NON ME DESDIGO: prometera non volver invitar a Bill Gates a comer filloas na casa de miña nai e así o manteño. Como calquera que recorra ás hemerotecas poderá comprobar, hai xa anos, despois de dúas invitacións non atendidas, prometín que non habería terceira, e que Gates, por máis que sexa quen é, non tería ocasión de probar as filloas de miña nai. De todos os xeitos, como un procura ser flexible e sabe que no glocal, que diría Juan Cueto, está o futuro, volvo á carga intentando reunir tradición e tecnoloxía punta.
Ocorréuseme na tarde do venres mentres en familia faciamos as orellas á beira da bilbaína. Meu pai saíra buscar uns limóns ao dereito do limoeiro, mamá e mais eu preparabamos na masa e meu irmán estaba atento para calquera ingrediente que lle solicitabamos. Ovos mareliños, fariña, manteiga, limón, anís, todo perfectamente mesturado enriba do mármore branco que rodea a cociña foi collendo color e dureza adecuada baixo a presión do amasado das mans expertas de mamá. Porque o certo é que a directora principal é miña nai, os homes apoiamos sobre todo con eloxios de ánimo. Pasados os corenta e cinco minutos de rigor para que a masa levede envolta nun pano, chegou o momento crucial: estirar e fritir. Provistos de rolo e potencia nos brazos, primeiro eu e logo meu irmán, fomos deixando case coma papel de fumar unha masa mareliña que nin se pegaba nin rompía, ben estendida sobre unha neve de fariña que a acollía. Coa bilbaína a lume de carozo, mamá, despois de lles dar forma ás finas liscas de masa, fritiunas entre un ruxir que a papá xa lle producía auga na boca. Tan axiña como saían da tixola, ora eu, ora meu pai ou meu irmán, iamos cubrindo de azucre a orella así quente, fina coma cristal. E foi dunha das veces nas que me encarguei do azucre que decidín non ser rancoroso e admitir que había que seguir insistindo. Descartado Gates polo das filloas, nada impedía que pretendese realizar a unidade entre pasado e futuro cunha nova invitación. Pensei en Steve Jobs. Non para que viñese á casa presentar unha nova tableta de iPad ou cousa semellante. Non. Simplemente para que probe as orellas, experimente o pracer de triscar no doce cristal de larpeirada tan saborosa e, de paso, comentar o imprescindible que resulta nestes tempos, sen perder a cociña da casa, contar con conexión á rede. Cousa que, por desgraza, aínda non é posible a trinta minutos escasos de Santiago. Pero ao que ía: Jobs queda invitado e agardo que non ande con rodeos, pois o mesmo que lle pasou a Gates, pásalle a el e quedo tan tranquilo, ou pensa que vou andar con diferenzas entre xenios?
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.