sábado, 7 de diciembre de 2013

VAS MORRER


É A máis indiscutible das evidencias: estamos destinados á morte. Sabémolo pero é coma se non o souberamos. Vivir con esa espada enriba do pescozo sería imposible. Ninguén sospeita que ao quedar durmindo pola noite á mañá seguinte non espertará, todos collemos o coche e circulamos coa seguridade de que non será a nós a quen nos esmague un camión que perde os freos, actuamos diariamente sen sospeitar que un ataque ao corazón pode acabar con nós nunhas horas, coidámonos máis ou menos en previsión de que a nosa vellez sexa longa, culta e feliz, como dicía un personaxe de Vargas Llosa. En fin, que vivir é armarse de estratexias para non estar constantemente pendentes da evidencia de que imos morrer, do contrario sería un sen vivir. Mesmo comprobamos nas persoas achegadas desgrazas que nos atorden, pero de contado volvemos á nosa rutina e damos por feito que a quen lle acontecen é aos outros. Protexémonos inconscientemente da angustia que suporía pensar que hoxe pode estar aí, agochada, agardando por nós.
Hai momentos nos que a vida pega un lategazo e te pon diante da evidencia: vas morrer, e pode ser en dous anos, tres, ou se cadra antes, hai un aviso de alarma que te expón diante de algo que pode ser inminente. Hai moito escrito sobre as posibles reaccións: negación, irritación, aceptación, intento de superación... Pola miña experiencia, este é o proceso: primeiro repasas o que tes feito, que deixas, que aportaches, que fixeches mal, por que non aproveitarías mellor tempos bobos que non serviron de nada, e sumas e sénteste satisfeito de todo canto lograches. Pero pasado o momento de repasar o pasado, a un éntralle a présa de decidir que é entón o que cómpre facer por se o tempo bulise sen pausa. Que urxencia, que é aquelo que non debe quedar sen rematar, que merece a pena aproveitar por se os prognósticos son os peores. Pero esta etapa tamén se esvaece, vivir ás présas, coma nun frenesí por querer extraer do tempo máis do que dá de si non dá sosego. Por fin, un volve ao punto inicial. A pensar que pode haber solución, que os tratamentos médicos son eficaces, que a vida non se pode vivir con data de caducidade; si, morreremos, pero ninguén sabe a súa hora. Por iso regresa a un estado similar ao anterior ao da mala noticia, cos coidados precisos, claro, pero supoñendo que aínda é posible unha vellez longa, culta e feliz.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.