Pero deixemos o fondo da cuestión de lado e vaiamos ao máis cotiá, ás miserias de cada día. Entrar nos bancos estame repugnando. Coñecidas as axudas recibidas de todos nós para volver ás andadas, o peor é que na práctica diaria trátannos coma a mendigos. Suprimen persoal. Deben adestralos para que sexan menos amables. Están sempre con colas coma se repartisen mel gratis. Perderon toda elegancia e delicadeza e convertéronse en feos, mínimos, desordenados e ineficaces cubículos onde ninguén mostra simpatía nin alegría nin moito menos atención esmerada. Despois de minutos aburridos de espera, aténdete con tan poucas ganas e cara de poucos amigos o administrativo de quenda que xa non sabes se preguntarlle se ten algún mal ou realmente está tan explotado que non lle dá o ánimo para máis. Calquera operación ha pasar por un ordenador que cae, que non está co sistema adecuado, que se está reparando ou que non lle dá a gana de funcionar. E logo chega a hora da operación. Se ingresas un cheque na túa conta, pagas; e realizas unha transferencia, pagas; se solicitas unha información, non é esa a persoa adecuada para darcha, has de agardar que neste momento non está... De que van estes amos do mundo?
Houbo un tempo no que nos enganaban igual, que che empaquetaban créditos con letra miúda pola que non sabías que o interese estaba trucado ao seu favor, que venderon preferentes sobre todo a vellos e xubilados cos seus aforros de toda a vida, que che daban palmadas no lombo para que abrises un fondo de pensións, pero polo menos o espazo estaba organizado, parecía existir un mínimo rigor e o director, se era unha miga espelido, sabía saudar, atender, pasarte ao despacho aínda que só fose para che preguntar pola trivialidade máis ao caso. Se había colas, inmediatamente os propios apoderados e directores se poñían un funcións administrativas para que os clientes non agardasen máis do preciso, urxían á rapidez, e mostraban un perfil de atención ao público dando a entender que o dono dos cartos eras ti e que tiñan a satisfacción de contar coa túa confianza. Hoxe nada diso resiste. Entras nestas tristes oficinas e todo dá que pensar que os empregados teñen un látego enriba que os fai traballar coma na construción das pirámides, o cliente non só non parece o dono dos seus cartos, máis ben o tratan coma se fose un mendigo que anda detrás dunha esmola que se agocha detrás da pantalla do ordenador, se buscas información os informadores soen ser aburridos, pouco expertos e nada che aclaran e se vas con intención de negociar algunha rebaixa nun crédito, mellor que te esfumes, diante do nariz, o director ou directora, pasará de ti coa cara máis dura, dicíndoche que o sente, pero que debe saír urxentemente. Así cantas veces o intentes.
Poden argumentar: cambie vostede de banco. Para cal? Se son todos igual. Se a concentración dos poucos que quedan leva a todos polos mesmos camiños. Para atopar unha traballadora (agora abundan máis as mulleres) agradable has ter a fortuna de caerlle en gracia por razóns inexplicables, pero a norma é unha atención de funcionario (xa me gustaría que en moitas oficinas me tratasen coma me tratan funcionarios nos seus respectivos departamentos) dos de antes, dos que te miraban antes de te atender, sopesaban, e nese mesmo intre dicíanche á cara que teñan que saír. Espere. Volva vostede mañá.
Polo seguros que se senten, polo éxito obtido coas axudas recibidas, confirmado o seu poder de chantaxe aos políticos e á sociedade, a política dos bancos nos próximos anos parece encamiñada a martirizar aos empregados, suprimir oficinas, eliminar toda relación persoal cos clientes, deixarte a soas diante dunha máquina expendedora e receptora de operacións. Realizas se queres as xestións ti online, vas ao caixeiro, pero non soñes con que alguén se especialice nin se afane por tratarte ben persoalmente. Iso era do século pasado. Agora serás un anónimo cliente que máis que cliente parecerás un mendigo coa fortuna de que estes amos do mundo xoguen ao casino e fagan lumes de artificio cos teus cartos. Ao tempo. De momento, non se estrañen, calquera día chegan á oficina do seu banco e teñen un cartel tan claro coma as palabras de Larra: Volva vostede mañá.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.