sábado, 21 de diciembre de 2013

ESPAÑA NON SABE SEDUCIR


ESCOITO a un político de esquerdas catalán, ao que se lle ve algo confuso sobre estar a favor do "dereito a decidir" e a súa ideoloxía, que a causa máis poderosa da deriva independentista dos cataláns é que España non sabe seducila. Que existen unha chea de xornais e políticos do resto de España que son máquinas de crear independentistas e, repite, sobre todo iso: que é un problema de sedución. Que o sexa ou non, está por ver, o que si teño claro é que o "problema" catalán sempre se quixo presentar coma algo sentimental, afectivo, de identidade cultural, cando por debaixo, non teñan dúbida, o que priva é a ambición dunha clase política (burguesa e dereitas) con ansia de ser cabeza de rato, uns impulsos insolidarios disimulados como poden, pero innegables, e a seguranza de que pola situación estratéxica, polo acumulado nos anos pasados e por contar con industria e infraestruturas suficientes, poden organizarse e vivir mellor que unidos ao resto dos españois. Por iso traballaron con teimosía e habilidade durante estes anos para ir creando as condicións exactas que lles obriguen a ter que decidir porque "non nos queren", "estannos espoliando", "non nos saben seducir".
Que curioso: as comunidades que necesitan máis amor son as máis ricas e con diferencia as mellor tratadas polo Estado desde época da ditadura. Estremadura, Galicia, Ceuta e Melilla, por exemplo, recibiron tanto amor e sedución durante a época democrática. Como seduce España a Galicia? Permitindo que se desmantele a industria naval, que se venda NCG, regalando Fenosa a Gas Natural, acabando coa pesca e coa agricultura? Ten aínda celos Cataluña de que cando xa eles van nunhas horas a París, aquí se malgaste, tarde, mal e arrastro, nun AVE que disque non servirá para nada? Non saio do meu pasmo: en que consistiu toda a etapa democrática se non foi caer nas chantaxes e presións dos nacionalistas sobres os gobernos dos dous partidos maioritarios? Desde o pecado orixinal de firmar unha constitución manipulada pola maliciosa e desleal intención final das dúas comunidades non queridas o único que fixo España foi ceder a cada capricho delas: preparar o camiño para a secesión. O problema non é de falta de sedución, senón de sometemento e debilidade inxenua. A sedución debe ser recíproca, o contrario é pura manipulación e chantaxe para nunca estar contentos ata conseguir o que se desexa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.