sábado, 12 de abril de 2014

AS CAUSAS DA APATÍA


CHEGAR ao fondo da causa da apatía non é tarefa doada. Menos, se antes un exercía de exemplo de motivación, empeño e incansable loita polo obxectivo que se propuña. Pero aí está: arteira e cazurra para aparecerse en calquera momento da vida acurralándote pola preguiza, as escusas, as estratexias a longo prazo ou simplemente o negativismo de "non me dá a gana". Por que o estudante cae nesa indolencia que o frea diante das tarefas que debe realizar? Por que o traballador se agocha detrás da abulia para non rematar a conciencia os seus encargos? Por que tantas persoas recorren a falsas xustificacións que os amarran ao abandono e á falta de entusiasmo diante de calquera obxectivo? Hai case tantas causas coma casos, pero algúns resultan realmente sorprendentes porque veñen detrás do entusiasmo pleno, do éxito e da admiración.
Hai varias semanas, un servidor atreveuse a prognosticar que Messi non volvería a ser o mesmo, que deixara a súa esencia: xogar coma un neno que goza no recreo. Disimulen a referencia, pero non é que acertase: quedeime curto. Nin xoga no recreo nin xoga de memoria nin xoga case de nada. Xoga ao asexo, asalando a ver se cae algo, cun trote insultante nun profesional da súa categoría, máis cando el era exemplo de revolverse con rabia se nalgunha ocasión perdía a pelota, cada vez que a tiña tremían os tres ou catro defensores que o rodeaban, arriscaba, esforzábase, entregábase de pleno, as recompensas externas eran menores que as internas de driblar e de alimentar a súa insaciable voracidade polo gol. Iso convertíao nun pequeno gladiador coas habilidades dun xenio. Que fai agora trotando polo campo case idénticos minutos que un porteiro, despreocupado coma se non estivese dentro do partido? É porque nunha falta ou nun segundo de pillabán pode resolver, pero calquera outro pasaría polos asentos dos suplentes. Din algúns que é porque antes o equipo xogaba ben e para el. Falso. Antes o equipo, cando caía en idénticos pecados, revivía coas súas xenialidades. Pensan outros que é por medo a lesionarse de cara ao mundial. Error maiúsculo. Canto máis se coide deste xeito, peor lle irá. Está canso, lesionado, xa non se divirte coma antes? Preocúpanlle máis o fillo, a mansión en Suíza? Nin idea. Pero esta apatía no actuar de quen foi o máximo defensor do entusiasmo no seu traballo é mala de entender.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.