domingo, 10 de julio de 2016

GUÍAS DE SAN PETERSBURGO

NON é que acostume a viaxar con guía, gústame máis andar ao meu aire e patear as cidades dunha maneira un tanto anárquica. Pero nesta ocasión, pasei dous días en San Pestersburgo cun grupo conducido por unha guía como nunca outra coñecera. Unha señora tan particular e estrafalaria que en primeiro xerou un malestar xeneralizado entre os turistas e acabou por nos dar lástima a todos. O seu español non era que fose moi fluído, pero polo idioma podería defenderse. O peor da súa actuación centrábase no fragmentado do seu discurso, nos silencios inexplicables, na subxectividade das afirmacións, e nas súas confesións de frustración, descontento e fracaso vital.
Coma se utilizase o micrófono para realizar unha terapia informal na que nos contaba dende a súa insatisfacción afectiva (lamentaba ser unha solteirona insatisfeita), as súas preferencias políticas (non se cansou de insultar a Putin, perdoar a Gorbachov e maldicir a época soviética) , a súa frutración profesional (choraba a cada paso a desgraza de ter que repetir sempre as mesmas anédotas e información) ata expresar a súa angustia temendo que o autobús chocase no descontrolado tráfico da cidade ou algún viaxeiro sufrise un accidente. En fin, unha alegría de señora levándonos dun lado a outro no autobús, trasladándonos polos distintos palacios, canles e xardíns a uña de cabalo e someténdonos a unhas carreiras polas distintas salas do Hermitage cunha présa coma se fuxise dalgún mafioso.
E foi no Hermitage, xa canso e perdido das súas explicacións truncadas e grotescas, cando desconectei os auriculares e me detiven nos cadros ou pezas que máis me chamaban a atención. Pero como ante todo estímulo me domina a tendencia a fixarme máis nas persoas que en nada, axiña detectei outra guía completamente distinta. Nova, atractiva, cun sorriso de neve, branca e rubia, cuns ollos azuis inmensos. Non atendía a ningún grupo. Estaba contratada por un italiano baixo e gordete con pinta de profesor que comentaba con ela os detalles de cada cadro con parsimonia.
Ela atendíao cunha dedicación exclusiva e delicada que o profesor agradecía con sorrisos e admiración. Seguín as súas explicacións en varios cadros de Rembrandt e confirmei que o italiano non só era profesor senón tamén profesor de arte. O diálogo que mantiña coa guía demostraba un coñecemento e fondura que ninguén que non estudase arte podería expresar. E a guía non lle quedaba atrás. Ademais de falar un italiano perfecto, víase culta, delicada, educada. Como a miña guía fuxía das salas temendo que os cadros a escaldasen, para non perderme do grupo perdín á parella de profesor italiano e guía fermosa. Máis tarde, á hora de comer, no restaurante, quedei desconcertado cando nunha mesa vin á parella formada pola guía rusa e o profesor italiano collidos da man e mirándose aos ollos coma se o Hermitage os namorase de maneira súbita.

