jueves, 10 de marzo de 2011

CANALLAS E MALVADOS

Distinguía Sartre entre canallas e malvados. Os canallas, pensaba, son os que fan o mal coa intención de sacar algún proveito; malvados, os que o realizan pola satisfacción que lles produce. Visto así, canallas somos todos máis do que nos parece. Habería que ver a quen a diario se laia e critica sen piedade a tanto lambón e ladrón que anda solto, especialmente se exerce algún cargo político, como reaccionaría no caso de se ver en idéntica situación o coas mesmas posibilidades. A moitos habería que lles dar a oportunidade de recibir un traxe, un reloxo, un automóbil ou unha comisión por tomar nun sentido ou noutro unha determinación. A máis de un quixera ver con capacidade de decisión. Nada me estrañaría que, quen con tanto furor tritura aos camándulas e impresentables corruptos sen misericordia, de se ver no brete, se volvese un débil con facilidade de xustificación para realizar idénticas ou peores falcatruadas. En ocasións o mediocre conténtase nun conformismo crítico de barra de bar sen admitir que se non executa máis maldades é simplemente pola súa covardía. Hainos que son bos porque son demasiado covardes para ser malos, exprésao ben un personaxe de Márai. Porque son moitos os canallas covardes e reprimidos. Incluso hai quen parte da falsidade de dar por correcto que ter é signo de malvado e non ter unha proba de virtude, cando os feitos mostran cada día que os que non teñen tamén poden carecer de virtude. Entre os gobernantes observamos sen dúbida moito canalla pero non podemos tapar os ollos: danse tamén os malvado dos que fan o mal polo pracer de realizalo. Cos canallas haberá que se entender, non queda outro remedio, se, como os feitos demostran, admitimos que con boas intencións podemos facer mal a esgalla. Talvez por iso todos pechamos os ollos e o nariz cando os nosos representantes democráticos visitan, negocian, transixen e mesmo agasallan ou se deixan agasallar por canallas confesos e convictos. Repasen se queren as visitas e recepcións que gobernantes dun partido ou doutro realizaron polo incremento de relacións comerciais, por alcanzar un ben maior, pola paz, pola pura necesidade de firmar un acordo que solucione, aínda que só sexa momentaneamente, un problema urxente que o acurrala. Aceptemos, entón, que cos canallas, por necesidade ou estratexia, todos se viron e ven, negociaron e negocian, e todos sabemos que se ven e negocian e permitímolo. O problema preséntase cos malvados. Non hai límite para os acordos, as estratexias ou pregarse ás necesidades? Pero aínda máis: como diferenciamos os canallas dos malvados? Non se dá con frecuencia unha confusión tóxica entre o canalla e o malvado? Non poden tamén evolucionar determinados personaxes de canallas a malvados? Cando dicir non, poñer definitivamente o freo á relación con determinados gobernantes? A fronteira entre o canalla e o malvado é movediza, fina, imperceptible ás veces. E xa non só desde a situación do propio gobernante que se instala nas perigosas areas movedizas do mal, senón tamén desde a percepción e presentación informativa que deles permitimos segundo as conveniencias. Dous casos de plena actualidade. Non lles parece que ata hai quince días Gadafi non era máis ca un estrafalario canalla co que se había que entender? Por que de súpeto se converteu nun malvado evidente aos ollos de Occidente? Como reaccionaría Occidente se sufocase a revolta e permanecese no poder? Regresaría ao seu estado de soportable canalla a pesar de pasar por un período de miserable maldade? Outro caso. Se escoitan ao Presidente das Cortes, señor Bono, xustificando a súa recente viaxe a Guinea, haberán de concordar con que Obiang é un canalla conveniente e necesario ao que debemos visitar, con quen as relacións han de apuntalarse e ao que non convén enfadar, non sexa que incremente aínda máis a súa amizade cos franceses, que tamén o consideran un canalla amigo. Cando e por que pasaría Obiang de canalla a malvado de primeira portada? Os límites maleables e incertos desta fronteira entre canallas e malvados abócanos aos silencios, conivencia e vergonzas nas que agora nos vemos.

1 comentario:

  1. Creo que explorar el límite de la maldad humana es investigar sobre todos y cada uno,como bien dices.
    También debemos recordar que somos lo que queremos ser y por lo tanto no estamos necesariamente abocados a ser malvados o canallas en alguna gama o matiz.Podemos también ser indolentes ,bondadosos,estúpidos,acomodaticios(esto último parece ya algo canalla),generosos o melancólicos y somos a menudo una combinación de todo lo dicho.Esa misteriosa mezcla somos y lo mas importante es que podemos moldearla a nuestro antojo.Lo más importante es ,creo,saber cómo nos gusta ser aún cuando los malvados y canallas están adquiriendo una peligrosísima reputación de inteligentes.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.