Se hai dous seres neste mundo que gardan menos
parecido son Muhammad Ali e Mariano Rayoy. Ata parece que escribir os seus
nomes xuntos me causa un formigueo nos dedos que me impedirá continuar. Á
determinación, elegancia, agresividade, provoación, intelixencia e valentía do
boxeador falecido hai que opoñer a raposería, moderación, cálculo, tempero de
opositor e as malas artes propias de quen dedican máis de media vida á política, como é o caso do presidente de
Goberno en funcións. Se un pasará á
historia como modelo de atrevemento e coherencia enfrontándose ao que fose con
tal de escapar da escravitude e ser realmente libre, o outro entrará por ser un político adaptado, realista e
resignado, con grandes dotes para o
equilibrio, dedicando parte da súa vida a convencer aos cidadáns de que nada
compensa tanto como ser realistas,
adaptados e resignados. Como Deus manda e o sentido común ensina. Mais sendo
tan distintos, a estratexia do incombustible Rajoy parece calcada da que Ali
utilizou fronte a George Foreman no antigo Zaire.
Nalquel
memorable combate, Ali, despois dun primeiro asalto no que exhibiu o seu don
para o xogo de pernas e a súa figura atlética, flexible, moldeada polo canon
de beleza dos deuses, coma un heroe
grego, optou por algo que a primeira vista parecería suicida: deitarse nas
cordas, taparse, esquivar toda a furia dos gopes do contrincante coma se non
lle quedase outra que aguantar ata caer redondo. Cubríndose con moito oficio e
demostrando uns reflexos rápidos coma o raio, logrou que a maior parte do xenio
frozudo de Foreman se perdese no aire, aínda que no tórax, brazos e cabeza
recibiu un considerable castigo. Foreman, a medida que pasaban os asaltos,
perdía confianza, golpeaba con menos potencia, sorprendíase de que aquel
bocazas provocador aguantase tanto castigo e aínda tivese folgos para
insultalo. Claro que Ali, veloz cos brazos case coma coas pernas, en posición
imposible, lograba conectar directamente no rostro do ofuscado Foreman, a cada
paso máis convencido de que tiña a negra consigo. Como así foi. No oitavo
asalto, Ali decidiu que o rival xa tiña que estar esgotado e completamente
desanimado, pillouno nunha contra, saíuse das cordas, atacou e conectou dos
golpes demoledores. O xigante Foreman tombado non se dá erguido. Ali gana. O
provocador dá satisfacción incrible aos seus seguidores.
Na
táctica de Rajoy nunca poderá darse un primeiro asalto. Nin ten xogo de pernas,
nin é rápido, nin a elegancia innata forma parte das súas ferramentas. Por iso
dende sempre utiliza o refuxio nas cordas, agocharse coma se non existira e
permitir que o contrario golpee, coma se el fose só un saquete para recibir
pallizas. Encaixa. Apenas devolve, só cando calcula que merece un respiro.
Lévaas e os espectadores irrítanse: que fai, por que non actúa, a que agarda,
como segue cubríndose e recibindo sen responder, como pensa ganar así calquera
combate? Pero Rajoy non se inmuta. É fiel á súa práctica de anos, leva na
política dende mozo, entende que esas son as súas armas, non debe utilizar as
que non ten. Resiste. Cala. Deixa que os contrarios ameacen, lle zoupen, o
acurralen, pero no perde a fe de opositor: hai que cantar o tema, repetilo no
tempo adecuado, coa cadencia debida, sen
faltar á letra do artigo; hai que repetir os temas unha e outra vez, sen
ofuscarse, con disciplina e o resto chegará por amecedura. Tanto lle ten onde
se realice o combate: en Galicia, Andalucía ou Cataluña. Cada tema ten unha
letra, repítese, fártase e abúrrese ao contrario que acaba por abandonar. Tanto
ten o alcance dos golpes e de onde procedan: Bárcenas, Granados, Barberá...
Nomes. El continúa nas cordas, tapándose, agardando, os golpeadores acabarán
fartos, cansos, extenuados. Nada o atemoriza. Leva anos deitado nas cordas, non
é un prodixio de cintura nin de reflexos, pero aguanta e sabe colocar os brazos
de maneira que os directos nunca o guindan á lona. Resiste. Esgota ao
contrario. Sae vencedor aos puntos.
Sei
que é un sacrilexio comparar a Muhammad Ali con Mariano Rajoy, pero hai que
recoñecer que o político do PP é coma se estivese permanentemente no ring do
antigo Zaire. Ninguén parece disposto a pactar con el, todos pretenden
guindalo, dano por acabado en múltiples ocasións, incluso dende o propio
partido, pero el segue á súa: agochado, soltando algunha man, resistindo,
esgotando aos contrarios. Ata Aznar, tan enganchado ao exercicio físico, un Joe
Frazier en miniatura, ridículo, acaba rendéndose á evidencia de que co mestre
na estratexia do Zaire non hai quen poida. Por iso, con estar só no parlamento,
sen ninguén con quen falar, acabará sendo de novo presidente do Goberno. O
único propósito que o move dende que se
deitou contra as cordas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.