viernes, 8 de julio de 2016

FALAR COS FILLOS

NO edificio onde vivín durante algúns anos, tiña o título de ser o máis vello do seus moradores. Estaba rodeado de mozos solteiros, novos, vitalistas, e de matrimonios nos seus inicios, moi atrevidos eles, pois ían xa tres parellas polo segundo neno. Era un edificio de moito neno e mocidade alegre, educada, que trataban con certa condescendencia ao vello que alí con eles coincidía no garaxe, no ascensor e nas reunións da comunidade. Algo que me indicou as transformacións que con axilidade se estaban a producir na sociedade era o nivel cultural e diálogo destes habitantes. Todos profesionais, estudados, con emprego, o que non é unha mostra precisamente significativa do que ocorre, pero si de por onde van determinadas liñas para o futuro. Tanto solteiros coma casados coincidían na facilidade para harmonizar diversión con laboriosidade, alegría con responsabilidade. E todo dentro dun respecto e dialogo que non era tan frecuente na xente da miña xeración. 
Máis afeitos á democracia, as reunións de comunidade resultaban prácticas e civilizadas; os problemas de convivencia diaria solucionábanse con facilidade por ser dados a se situar no lugar do outro; as perturbacións inevitables de choros de nenos ou algunha festa que se prolongaba máis do debido eran sempre aclarados cunha desculpa sinceira. Gustábame convivir con veciños tan novos.
Entre os casados, algo que me sorprendeu favorablemente foi o dominio do inglés. Polos seus traballos, polas parellas elixidas, polas viaxes, polos estudos, todos manexaban con fluidez outras linguas. E o que me chamou a atención foi que tamén todos lles falaban aos fillos dende o berce en inglés. Cando me atopaba cos cativos e intentaba ser agradable, comprobaba que me contestaban con naturalidade nesa lingua, pois con algún dos proxenitores era a que falaban a cotío. Un agradable descubrimento. 
Certo, como xa dixen, que cadrou nun ambiente non maioritario, pero sen ser un dato sociolóxico contrastado, é un indicio de por onde vai a mocidade culta do momento. Os nenos falaban indistintamente con algún dos pais en varios idiomas con toda naturalidade. En contra dalgunhas ideas estendidas, ningún destes meniños presentaba dificultade para aprender varios idiomas a un tempo, ao contrario, víanse seguros pasando dun a outro.
Mágoa que esta tendencia non se vexa favorecida cunha práctica que xa noutras ocasións teño solicitado: que dunha vez se deixen de dobrar as películas na televisión. O exemplo de Portugal non pode ser máis clarificador. Comprendo os intereses do gremio de dobradores, pero nada sería máis beneficioso que proxectar as películas no seu idioma orixinal con subtítulos. Eso si: o que non atopei entre os cultos e políglotas papás do edificio, foi un que lles falase aos fillos en galego. Non digo nada. Constato. 
Escritor e profesor de in

DEUS CONTA AS BÁGOAS DAS MULLERES

NON me pregunten o porqué, pero estou convencido de que as mulleres entenden mellor o mundo que os homes. Será pola testosterona varonil, que tampouco nos deixa vivir tanto coma elas. Hai algo no home que o incita á abxección e á estupidez, á catástrofe total. Un home loita contra vento e marea por erguer un imperio, por facer cartos, por dominar, progresar, e cando chega á cúspide, cando parece ter alcanzado o soño detrás do que andaba, guinda o éxito pola borda. Esnaquiza todo. Coma se unha insatisfacción inconsciente, unha chamada autodestructiva o invitase a realizar unha queima definitiva de todo o logrado para comezar da nada outra vez ou para morrer por cansanzo.
Só se lle ocorre para escapar de tal tedio poñer os ollos na axuda feminina, apoiándose nunha muller fermosa e máis nova, que o impulse de novo para non morrer de fastío. Isto que tanto se repite en homes chegados á madurez, sexan cultos ou incultos, saíndo da nada ou herdando fortunas, vivindo apegados á arte ou fozando nos cartos coma marráns, ocorre xa na máis tenra mocidade se o triunfo é evidente.
O modelo máis nefasto, o que por desgraza os nosos nenos trantan de emular, é o do futbolista triunfador. Como algún adestrador dixo: os nenos non queren xogar ao fútbol, xogan a ser futbolistas, que é diferente. E os pais dos nenos tamén. Algún amigo tenme contado que retirou ao seu rapaz do equipo infantil no que pensaba realizaría unha san actividade deportiva para non asistir a partidos nos que os pais, convertidos en energúmenos e perdida a razón, convencidos de que teñen na casa un embrión de Ronaldo, insultan ao árbitro con rabia e saña. Non imaxino a ningunha muller chegado a tales extremos por unha ilusión tan banal, si en cambio véxooas a cada paso sachando forzas de onde parece non hai para loitar polo esencial dos seus fillos: comida, saúde ou educación.
Con todo, o peor segue sendo esa necesidade masculina de se facer machotes humillando ás mulleres. É a cacholada máis ignorante e daniña na que se manteñen. Como un home para sentirse tal pode atopar satisfacción desprezando e humillando da maneira máis groseira a unha muller? A santo de que mozos atléticos, podres de cartos, incluso formados algúns, polos que as mulleres tolean, necesitan asociarse con negociantes impresentables que optan por facer cartos traficando con mulleres, incluso menores? Bendita sexa a presunción de inocencia. Sen ela volveriamos á lei da selva. Pero algo parece evidente: mozos que se teñen por heroes, aos que as masas, todo político, institución, mesmo a igrexa os acolle para ofrendar os seus éxitos os pés de canta Virxe se coñece, mantiveron tratos cun presunto mafioso e porco traficante de mulleres. Non ten explicación. Salvo que aceptemos como certo por onde comenzamos, que elas son máis sabias e entenden mellor o mundo, e que teñen razón os xudeus: Deus conta as bágoas das mulleres.

