Hai actividades de masas que
levantan paixón, moven cartos e concitan espectadores, pero ningunha como o
fútbol. Certo que está ben promocionado, que os medios case obrigan a saber
del, pero algo intrínseco á propia actividade haberá neste xogo cando aló onde
chega, con excpeción, de momento, dos EE.UU., levanta tal expectación e
seguimento por parte de millóns de persoas. Tantas que por iso as televisións
pagan cantidades astronómicas e os seus protagonistas (non só os xogadores)
cobran salarios fóra do normal. O espectáculo cumpre a función de atraer a
atención evasiva sen esforzo, de lograr unha perfecta adhesión polarizada que a
nada compromete e dá oportunidade de descargar de maneira consentida a
agresividade e o desprezo polo contrario, e alenta á reposición permanente do
soño irrompible de que se pode vencer, aínda que sexa de maneira efémera.
As
funcións sociais de pertenza á tribo, gregarismo, catarse eufórica e
irracional; a saída da agresividade, da frustración e a necesidade de atopar
unha recorrente evasión; así como a falsa crenza de que animando, opinando ou
xulgando aos protagonistas somos todos sabios e iguais (a masa asimílase por
instantes ás elites coma se desaparecesen as diferenzas berrando ao unísono o
canto de apoio aos dun e maldición ao enimigo) converte este negocio,
espectáculo, deporte, nun fenómeno arredor do que xiran moitos intereses. Por
iso as catedrais do momento son os estadios de fútbol, deseñados polos máis
creativos arquitectos, centro de reunión da cidade; os medios de comunicación
viven en función dos grandes contratos de emisión; os dirixentes políticos
disfrázanse coas camisetas dos ganadores facendo o máis espansoso ridículo,
ademais de pronunciar discursos aduladores, de baba, que dan risa por non
chorar; os mellores negociantes entran nese mundo por “amor aos colores da
cidade” e os nenos case dende o berce soñan con lograr o éxito dos heroes do
espectáculo. Por suposto, tamén virxes e santos patronos reciben aos vencedores
en ulido de santidade, onde se viu que os santos non estivesen ao tanto de onde
se cocen os verdadeiros pegamentos sociais...
Dicíase
na época da ditadura que era Franco o que aloulaba co fútbol aos súbditos para
adormentalos e así manipulalos mellor. Se levantase a cabeza... Se de opio se
trata, ningún sistema é máis eficaz para lograr unha perfecta alienación que
este chamado de libre mercado e liberdades democráticas. Nin o ditador máis
feroz conseguiría éxito máis claro. Non existe tortura nin represión capaz de
lograr a devoción polo fútbol como o realizan as prensas, radios e televisións
libres que se encargan de sementar afeccionados, seguidores e fanáticos cunha
efectividade indiscutible e indestrutible. O fútbol esténdese coma auga que
todo o mergulla, aínda querendo non é doado librarse del. Os negociantes, os
políticos, os amantes da cidade, os necesitados de mitos ou simplemente aos que
lles gusta, arman un tecido tan ben entramado que, coma un tsunami, arrasa con
todo.
Entre
todo este enramado, os máis visibles representantes son os xogadores. Mozos
case sempre atléticos, moi ricos, que serven de modelo do que é o verdadeiro
éxito. Derramando luxo, acompañados de mozas espectaculares ao ditado do ideal
de beleza marcado pola moda, respectados e adorados polo público máis variado,
constitúen un tipo de privilexiados sociais capaces de crear moda cos
peiteados, cos corpos embarrañados de tintas, cos seus berros de guerra ou
músculos de envexa. Porque en todo son envexados estes heroes modernos. Non
digo que exerzan condutas dignas de emulación, pero si de envexa primitiva.
Novos, ricos, saudables, admirados... E, por riba, o traballo non os mata.
Cando se observan partidos destes que chaman do século e que se repiten cada
dous meses, sempre me sorprende o brandos que resultan estes heroes. Parece
incomprensible que atletas tan ben coidados, mimados, con equipos de
fisioterapéutas, nutriocinistas, adestradores especializados, psicólogos,
técnicos meigos e sen ter outra cousa que facer que adestrase para xogar unha
ou dúas veces á semana (algo que moitos mozos realizan diariamente sen cobrar
un peso) queden extenuados en canto se lles esixe un esforzo especial.
Será por ignorancia, pero
sorpréndeme ver derreados a eses heroes tan atléticos, tan masaxeados e ben
pagados, exánimes, sen poder coa alma por ter que correr durante quince
quilómetros en dúas horas. Non chego a comprender como despois dunha esixencia
fóra do normal (media hora de prórroga) acaban todos con calambres, tiróns
musculares, abductores danados, sen folgos para se erguer da herba. A que se
dedican, tan baixo é seu umbral de resistencia, onde, pois, se sustenta a súa
heroicidade? Recoñezo a axilidade e resistencia de moitos, incluso a
xenialidade de algúns (poucos), pero estráñame que se pague, enxalce e venere
tanto a estes heroes de pacotilla. Será, se cadra, porque a maioría demostra
dotes oratorias coma Demóstenes ademais de descaro para lucir peiteados e
tatuaxes estrafalarios?
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.