ERA novo, aposto, de elegancia natural, a pesar dunha coxeira ben disimulada. Unhas canas ben mesturadas co pelo negro e abundante dábanlle un aire aínda máis xuvenil. Sentou ao meu carón na ringleira semicircular de butacas que conforman o espazo no que os enfermos recibimos o tratamento. Sen dubidalo comezou cunha restra de preguntas e reflexións sen respiro. É a primeira vez que veño, dicía, por iso me gusta saber como funciona isto, non porque me asuste, que levo unha abundante experiencia de hospitais, pero cando un comeza algo quere saber en que consiste o proceso. Xa vexo que ti tamén levas reservorio, supoño que isto favorecerá, non hai que andar cada día buscando na vea, teño entendido que algúns chegan a telas tan chamuscadas como drogadictos, que é difícil atoparlla, e iso intúo que será moi doloroso. Xa digo, eu sei perfectamente o meu diagnóstico, a oncóloga explicoume con dedicación. Pero por experiencia coa enfermidade non é, coa moto tiven un grave accidente, esta perna non sei se non terán que acabar serrándoa, e o diagnóstico de agora non é para moita esperanza, pero eu á morte non lle teño medo ningún, estou preparado, a min o que realmente me dá medo é o sufrimento... Así acaba un por se convencer cando pintan moi negras.
Xa na rúa, remoín nesta última reflexión, non por orixinal, senón polo convencemento con que a mantiña. Aplicado á vida social deste país e ao ano que remata é un bo resumo. Visto que seguiremos nas mans dos protagonistas dos escándalos mais estelares (transformados en puro entretemento do peor lixo informativo) e que non traerá consecuencias, non pasará absolutamente nada, pois o espolio, o roubo, a manipulación, a chantaxe, o descaro, a mentira, a podremia sobre a que pisamos non recibirán nin o máis mínimo castigo, pois este non ten outro destinatario que as clases traballadoras, os débiles, os enfermos e os vellos, un xa se conforma con que o ano próximo o sufrimento non sexa maior. Porque o que parece claro é que as melloras só se verán nas boca dos encargados das promesas, eses descarados e mentiráns, que non se lles cae a cara de vergonza porque descoñecen ese sentimento moral. Por iso eu creo que para o 2014, igual que ao compañeiro enfermo, o que mellor nos acae é insistir en que morrer non nos dá medo ningún, o que non queremos é seguir sufrindo as mesmas humillacións.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.