O DÍA DAS VOTACIÓNS, LISCO

            Os que escribimos con frecuencia nos medios de comunicación temos algo de predicadores. Dos que non dan trigo, claro. Tal e como nos ensina o noso presidente Rajoy coa sabeduría PTV (de Pontevedra de todoa a vida) expresada en píldoras irrefutables: no é o mesmo predicar que dar trigo, é máis difícil gobernal que falar, hai que ser serios, gobernar con sentido, como Deus manda, e deixarse de aventuras de mocosos que non aprenden ben os temas, non os saben cantar e  teñen a cara de se presentar diante dos cidadáns cos deberes sen preparar. Por isto é que moitos escribidores andamos cantando sen saber ben os temas, por peteneras, e así nos vai.
            Hainos claros : apostan por un partido e bendíceno contra vento e marea. Son incondicionais, case seareiros, fanáticos algúns. Gustan moito no Bernabeu ou no Camp Nou, pero nos outros campos non merecen a máis mínima credibilidade. Ven só virtudes nos seus elixidos, descúlpanlle os fallos máis estrepitosos e fártanse de articular discusos tratando de facer coincidir a realidade cos seus desexos de tiunfo dos seus colores. A razón está sempre do seu lado, e se non está, peor para a razón, porque a verdade está desmostrada de antemán e non ofrece dúbida salvo para os estultos, os comenencias ou os cegos sen mala fe. Barullan moito e manipulan canto poden. Hainos de tódolos bandos,  soen caer máis polos extremos. No é que sexan máis veloces nin centren mellor, senón que se prestan a encirrar contra o oponente da maneira máis radical que saben, ao que non  lle dan nin auga en perigo de deshidratación. Desexan con toda a súa alma que o enimigo morra de sede no deserto. Acostuman uns a pontificar que o mercado e a propiedade privada, cruel e malévola, matan a millóns de nenos, converten aos homes en abusadores de mulleres, ás mulleres en esclavas, aos pobres en bondadosos absolutos que viven sen auga, alimentos e luz por culpa dunha conspiración de ladróns con gravatas de Hermès que se encargan cada mañá de progamar  este val de bágoas invivible, cada vez menos, en contra de toda evidencia, simplemente porque o mal está descuberto e hai que acabar con el da maneira que sexa. Aos do outro extremo, pola contra, sóbralles saber que o gran problema desta sociedade son os impostos, os vagos, os cansfrauta  populistas, violentos que non respectan a liberdade, valor sagrado sempre que os favoreza, e por darlle alas a un estado inútil, burocrático, ladrón por naturaleza (sempre que non o necesiten), que non se atreven a deixar todo nas mans dos cidadáns libres, os cartos nos seus petos, as decisións serias nas súas mans. Tanto uns coma outros non se morden porque aínda quedan algunhas formas, pero se as mínimas ataduras que nos quedan se perdesen, uns armarían ao pobo soberano para facer a revolución e os outros dirixirían drons dende despachos para aniquilalos.
            Existen predicadores con maior sutileza. Non caen na pornografía descarada dos anteriores, pero dan e dan voltas para acabar suxerindo que fóra do malo coñecido non existe salvación. Son eses politólogos experimentados, resabiados, que prevén o futuro coma arúspices, e preveñen ao votante diante dos enganos maliciosos dos partidos tramposos que os vulgares mortais non damos pillado. Exercen a súa prédica con suficiencia e incluso permitíndose berrar ao electorado pola súa mala cabeza elixindo sen ton nin son. Dan unha de cal e outra de area, pero acaban sempre no punto de inicio: cambien, enreden, proben, xoguen, arrísquense e verán, verán o que nos agarda. Poderiamos dicir que son os verdadeiros gardiáns para que non se produza ningún cambio, porque eles, na súa infinita sabedoría, na análise histórica e na perspicacia política innata que os acompaña (algúns foron antes políticos con fracasos monumentais), encárganse de nos aleccionar para que non cometamos erros dos que nos teñamos que arrepentir. Resumindo: voten a Rajoy porque sempre é moito mellor a malo coñecido que o bo por coñecer.

