sábado, 9 de mayo de 2015

E DIXO DEUS: TI XOGARÁS AO FÚTBOL

ANTES de que Deus tomase cartas no asunto –sabémolo polo Xénesis–, a terra era unha masa horrorosa e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas. Menos mal que a Deus se lle deu por traballar durante sete días para que houbese luz arredada da tebras, día e noite, que creou espacio para separar as augas de enriba das de embaixo, que xuntou as augas todas para diferencialas do enxoito, puxo na terra herba verde, plantas, árbores para dar froito, cada unha coa súa semente, e quixo que nas augas houbese un fervedoiro de peixes, que tiveramos toda clase de paxaros e lles deu orde a todos de que se reproducisen e medrasen para encher a terra; e mandou tamén que aparecesen varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes, ata que se lle ocorreu facer ao home á súa imaxe e semellanza, e fíxoo varón e femia para que se reproducise e mandase nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra. Rematados o ceo e a terra e tódolos elementos, viu que todo era bo, gustoulle o traballo feito e descansou.
Mais co tempo, repasada a obra, contemplou coa súa mirada omnímoda o dominio e aproveitamento que os homes ían facendo da terra que tanto lle gustara e, con ver grandes avances e progresos, non se sentiu contente de todo. Viu que uns homes escravizaban sen piedade a outros, que algúns varóns sometían ás femias coma se fosen cousa, que os peixes e herbas verdes desaparecían pola ambición e inconsciencia de moitos, que escaseaba o aire para respirar ben, que moitos nenos aprendían a guerrear , que existían desigualdades inxustificadas, que, a pesar de tantos bens cos que enchera mar e terra, eran demasiados os que pasaban fame negra, e que, por se fose pouco , algúns desaprensivos, usando o seu nome de xeito fraudulento e con malas artes, encirraban ao dominio, á submisión e á guerra cruel. Examinou a historia ata os nosos días e pensou que moitos homes, varóns e femias, feitos á súa imaxe e semellanza, non podían estar ledos. Por iso un día no que lle entrou unha miga de melancolía pousou os seus ollos na cidade de Rosario. Un neno pequecho xogaba cunha bola. Observouno nun instante eterno como só el pode facelo e dixo: ti xogarás ao fútbol, Messi. E o neno viaxou de Rosario a Barcelona para xogar diante do mundo enteiro, o mundo non para de mirar para el e cada vez o que ve non deixa de cantar: Deus é bo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.