sábado, 28 de febrero de 2015

UN FILÓSOFO NA BOCA DO LOBO

NIN PLATÓN o diría tan ben como o acaba de dicir seu irmán: Ángel meteuse na boca do lobo, é unha insensatez, se aplicamos as leis do razoamento lóxico non resiste medio diálogo, pero tivo a valentía de atreverse a un compromiso tan temerario que merece un respecto. ¿Por que un catedrático de metafísica, armado de oratoria e clarividencia, sereno e temperado acepta a loucura de intentar gobernar para a cidade e os cidadáns, suponse que coñecedor do ben e da equidade, intentando cadrar a xustiza na fochanca desta política corrupta e putrefacta? ¿Que tensión erótica, esa que Platón poñía na vontade da mocidade, mestres, oradores e poetas, anima a alguén para que opte por ir a Siracusa intentando aprender a Dionisio a arte do bo goberno cando o que este pretende non é máis nada ca que ser un tirano ilustrado? ¿Non vai saber acaso o metafísico Gabilondo que a tiranía sobrevive na propaganda, nos gardas da revolución, nas mafias e nos bancos dos refuxios fiscais? ¿Non experimentou xa, cando intentara un pacto tan necesario en educación, que non é posible guiar ao obstinado cara a filosofía e a xustiza? ¿Segue, a pesar de todo, convencido como lería nos clásicos que “ata o día no que os filósofos teñan autoridade absoluta sobre a cidade non haberá remedio para os males de esta, nin dos cidadáns, nin poderá levarse á práctica a organización política que imaxinamos na teoría”? Non o creo. Mais ben sospeito que é perfectamente consciente de que tamén os filósofos están expostos ás tentacións das riquezas, da beleza e dos afagos da multitude con aplausos desmesurados; que non se pillan troitas sen mollar os xeonllos e que cando un réxime é corrupto pouco pode facerse para modificalo salvo que se conte con amigos e asociados leais coa xustiza e coa cidade.
O irmán de Ángel Gabilondo, dende o afecto, captouno ben: ¿que pinta un catedrático de metafísica competindo, nun supoñer, con Esperanza Aguirre?
Cando Ángel Gabilondo aceptara ser ministro de educación no goberno de Zapatero permitinme xulgar a súa decisión como inútil. Coma noutras ocasións, tamén nesta me debín equivocar. Porque se alguén recunca tan axiña é porque algunha fe permanece intacta. Se Platón volveu a Siracusa intentando ensinar a Dionisio foi porque o seu amigo e devoto Dion o convenceu de que podería trasladarlle ao gobernante as súas ideas de xustiza, ben e bo goberno. Algunha esperanza aniñaba de que o gobernante non temeroso da morte, con boa memoria e fácil para aprender entendese o que con paciente diálogo fora descubrindo na República. Algunha esperanza debe agochar Gabilondo de que conta con amigos e asociados suficientes para picar nese dogma infecto que nos enferma nesta época de aplicación política: o de pensar que deixando libre a competencia nunha carreira pola desigualdade seguirá milagrosamente a equidade; algunha esperanza o animará de que a súa convicción e entrega en certa medida axudarán para transformar un estilo de goberno tan oxidado como anémico de bondade que ameaza con espallarse entre excitacións populistas ou resignacións melancólicas, ambas desesperadas; algo, ademais do logro persoal, o entusiasmará ata afanarse nunha tarefa tan incerta como dura. Non creo que sexa por vivir abrasado de ideas, coma se non soubese que a ximnasia e a música as moderan, desas nas que a paixón está sometida á sede de aprobación por parte da voluble opinión pública. Suponse que algo de autocontrol terán estes intelectuais que se guindan a peito descuberto á area do goberno práctico, palpable, sucio.

Seu irmán, dende o afecto, captouno ben: ¿que pinta un catedrático de metafísica competindo, nun supoñer, con Esperanza Aguirre? Alguén que ama as palabras, que as coida, que escribe libros con esmero e paciencia, que dedicou a vida a ler con cariño os clásicos e reflexiona no silencio da soidade, ¿como pode abaixarse ás navalladas de pelexa na lama, de slogan fácil, pensamento raquítico, sedución pola simpleza? ¿Como han casar as leis da lóxica, do bo razoar, dos matices, do escape de falacias e de sofismas sen saír pintado de amarelo frívolo ou vermello agresión? Será polos malos hábitos do corazón que un non se sorprende de que unha medio aristócrata descarara e lingoreteira alcance fortuna nestas liortas mafiosas (lembren aquel episodio no que ata se mercaron por vil metal as vontades de dous parlamentarios ) e que saiba espetarse nas mentes dos votantes con dardos afiados na ambigüidade e na media verdade, o que xa lle sorprende é a decisión do destinado á crítica medida en soidade produtiva arredor do sol da verdade optando polo compromiso de se refregar en batalla tan desigual, sen aparente práctica neses métodos nin armas. Por iso, coincidindo coa benevolencia fraterna de Iñaqui para Ángel, aplícolle á arriscada decisión do catedrático de metafísica as comprensivas palabras do filósofo: “Calquera destino alcanzado no intento de conseguir o máis alto para un mesmo e para o propio país é á vez bo e glorioso”. Claro que os destinos podían ir da morte ao ridículo, e nos últimos tempos ben sabemos todos que andan máis cerca do ridículo que da morte.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.