sábado, 12 de abril de 2014

MISTERIOS DA F-1

Dese espectáculo chamado F1, porque deporte non lle chamaremos, ou si?, sempre me intrigaron tres preguntas peregrinas, pero non sempre convén barrenar con asuntos demasiado serios. A primeira, que non debera ofrecer dúbida porque de ser tal non investirían, refírese a se realmente será tan rendible para as empresas que aí meten cantidades enormes de cartos. Cando o fan, será porque si, pero non alcanzo a entender como un circo de tales proporcións, con tanto enxeñeiro, técnicos de alta cualificación e pilotos pagados a prezo de loucura, pode proporcionar beneficios a alguén. Tanto as marcas como os patrocinadores terán os seus economistas que botan contas ao milímetro e sacarán a conclusión de que lles cubica a xogada, pero visto desde lonxe e recoñecendo a ignorancia que sobre o asunto me domina, cústame saber por que un banco pode sacar tanto beneficio dunha publicidade tan cara. Pero xa digo, eles saberán e seguro que lles compensa. 
O segundo misterio en torno a este espectáculo é como se puido conseguir amarrar á televisión a millóns de seguidores. É algo que tamén me resulta de difícil comprensión, porque, aínda que sobre gustos nada está escrito, non lle acabo de ver o atractivo a unha retransmisión na que, agás un accidente, nada sucede. Un mira para a pantalla e só sente o ruxido dos motores e atende ás décimas que lle din que un lle leva a outro, pero parece estraño que nos poida atar a atención un montón de voltas de coches un detrás doutro, sen outro atractivo que saber se a un se lle rompe o motor, a outro lle rebentan as rodas ou un terceiro perde moito tempo mentres un equipo especializado e preparado ata os dentes lle cambia as rodas no mínimo tempo posible. Non sei en directo porque xamais tiven oportunidade de asistir a un acontecemento tan especial, pero visto na televisión parece a competición máis aburrida e previsible que se poida soñar. Tanta montaxe, tantos medios, tantos expertos para nos explicar como se gana unha décima de segundo entrando nunha curva para logo acabar sempre no mesmo. O curioso desta moda de atención televisiva é que todos imos aprendendo algún nome raro, e sabemos o que sabiamos: que existen neumáticos de chuvia e para seco, que se corres moito gástanse antes e que se non controlas podes esmendrellarte contra unha parede lateral. En fin, non quixera ofender a ninguén, pero pasar unha hora vendo dar voltas arredor dunha pista a coches tan caros e veloces non me acaba de convencer. Recórdame cando por fin lle regalei ao meu fillo o scalextric e pasaba tempo seguindo coa mirada as voltas e voltas que daban os pequenos coches, tendo como única atracción cando saían da pista e había que volvelos a colocar para regresar á marcha monótona e cansa de dar voltas e máis voltas sen ningunha outra finalidade. Porque habilidades podíanse demostrar poucas, raro que respondese ao manexo ou á pericia dun experto para mantelo na pista ou ganar en velocidade por aprender o seu manexo. 
E isto trae a colación a última e definitiva pregunta: quen corre, o coche ou o piloto? Ano tras ano observamos que o que marca as diferencias é o coche que os enxeñeiros conseguiron preparar, porque os pilotos, sen negar que existan diferenzas e uns máis habilidosos ca outros, á hora da verdade quedan sempre baixo o dominio do motor e do deseño que levan nas mans. Como se explica que o piloto ao que o ano pasado ninguén lle tusía pase este ano a andar por postos máis ben atrasados? Como, díganme, condutores que en anos pasados nunca se situaban nos primeiros postos, arrincan este ano, carreira tras carreira, sempre na primeira posición? Por que Alonso, que din tan fenómeno piloto, non sae dos postos de segunda e leva tres ou catro tempadas sen ulir a primeira praza do podio? Algo deberían argallar se queren que iso tan custoso e extravagante manteña un mínimo de atractivo. Porque se realmente do que se trata é de facer o mellor motor, lograr os inventos mellores para arrincar unha décima ao vento, o que habería é que realizar unha carreira de marcas onde os pilotos non deixan de ser meros acompañantes dunha magnífica máquina. Se, pola contra, o peso do piloto é determinante, as marcas pouco poderían mellorar, pois, por moi boa máquina que eu leve, cunha infinitamente peor, Alonso sempre debería ganarme. Que chegados a eses niveis de competición é imposible unha resposta similar dado que todos andan moi axustados e , tanto máquinas como pilotos andan en diferenzas de milésimas de segundo? Pois entón triste vexo o espectáculo. O que resulta algo estraño é que algúns pilotos elixan sempre a marca que está no momento en que fai peores máquinas. Nin que o ulisen. Se corren para Mercedes, ese ano Mercedes non consegue coche fiable; se cambia para Ferrari, Ferrari parece que non sabe fabricar coches de F1, son sempre unhas caldeiretas; e a únicas veces que ganou foi cando corría nunha marca na que ninguén daba un peso por ela. Misterios nos que non dou penetrado.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.