            Hai aínda outras categorías, pero xa non me deteri nelas, porque nalgunha habería de incluirme e prefiro manter un certo suspense. Actuarei  como lector e diante dos modelos de prédicas que lles acabo de mencionar,  paralízome, éntranme unhas ganas locas de non votar. Véxome votando co nariz tapado ou tremendo polo medo a que cheguen os bárbaros e decido marchar, covarde que son, prefiro ver dende lonxe os resultados e atopar evasións inmediatas para esquecer o lío no que case seguro permaneceremos. Con todo non deixarei de ser cidadán responsable; lisco, pero votei xa por correo. Así, xa a papeleta enviada, sen ter que presentarme diante de toda a mesa eleitoral co DNI nos dentes e o voto pillado con luvas para non me manchar, creo que soportarei mellor esta segunda votación. A terceira, por favor, que non tenten, igual nin por correo.

O AVÓ FOI AFORRADOR

A xeración de meus pais, os que naceron antes da guerra civil e padeceron no vivo as súas consecuencias, entenderon que aforrar era a esencia da vida. Non concebían que puidese existir mellor filosofía de vida. O aforro era sabedoría, vontade, temple, viveza, previsión, prudencia, ser cabal. Quen non aprendía a aforrar estaba condenado a unha vida de alto risco, perigosa, aloucada, sen sentido. Alguén con dous dedos de fronte entendía dende a nenez primeira que algo fundamental para se defender na vida era saber termar dos cartos. E así ensinaban aos seus fillos. Ser traballador, de palabra e aforrador eran valores imprescindibles dunha familia pobre que loitase por saír adiante. Vagos, incumpridores e gastadores eran fume, leña verde, homes de pouco proveito. A ninguén se lle ocorría tirar da manta máis do que daba, e non só iso, se realmente había algún afán de progreso deberíanse aprender as artes de economizar, quitar de aquí e dalí, privándose, sacrificándose, para ir xuntando un mínimo aforro. Porque as necesidades aparecen sen aviso, unha enfermidade, unha desgraza, sempre o azar podía castigar cun mal que esixise botar man do apetuñado con sudor e sen dispendios. A maioría desa xente non coñecía a disxuntiva entre aforrar ou atreverse a endebedarse para medrar. Só había un modo de progesar: aforrar.
            Moitos destas persoas, a base de grandes sacrificios, conseguiron prosperar tal e como lles indicaban as súas previsións. Non coñeceron vacacións, nin excesos, nin gastos que non fosen impescindibles. E se algo conseguiron foi grazas a privacións, esforzo, sacrificio e valerse de técnicas de economía doméstica moi simples nas que o principio básico era que gastando ninguén se fai rico. E son moitas desas persoas as que conseguiron adquirir algunha propiedade ou aforrar algúns cartos que agora teñen non banco sen que lles produzan un triste rédito e polos que teñen que pagar a facenda coma se fosen potentados. Rematada a campaña de declaración, teño coincidido con máis dun destes pequenos aforradores que maldín os sistema que os castiga por ter aforrado. Non entenden como despois dunha vida de sacrificios inmensos para contar cunha mínima seguridade na vellez, teñan que pagar impostos de maneira que consideran desproporcionada. Antes xa fora a estafa das preferentes nas que moitos caeron coma incautos padecendo un atraco coma nunca se viu ao aforro limpo, doloroso, sen mácula. Agora, os que tiveron a sorte de non perdelo toda naquela trapallada de inxeño financeiro, case deben pagar para que o banco llos garde, coa insatisfacción de nin velos, que moitos dubidan, con bo criterio, por onde andarán e a quen servirán os seus cartos alí depositados. Como é posible, pregúntanse, que sexamos nós os que teñamos que prestarlle os cartos aos que os malgastaron en troulas, excesos e putas. Non lles cabe na cabeza que non se aclaren dunha vez os políticos e acorden un sistema de impostos razoable e que non penalice sempre aos máis débiles.

            Insístese que este país necesita varios acordos base para saír adiante. Non discuto que a educación, a serenidade polas disputas territoriais, unha adecuación das institucións ás necesidades, un compromiso coas pensións e unha aposta pola saúde pública merezan tódolos esforzos por chegar a puntos claros e resistentes diante das adversidades partidarias. Pero hai algo que parece básico e imprescindible para que todo isto se poida levar a cabo: unha reforma fiscal equilibrada, realista, pero que non prexudique sempre aos peor parados. Cada exercicio de declaración a facenda é un recordadotorio de erros e inxustizas evidentes que non pode permitirse un país democrático e moderno. Non pode recaer toda a presión sobre os asalariados controlados nin pode tampouco caer en trampas coma a de penalizar o aforro dos sacrificados. Por suposto que o reto esixe do traballo de expertos e longas e minuciosas negociacións para non caer en simplezas: escorrentar aos inversores, deslocalizar empresas, machacar a determinados colectivos, pemitir facilidade ao fraude ou caer na lixeireza de tomar por exceso de patrimonio o que non é tal. Pero sen unha eficaz reforma fiscal difícil será afrontar tódolos problemas que tanto nos preocupan. E me parece que non fai falla un curso específico na London School of Economics and Political Science para saber que se queremos inversión e  crear emprego e crecemento, cómpre aforro público e privado. Non hai dereito, polo tanto, a penalizar o aforro, e menos ao avó que foi aforrador.

