lunes, 3 de junio de 2013

QUE SUBA O PAN E BAIXE A CAÑA

Pola miña infinita ignorancia descoñecía que nas Cortes se bebese. Alcohol, quero dicir. Habituado aos recintos educativos – o que tamén ocorre en grandes fábricas- , daba por feito que nos lugares de traballo o ordenado é non consumir bebidas alcohólicas, por razóns obvias nunha cafetería dun centro educativo cheo de adolescentes e mozos, por seguridade e rendemento en calquera medio laboral. Tarde, mal e arrastro descubro no só que se bebe, senón que se pode beber moito, porque a bebida é moito máis barata no Congreso dos Deputados. O asunto, pensarán os que se dedican a ideas maiores e os da teoría do chocolate do loro, é tan trivial como ridículo e non merece nin unha liña. Disinto. É dunha importancia capital e non pola interpretación correcta e lóxica que a todos se lles estará vindo á cabeza: porque para traballar coa cabeza non seu sitio o que menos se necesita é alcohol, e menos que sexa subvencionado e máis barato ca na rúa, co que se pode consumir máis. Non por iso. A min paréceme esta noticia sorprendente porque os nosos representantes están tan pouco inspirados, demostran tan escasa elocuencia e tan rastreira maneira argumental que calquera diría que nin o punto pillan antes de entrar nos plenos e xa non digamos nas comisións. Nin os efectos perniciosos se lles notan. Non vou caer agora na defensa do alcohol como estimulante da lucidez que non existe, pero desde logo algo podería desinhibir a algunhas señorías de maneira que se lles visen as entretelas, os fundamentos do seu pensar e decidir se é que algún teñen. Pero todo apunta á confirmación do xa coñecido: a quen nada ten dentro (creatividade, simpatía, enxeño ou valentía) o alcohol non llo descobre. Son moitos os aprendices de artistas, sobre todo adolescentes, que chegan a pensar que as drogas colaboran no proceso creativo, cando demostrado está que un porro nos pulmóns de Martin Amis ou varias copas no corpo de Caballero Bonald puideron non estragarlles as ideas que lles bailaban na cabeza, pero nos cerebros baleiros da maioría dos inútiles carentes dun grao de talento só serven para que escriban ou digan sandeces. Cos nosos deputados pasa algo máis asombroso. Con alcohol ou sen el non é que ningún despunte nin demostre como é lóxico especiais dotes para nada, é que non lles dá nin pé para facer o ridículo. Porque se polo menos caesen no esbardalle de mostrarse imbéciles por completo e incoherentes como ás veces deixa o alcohol, teriamos motivos para escorrentalos a patadas, por disolutos e impresentables. Pero nin esa satisfacción nos regalan. Deben de beber ás agachadas e pouco. Ata da virxe do puño deben de ser. Con eses prezos os cubatas e o ron, que menos que darnos a satisfacción de presentarse chispas na tribuna de oradores e dicir as mesmas sandeces de sempre pero cargadas de cacofonías, trasacordos, atropelos e palabras prendidas. Unha de dúas, ou o corporativismo impide que os prexudicados suban á palestra ou están tan afeitos e aguantan tanto que son deses bebedores que un nunca sabe se están sobrios ou cheos, pois o seu estado natural é o da permanente risa frouxa, frases feitas, xenio de fogueo, lentitude razoando e ao remate, sempre, submisión diante do amo ou poderoso. Me parece que máis ben o segundo é o que lles ocorre ás nosas señorías, por iso nunca se soubo de escándalos maiores nin nos dan ocasión de rirnos das súas miserias. Chegados a punto tan triste só me queda presentar a miña proposta non de lei: que lles baixen aínda máis os prezos. Que se regale incluso a bebida de máis graos. Que non quede deputado de dereitas ou esquerdas, centro ou sen identificar que pase sede de bebida espirituosa. Sei que son calorías baleiras, que a ledicia que causa é efémera, que non lles axudará a discorrer e nin un minuto brillante sairá dos seus labios, pero daríannos a satisfacción de presentarse en calzóns, de demostrar os rancores que calan contra os seus colegas, o servilismo ao que se prestan para se manter na cadeira e a inutilidade que experimentan premendo o botón de votar cando ás veces nin saben o que votan. Unha catarse tal non lle sentaría mal ás dúas cámaras (non quero pensar o que isto significaría no Senado, podería dar para estudos psicolóxicos, variacións en tratamentos farmacolóxicos e tratados sobre a arte de acabar a vida como xubilado de luxo ao servizo da inutilidade pública) e produciría efectos impensables na saúde política do país. Moitos colegas escribiron esta semana sobre o que nos ocupa, case todos insistindo na falta de exemplaridade, no descaro e na falta de tacto por subvencionar as bebidas alcohólicas no bar das Cortes. A miña tese apártase de todos eles. Que a partires de agora sexa gratuíta a copa, que se poida beben a gusto, sen taxa, e a ver se algo novo sae desa amorriñada, sosa, previsible, ineficaz, privilexiada e lenta cámara. Ás veces convén un tropezo estrepitoso, un escándalo soado para que se dean verdadeiros cambios en institucións viciadas. Xa saben o que preguntaba aquel alcalde en conexión coa masa en Betanzos: Betanceiros, que queredes? Ao unísono a resposta escoitouse en Caraña: Que suba o pan e baixe a caña. Pois iso: Que os deputados beban gratis e a ver se sacan unha lei eficaz que levar á boca.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.