domingo, 12 de junio de 2016

QUEREN OS ELECTORES QUE OS PARTIDOS PACTEN?

DESPOIS das eleccións pasadas, todos os partidos dixeron que comprenderan o mandato dos votantes: negociar, acordar, ceder, pactar. Menos mal que o entenderon... Non formaron goberno e solicitan do votante un novo mandato. Polo que anuncian as enquisas, agás que Unidos Podemos pode estar por riba do PSOE, as ordes dos electores non se van a diferenciar demasiado. Non haberá ningunha maioría capaz de formar goberno necesitando outra vez negociar, acordar, ceder, pactar. Polo que se ve, tanto partidos coma electores coinciden plenamente: hai que pactar, pero como eu quero, necesito, me convén. Porque se os partidos deixan á vista que o que prima na súa xerarquía decisoria é a súa comenencia, non parece que o elector pense de maneira distinta, do contrario non se explican as tendencias de voto. 
Durante os meses de negociación ata que se chegou á inevitable obriga de convocar novas eleccións, cada partido tratou de culpar ao contario xomo causante da falta de acordos, pero o certo é que, obxectivamente, cos defectos que se lle queiran buscar, só dous fixeron algo por logralo. Ciudadanos e o PSOE, por suposto servindo tamén aos seus intereses partidarios, realizaron o esforzo de encetar un pacto. Cederon. Chegaron a unhas liñas de confluencia. O PP e Podemos xogaron abertamente a buscar novas eleccións. O PP nin se molestou, consciente de que ningún partido está disposto a pactar con eles (triste resultado despois de catro anos de goberno) e Podemos enredou coa habilidade que os caracteriza facendo teatro para distraer e continuar coa súa: chegar ao poder mediante unha maquinaria de propaganda lúcida e uns contidos a cada paso máis cínicos e incribles.
Por suposto que PP e Podemos culpan aos que o intentaron con mil falacias, pero o certo é que só Rivera e Sánchez intentaron aproximar posicións para avanzar nunha posible solución. Pois ben, se o votante se comportase de maneira coherente e non ao ditado da opción partidaria, o lóxico sería que estes dous partidos recibisen maior intención de voto como premio ao seu esforzo. Pola contra, son os castigados. O votante polarízase a fovor dos que de maneira máis clara desexaban volver ás urnas. 
Agora todos os partidos nos tranquilizan con que non haberá unha terceira volta. Será por medo ao ridículo e cansazo, pero en vista de como nos comportamos partidos e electores era o que nos mereciamos, porque o que corresponde agora é que se entendan entre o PP e Unidos Podemos., a ver se así é máis doado... Iso de que os dirixentes dos partidos len que o que os votantes desexan é pacto e acordo, paréceme un conto, o que saben perfectamente é que, o mesmo ca eles, o que realmente lles importa por riba de todo é impoñerse e liquidar ao contrario. O ben común, xa se verá despois. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.