martes, 21 de junio de 2016

ESFOLANDO A PEDRO

COMA se unha grande onda arrasase ao pasar, hai opinións que o van anegando todo. E, agás estrañas rebelións, nada se pode facer contra elas. Tal é o caso do fracasado Pedro. Coma se dende o interior do ventre das primarias que o elevaron a onde está, unha voz pública saída non sabemos se do propio partido, dos contrarios ou de todos mesturados, deu en ridiculizalo esfolándoo vivo. Nin un día de espera. Acurralado polo sur, dende Ferraz e, claro, dende fóra, o político non tivo ocasión de reflexionar nin un triste minuto: cada segundo recibe un lategazo do que non é doado defenderse. Hai medios e xonarlistas especialmente ensañados con el, que non se dan nin un descanso na súa hostilidade. I­nútil parece un calificativo suave á beira dos múltiples que lle dedican. Por máis que examino, o único positivo que teño oído sobre el é a algunhas mulleres admitindo que é un mozo moi feito, guapo de verdade. Algo é algo.
Non. A min tampouco me parece un político brillante. Hai algo na súa maneira de comunicar que o achega a un estilo robótico, prefabricado, ríxido, que o aparta da zona máis emotiva do receptor. En canto ás ideas, nada que non se poida dicir de todos cantos o rodean: slogans, frases aprendidas, simplezas, repeticións, contradicións... Nin máis nin menos ca outros. Pero aínda así, non creo que sexa un político máis inepto nin zoquete que cos que compite. E algo sí demostrou: unha resistencia ás contrariedades envexable. Por que, entón, tanta animadversión contra o dirixente do PSOE?
Existe unha pulsión inconsciente dentro do partido incapaz de frear o seu suicidio? Elixírono os medios, caendo na dialéctica acosadora, por cadrar o seu perfil co do chivo expiatorio no que dá gusto mallar? Isto debe de pasar con Pedro. Un bo mozo que non comunica ben, capaz de resistir e defenderse, empeñado en levantar unha pedra de Sísifo que o seu popio partido lle puxo ao lombo para boicotealo resulta unha boa diana para que todos disparen contra el sen temor. Por iso non hai equisa, nin comentarista, nin soplo divino que non confirmen que é perdedor, que acabará co seu partido, que foi inxenuo, que non dá unha a dereitas nin a esquerdas, que é o peor debatendo, que non ten estratexia...
Non parece fácil que tantos desastres coincidan nun tempo sobre unha soa persoa, pero nesto consiste o moldeamento da opinión pública: ao final pode converterse en realidade o que os medios anuncian como unha profecía incuestionable. Creo que esta obsesión por atinar no seu fracaso é un erro. Non é el o inimgo, non será el quen impida que saímos deste retroceso. E se non, ao tempo: como se cumpran as profecías que tanta unanimidade e graza están causando a moitos, aínda habemos acordarnos do conto e botar unha chorada. A situación está tan envelenada que destruír ao PSOE non nos levará por mellor camiño.

