salarios diminuiron un 18,8%, o 64,7% da poboación traballa a tempo parcial, o número de pobres incremetouse e máis familias das desexadas teñen a todos os seus membros no paro. Tamén se sabe que durante esta época aumentou o número de millonarios e que os que xa o eran, prosperaron.

Non son da idea dun igualitarismo mediocre. Entendo que para o progreso é imprescindible a existencia de incentivos. De igual maneira que é xusto recoñecer que non todos se esforzan igual nin aplican idéntica tensión a inventar, medrar e crear riqueza. É lóxico, polo tanto, que existan diferenzas entre salarios e beneficios. Mal nos iría nunha sociedade na que a intelixencia, o tesón e a audacia non recibiran recompensa. Experiencias sociais coñecemos onde un falso igualitarismo mediocre anula toda vitalidade social, abocando aos cidadáns a unha rutina cansa carente de todo estímulo.

Mais dito isto, razoable parece admitir que a tendencia á concentración da riqueza está resultando un perigo para a democracia. O poder que acumulan determinadas empresas fai tremer a calquera estado, mesmo a riqueza dalgúns individuos particulares. Algo debería modificarse se non queremos que a cada paso as decisións dependan máis dos intereses dese grupo reducido de auténticos poderosos que teñen ao servizo aos mellores técnicos fiscais, aos mellores avogados, aos mellores políticos ía a dicir, porque é a eles aos que máis pesionan para que as leis se acheguen e se acomoden aos seus intereses. As ideas conspirativas non soen ser boas conselleiras, pero ás veces un sente medo de que determados grupos empresariais non estean controlando de maneia sibilina as leis máis importantes de gobernanza no mundo para que se axusten ás súas necesidades de beneficio.

En calquera caso, o evidente é a tendencia a que a riqueza se concentre en poucas mans, cumpríndose o efecto Mateo cando nos evanxeos dicía que ao que ten daráselle e ao que non ten, o pouco que lle queda, quitaráselle. Os tempos de bonanza xa son bos, pero nos malos tamén os que teñen moito prosperan mentres a maioría se derruba. Hai partidos aos que se critica por non ter o pés na terra que se atreven a facer propostas para modificar esta tendencia. Alberto Garzón acaba de proponer que, por lei, os salarios máximos non superen dez veces aos máis baixos. É unha medida discutible, sen dúbida. Podemos por lei frear a dinámica de estímulo e beneficio que a sociedade libremente xera? Non suporía iso un freo ao deixar de premiar a sana ambición e a excelencia?

A medida, como digo, ofrece moitos puntos de discusión. Pero se analizamos a raíz e motivo da súa proposta se cadra temos que admitir que algo similar e máis matizado habería que artellar. Unha sociedade que continúe por esta deriva de aumento da desigualdades pode estrangularse a si mesma. Non só por motivos éticos dado o gran número de excluídos que se perden polo camiño, senón incluso pola súa posibilidade de progreso e mellora económica. Canto máis igual é un país, mellores perspectias económicas mostra. O efecto Mateo non parece a mellor liña económica para unha sociedade do futuro. Cantos máis traballen e máis equilibradas estean as remuneracións, maior progreso, democracia e benestar. A máis concentración ponográfica da riqueza en poucas mans, maior perigo para o progreso e a democracia.

domingo, 8 de noviembre de 2015

A INUTILIDADE DA QUEIXA

AS ondas brancas chispeaban vernizando dunha feble luz o comezo lento da noite. No alto, unha negrura de raras formas contrastaba cos relustros intermitentes que emitía o faro e coa escuma de leite que rompía contras as rochas e na praia ata se derramar pola area. Era tanta a beleza que non quedaban nin forzas nin razóns para a queixa. E mira que tiña ganas de me laiar. Mais non puiden: entre o son moncorde do mar e a brancura das ondas alumeando na escuridade que viña do fondo e me cubría, aceptei a inutilidade da insatisfacción e da queixa.
Acordeime dos que por pura supervivencia se atreven a atravesar o mar, tan negro, tan fero, tan fondo, familias enteiras que son expulsadas do seu territorio de orixe e quedan sen un triste fogar ao que volver, lanzándose na desesperación contra todo temor, calquera valo; da nosa cultura, en contraste, tan pendente dos dereitos individuais, en que temos dereito a mans cheas, polo que sempre atopamos motivo para a queixa, coma nenos mimados aos que, aínda dándolles todo, sempre lles falta algo.
Lembrei, mentres camiñaba, as reflexións de Parthasarathy cando insiste en que as civilizacións que progresan en serio están fundadas na xenerosidade, en crear, en dar. Todo parece indicar o contrario, que é o cínico, o malvado, o sen escrúpulos, a sociedade combativa e implacable a que medra e vence. E se cadra non é así. Porque recibir e reclamar sitúanos sempre na dependencia. Dar e responsabilizarnos fainos donos do noso decidir.
Unha sociedade que esquece as obrigas e responsabilidades e a xenerosidade, máis preocupada polo que nos deben que polo que podemos dar, acaba abonada á queixa perpetua, a unha dinámica egoísta e improdutiva. A desgraza vai da man da perda de responsabilidade e do control da propia existencia. Adquirir un maior sentido do deber cara ós demais, ocuparnos da familia, da cidade, fainos máis donos da nosa existencia. Canto máis dás, máis dono es de ti. As ondas chispeantes perdían forza para alumear entre tanta escuridade como se botou enriba, aínda así, no silencio harmonioso acompañado do zunido do mar, aceptei a inutilidade da queixa.