domingo, 6 de abril de 2014

O PRIMEIRO, CARGARSE A BLANCO

Leo que os informativos de RTVE caen en audiencia, deixándolle a primeira posición a TV5. Que a cadea pública deixe de ser a máis vista á hora de se informar pode que lle sirva a algúns para interpretar que a manipulación é a causa de décima arriba ou abaixo se opte por unha ou outra cadea. A min paréceme que para nada. En absoluto percibe a audiencia maior ou menor manipulación nuns informativos ca noutros, as causas, entre outras, axústanse ao tipo de informativos que se impón e no que hai que demostrar dotes e atrevemento maiúsculo para cada vez penetrar nesa selva espesa de confusión entre información, distracción e manipulación 
Se realmente o director de informativos da televisión pública quere desprazar ás demais cadeas, deixalas nun tirón de escalador ciclista que pega un arrinque na metade da subida, debe continuar polo camiño xa elixido pero con maior decisión. Polo que se pode observar, as claves informativas xiran arredor do deporte, do tempo e dos sucesos, catástrofes ou acontecementos extraordinarios. Pois velaí a senda. Non me arrinquen con Putin, Crimea, o paro, ou as declaracións do ministro do ramo sobre o recibo da luz – polos cravos de Noso Señor-. Ese modelo chamémoslle de tirón político está caducado. Nin por máis que metamos as sandeces de Mas. Acabado. Non se pode abrir un informativo con Rajoy, Santamaría, Obama, Putin ou Hollande (si, sen embargo, con Ségolène Royal). Tomen nota e afinen. Nos encabezados non pode faltar un suceso ( se é catástrofe mundial nin dubidalo, pero se non tamén vale un de andar pola casa, sucedido nun pobo de Andalucía, Estremadura ou Galicia), como pasou a noite o dedo gordo do pé dereito de Ronaldo e logo xa un dato máis tradicional, que se imos a mellor na economía, que se o ministro Guindos prognostica unha suba do PIB, que se o PP aínda non nos quere dicir a quen mandará de número un ás eleccións europeas. Sobre esta pirámide, sen tardanza, un adianto simple e claro das previsións do tempo e logo, coma sempre, correr e cantar. Os minutos especiais a deportes que se poden ir subindo progresivamente, unha cara nova na información meteorolóxica que non se debe deixar para o remate, pois para iso cadra mellor o desastre na organización da venda de entradas para ver ás momias de as súas maxestades do demo ou algún cantante que reúna miles de fanas adolescentes por velo de cerca. A estrutura, como ven, non ofrece posibilidade de engano: arrincar con catástrofes, sucesos truculentos, escándalos, fútbol e algo do de sempre para que a viraxe non se faga demasiado brusca. Máis minutos para debullar o deporte, máis tempo ao tempo e simpatías de músicos de moda. Con iso, manipulen ou non, os informativos vanse enchendo de contido e cada vez terán máis audiencia, xa non se soporta tanta insistencia nin monotonía nos esquemas informativos. 
Como comprobarán, esta estratexia séguese con máis ou menos descaro, pero a cadea que sexa máis atrevida e se adiante nestas innovacións, levarás as décimas á súa contabilidade que á fin e o que importa. Mais, dito o anterior, hai elementos que ás veces pasan desapercibidos e requiren a nosa atención. Cada cadea acostuma a fichar cada tempada a un ou unha presentadora que sexa a cara visible e aguce a memoria en cada un de nós. Como xa temos visto, uns van, outros veñen, moitos permanecen... depende da opción de cada dirección. RTVE creo que ten un problema de fixación serio e que debe acometelo sen máis espera: Ana Blanco non pode ser a salvación dos informativos. Nada teño contra esa presentadora discreta e inmutable no tempo; nada me desagrada da súa natural e aséptica maneira de contar; nada diría do seu físico que permanece incorrupto desde que se fundou a televisión; nada que opoñerme á súa aparencia de obxectividade. Creo que é unha boa profesional e moi resistente ao cambio. Pero todo ten un límite. A todo lle chega o seu fin. Se realmente a televisión pública quere competir e dar un tirón nos índices de audiencia dos seus informativos, antes de nada, debe cargarse a Ana Blanco. Con todo a dor do meu corazón. Pero retírenma. Déanlle «Informe Semanal» ou algo semellante, pero que nos informativos non volva a aparecer o seu rostro, nin de tarde nin de noite, que se saiba dunha vez para sempre que a eterna informadora á que levamos visto en tempos de Pose e PP sen interrupción, deixe de aparecer nas nosas casas coma se tivese permiso permanente de entrada. Merece un descanso. Se de min se fían, cargada Ana Blanco, aplicando as estratexias do comezo, os informativos medrarán coma leite no lume e nós seguiremos tan faltos de información coma sempre.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.