A MONXA TERESA EN CITÉ SOLEIL

        Reporteiros con miles de voos á miseria e á guerra denuncian que moitas organizacións de axuda humanitrira os decepcionan. Algunhas parecen empresas de funcionarios ben pagados, con horario de país rico incrustadas en centros de reguxiados.  Outras non, son exemplo de entrega e compromiso nas situacións máis angustiosas do planeta. Pero no que coinciden tódolos observadores, sexan reporteiros,  diplomáticos ou comerciantes, ateos, agnósticos ou crentes, é na valentía e fortaleza heroicas das monxas e misioneiros cristiáns nas zonas abandonadas  ata por Deus.
            Vicente Romero insiste na mesma idea  no seu libro Habitaciones de soledad y miedo , máis de cincocentas páxinas acuguladas de experiencias dunha enorme riqueza ao longo de todo o mundo, pero escrito con frouxa estrutura e escasa graza. Mágoa. Mentres o lía enfadábame a cada páxina por ver estragada tan admirable información nunha narración tan descontrolada e desmaiada, sen miga de emoción. O magnífico reporteiro que é Romero como o demostran os seus anos recorrendo do Tibet a Sudáfrica, de Mostar a Potosí, ben plasmados en Informe Semanal, En Portada, Buscamundos ou noticias do telediario, non se percibe no libro. Pódese aprender, claro, da súa inmesa experiencia pisando os barrios máis cheirentos e vergonzosos do mundo, conectando con personaxes de toda condición, ditadores africanos, altos cargos de ONU ou da Cruz Vermella, diplomáticos, presidentes, nenos morrendo coa fame, mulleres violadas, chabolas pestilentes, hoteles do máis refinado luxo á beira da podremia, asasinos confesos, caníbales, ladróns, negociantes sen escrúpulos, soldados, borrachos, putas... Vietnam, Camboia, Siria, Tanzania, República Centroafricana, Somalia, Perú, Angola, Serra Leona, Paraguai... O mundo desfilou diante dos seus ollos que se abriron a toda realidade levando escrita neles para sempre a inxustia, a violencia e a barbarie dos humanos . E iso nos dá no libro tratando de fiar os recordos arredor de tantas habitacións nas que ao final só queda a soidade e o medo, tamén vergonza e mala conciencia cando se chega ao hotel onde un se pode lavar, cear ben e durmir limpo e cómodo, despois de gravar unha montaña feita vertedoiro na que remexen enxames de nenos, mulleres e homes feitos  tratando de atopar algo que vaia un céntimo no medio da merda.
            Pero entre tanto inferno e desespero, militares sanguinarios, intereses económicos nunca resaltados ou complicidades diplomáticas arrepiantes, aparecen lóstregos de fortaleza, de amor, de tenrura, de fe. Mozos namorados, nenos que se salvan, mulleres que resisten despois de ser ultraxadas, alegría entre a bosta, colaboración e hospitalidade onde case nada se pode comportir. E aí, neses lóstregos de esperanza será raro que non aparezan as monxas e curas de Burgos, Navarra ou Cataluña, Italia, Bélxica ou Francia, que entregan cunha determinación inexplicable a súa vida axudando aos demáis. Unha Monxa á que diante dos seus ollos  acuchilan a dúas compañaeiras na Alxeria da violencia máis atroz, aos dous anos aparece de novo no lugar do crime traballando coma se nada; o crego que leva a vida entregado aos máis pobres dos pobres nos arrabaldos de Asunción; o misioneiro que  aprende a lingua da tribo, que se fai un máis entre os nativos para colaborar levando un rego de auga, edificar unha pequena escola; o padre dos misioneiros Blancos que aguanta a desaparición dos aldeanos cada día que pasan xefes da guerra, que contempla cos seus ollos as atrocidades nunca imaxiandas, cabezas espetadas en baionetas, nenos xogando á pelota con  cráneos secos, nenas violadas diante das nais, soldados borrachos apuntando con ametralladoras modernas aos ollos cegados de medo... e segue no seu posto, e aguanta, e non marcha, e á noite, cando atopa alguén con quen falar, atrévese a pedirlle contas a Deus, que fai, onde se mete, pero sen perder a fe, a forza para seguir loitando; a monxa que ve arder a súa pobre misión onde se refuxian nenos e mulleres e non dubida en alquilar unha avioneta para salvalos, xa se pagará, a fortaleza e a fe están por riba de toda ameaza ou terror; ou a que circula nun catrolatas achacoso polo medio da soidade seca máis atemorizante.

            É misteriosa esa valentía, esa heoricidade. Algo animará tanta bondade. No medio da podremia, mentira, inxustiza, engano e corrupción,  merece a pena recordar as serenas palabras de Teresa, unha monxa das Hirmás da Caridade veciña de Cité Soleil, un dos infernos do mundo en Haití: “Yo soy políticamente analfabeta, pero tampoco hacen falta muchas luces para comprender las causas de la espantosa pobreza que se sufre aquí y en tantos otros países. El mundo está basado en la desigualdad. Y la caridad no sirve para nada, si no se cambia un sistema económico internacional que es radicalmente injusto”.