sábado, 28 de diciembre de 2013

MATADORES DE HIPOPÓTAMOS

Chega un momento na vida dun home de éxito –enténdase éxito igual a ser un amo do mundo-, que non lle queda outra que dedicarse a matar hipopótamos, osos, cebras ou leóns. De que máis pode alardear? Farto de poder, de influencias, de luxos, de caprichos, de vestir máis lambido ca un becerro pola vaca, pouco lle queda neste mundo para realmente se distinguir do resto dos mortais. Xa contan coa casa máis cara que se pode adquirir na cidade, xa gardan no garaxe o coche máis potente co que non se pode correr, xa lle sobran reverencias e adulacións, submisións e temores e non lles queda outra: armarse dun rifle con mira telescópica, dos máis exclusivos e finos no punto de mira, vestirse de aventureiro fino, o gusto non se perde nin en África, e dedicarse á gran aventura de viaxar a Tanzania, Mozambique ou Romanía para matar animais canto máis grandes mellor, para que dea a impresión de que tal valentía só é posible para unha persoa realmente especial, única, poderosa, intelixente, ganadora, triunfadora. A Blesa, como non podía ser doutra maneira, atento a que Caja Madrid non fose o seu «cortijo», preocupado e dedicado como estaba para que a institución bancaria non lle supuxese ao país o quebranto que o está esmagando, acabáronselle os xoguetes de figurino na capital e nas súas viaxes de negocios por Europa e América e viuse obrigado ás excelencias da caza maior. E velaí circulan polos medios as fotos do alto executivo rindo orgulloso detrás dos hipopótamos, cebras, búfalos e leóns abatidos. Tamén acompañado dos nativos que aproveitan a visita de tan alto e señorial banqueiro para darlle gusto e axuda na súa alta misión, seguro que con eles dadivoso, distinguido, todo un cabaleiro, a este tipo de personaxes gústalles con algúns servidores darse o pracer de demostrarse que saben comportarse como señores con clase. Acepto que analicei polo miúdo os detalles de cada foto. Todas indican idéntica concepción da vida, pero cada unha aporta unha característica distinta destes seres que se cren realmente imprescindibles, merecedores do seu éxito, triunfadores por intelixencia e vontades propias, por máis nada, seres únicos capaces de conducir o mundo polo rego do progreso e aos que toda canta obediencia e admiración se lles dedique nunca serán suficientes. Cando un home se apoia no seu rifle detrás dun hipopótamo morto, sorrí con orgullo e mira á cámara dicíndolle: aquí me tes, eu son quen a matar este gran animal, dubidas aínda do meu poder? , é que está posuído da concepción ideolóxica do darwinismo social, seguíndoa coma unha fe irrenunciable e indiscutible. E xa sabemos que unha vez entramos no campo da fe e aceptamos as súas regras de razoamento podemos dar cantos pinchacarneiros intelectuais se non ocorran, pero nunca fuxiremos da nasa que nos ten atrapados. A min que existan persoas así non me estraña nada. Que non comparta a súa maneira de entender a vida, que me parezan un veleno ao ser utilizados como modelo de éxito para o conxunto da sociedade e que me repugne que nunca satisfagan os seus desexos de distanciamento co resto da poboación por máis que acumulen, gasten e dilapiden, non me impide entender que a imperfección é consubstancial coa vida, polo tanto sempre haberá seres dispostos a manipular e defender con falacias que o mundo non se pode mellorar salvo seguindo as súas ideas cargadas de privilexios. Por iso tamén entendo que chega un momento en que nos círculos nos que se moven estes amos do mundo, se non coñeces determinadas marcas de rifles, non acabas de chegar de África despois de gastar 30.000 € para matar un león que cho puxeron a tiro varios rapaces autóctonos e non podes anunciar que a próxima cacería xa a tes programada en Romanía ou nalgún bosque agochado de Rusia, non es ninguén. Cada ambiente ten os seus complexos e non vou ser eu agora dos que regrese á psicanálise para meterme con ninguén admitindo que os que buscan matar animais grandes é porque teñen complexo de pene pequeno. Líbrenme os santos e as ánimas. As revanchas fáciles nunca proporcionan satisfacción. Debemos ser comprensivos con estas elites que nos controlan nos seus gustos e caprichos. O que non se pode entender é que o seu afán por matar hipopótamos se traslade á vida laboral e social de tal xeito que repercuta en todos do modo que xa padecemos. Son casualidades demasiado brutas que o xuíz que intenta escaravellar para saber que pasou nesa desfeita económica de Caja Madrid estea sendo perseguido pola xustiza; que entre un expresidente do goberno e estes elementos existan solicitude de favores para actividades que non se poden esclarecer; que mentres Blesa se encarga de pasearse polos restaurantes e hoteis do mundo cunha tarxeta a conta do banco, a un tempo se programe vender preferentes a persoas ás que nunca se lles deberían vender; e que non pase nada, absolutamente nada, por obrigar a un país a pagar miles de millóns de euros pola estrepitosa mala xestión dun señor que, mentres o barco se afundía, el estaba ocupado en matar osos en Romanía. Parece claro que, mentres esteamos nas mans dos matadores de hipopótamos, isto pinta moi mal.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.