Nos últimos anos medrou a idea da necesidade dun
cambio. Un cambio radical. Así non podiamos seguir. Unida a podremia na conduta
dos políticos gobernantes á intensa crise afectando a unha grande maioría de
cidadáns (especialmente mozos e os máis débiles), no conxunto social instalouse
un acordo latente de que nada debería seguir coma ata o de agora. Algo cumpría
facer. Como consecuencia, movementos de protesta, ideas acendidas, un malestar
difuso e manifesto e a forza de novas xeracións fartas deste modelo deron pé á
creación de ofertas políticas brillando
con grandes perspectivas. Mareas coa convicción de ganar e poder agromaron
nas universidades, asociacións e
movementos veciñais (nas cidades, que é onde ocorren as cousas) decididas a
trasladar á práctica o malestar e a rabia ben captadas entre enormes capas
sociais. En tempo breve pasaron da rúa e da protesta á organización política
ideas e protagonistas aos que en primeiro se lles criticaba a falta de
concreción realista nun vehículo transformador. Xa metidos na area do
enfrontamento político directo parecía que medrarían coma leite no lume capaces
de levar coa súa vasoira renovadora canto resto de corrupción e vellos modais
retiñan os vellos partidos. Pero non fixo falla que chegasen nin as primeiras eleccións
xerais para comprobar que non todo resultaba tan doado e milagreiro.
Á porta da primeira proba electoral
seria, os vellos partidos souberon utilizar as súas armas de convencemento
masivo para pararlle os pés aos crecidos acabados de chegar. Aproveitando os
erros propios dos últimos en se incorporar
e manexando con soltura o aprendido en anos de batallas electorais, os
dous partidos afeitos a gobernar, aqueles acusados polos rompedores de casta,
refixéronse apelando a tres argumentos para desgastalos que lles parecen
irrefutables: son inexpertos e temerarios, como consecuencia córrese o perigo
de que causen un derrubo de proporcións catastróficas e, por se non abondase,
aínda sen tocar poder, demostran idénticos defectos cós das casta á que din queren
eliminar. Atacados por tales lanzas e frechas, os novos perderon brío, deron as
primeiras mostras de esgotamento prematuro e decepcionaron ao cidadán antes
animado agora resignado a que tampouco eles coñecían a pedra filosofal, nin
eran tan destemidos, nin as súas ideas tan novidosas nin brillantes. As
enquisas comezan a dar indicios de que perden azos, a realidade demóstralles
que entrar na batalla aberta, no corpo a corpo da política esixe unhas coirazas
e coitelas especiais e non ao alcance de calquera.
Onde estivo o segredo desta defensa
arrichada cando a cidade parecía perdida? En saber retorcer o cambio ao servizo
dos propios intereses, ben apelando ao medo ou ao desprestixio de quen se
presenta sen credenciais. Pero agarrándose ao idea clave e facéndoa súa: o
cambio non virá de inexpertos novatos, de ilusos, de falabaratos sen se curtir
na dura tarefa de dar trigo. O cambio ofrecido, dixeron e dirán, era fume de
leña verde que o único que pode conseguir é nubrar a mirada, o bo criterio e o
xuízo. O cambio só é posible sen cambiar nada. Os únicos que realmente cambian
algo son os que non se moven, os que permanecen. Non se trata do traslado aos
tempos presentes da loita entre Heráclito e Parménides, senón dunha artimaña
hábil que chega a paralizar a moito
votante que se atopa co dilema de se non pasará de mal a peor. Existe un medo
atávico ao cambio instalado nos individuos e na sociedade que chegado o momento
frea as ilusións iniciais. A confortable mediocridade ou o sufrimento ou a
infelicidade prefírense con moita frecuencia á perspectiva de algo descoñecido
debido á angustia que xera todo cambio. Que a Virxe de Lurdes nos deixe como
estamos soe ser modelo de decisión que pesa máis do que se cre. Este está sendo
o razoamento de contraataque co que se pretende convencer ao cidadán de que
para que algo cambie nada ha cambiar. Por iso os que parecían exhaustos
reviven, os que ofrecen cambio sereno recollen moito voto que noutro tempo ía
lanzado á marea do desespero e os que levantaron a lebre do fastío resisten
como boamente poden entre feridos, baixas inesperadas, desánimos cos que non
contaban, desconcertos que asaltan os ceos máis azuis.
Quero isto dicir que rematou a
batalla? En absoluto. As confrontacións electorais son para isto: para que no
dinamismo do choque de propostas se vaian aclarando flancos débiles do
contrario, ameazas baleiras de valentía, incongruencias ocultas, trampas
adornadas. Labor de quen pretende afianzase e alcanzar goberno é revolverse,
pillar as malicias e reviravoltas do contrario para entre uns e outros mellorar
a cousa pública. Pretender solucións fáciles, directas, inmediatas e falsas non
pertence ao campo da democracia. Estar atentos, analizar argumentos duns e
doutros e decidir, si. O domingo decidirase se realmente hai vontade de probar
un cambio radical ou un abaneo que manteña equilibrios para que os cambios se
produzan sen cambiar demasiado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.