domingo, 3 de abril de 2011

MIL VECES MELLOR NA CELDA 211

SE NON VIRON Inside Job, merece a pena. Non porque descubramos nada que non sospeitaramos nin, menos, porque de maneira acelerada vaiamos aprender moito sobre derivados, futuros e toda esa maxia dos enxeñeiros das finanzas, senón porque é reconfortante comprobar que no carozo da mesma sociedade que produce o miolo desa repugnante ideoloxía, habita tamén o espírito crítico capaz de se enfrontar a ela con valor. Non. Non comungo con rodas de muíño, a estas alturas xa sei que tamén debemos sospeitar do documental de Charles Ferguson. Inocentes, nin os santos. Pero dá algún azo pensar que aínda hai traballos de investigación que non casan nin cos republicanos nin cos demócratas, nin con Bush, nin con Clinton nin con Obama, e menos cos seus meigos económicos.
O documental pretende analizar con valentía a situación creada pola industria financeira que estalou no 2008. Como profano confeso que son da cousa económica, só podo extraer unha conclusión simple da que se derivan outras menores: hai un triángulo maligno sobre o que xira o planeta: poder e saber ao servizo dos cartos. Amasados os tres, explícase que, gobernen uns ou outros, as dependencias e servidumes acaben sempre arredor dos mesmos personaxes. Dá mágoa comprobar cómo a concentración de cartos e beneficio vai acurralando o poder e estes captan e seducen as vontades das mellores cabezas e universidades. Poder e saber alíanse nun trenzado ideolóxico que queda case mellor reflectido aínda no frío silencio dos que non din nada. Aqueles que dirixiron e contaron con máis poder sobre a regulación ou falta dela, néganse en redondo a realizar o máis mínimo comentario. Nada teñen que explicar. Non lles merece a pena perder o tempo dando explicacións que, suponse, ou ben os mortais non poderiamos entender ou considéranse tan por riba do resto dos humanos que non se ven na obriga de explicar nada a ninguén. E o curioso é que moitos dos máis importantes expertos, agás Greenspan, continúan asesorando a Obama. Como se non houbese maneira de se desfacer dos que se ofrecen como únicos e verdadeiros coñecedores do funcionamento do mundo. Dos que se prestaron a responder, algúns a tatexar, hai catro expertos -se ven o documental estou seguro de que irán descubrindo a quen me refiro-, que dá medo escoitalos. Polo seu cinismo e frialdade, pola innegable evidencia de que saben o que fan e a quen serven. Non minto nada se lles digo que, antes de me ver con eles a solas no mellor salón do Foor Seasons de Nova York, mil veces me quero atrapado na Celda 211 con Malamadre e os seus colegas.

domingo, 27 de marzo de 2011

CHIVATOS E POLICÍAS

Coincido con Javier Marías: A cada paso máis cidadáns estanse convertendo en chivatos e policías permanentemente de servizo. Tanto celo vixiante do políticamente correcto, tanto móbil disposto a pillar en falta ao primeiro que pasa, especialmente se é envexado, tanta zunia con perseguir ao que comete un fallo na súa vida privada, acabará por trastornarnos e impedir que se poda vivir cun mínimo de naturalidade e flexibilidade por non entender cada palabra e cada xesto en función do contexto. 
Entre esta teima e a tendencia  a rematar todos por todo nos xulgados, isto promete encamiñarse cara unha mala película de polis e xulgados.

O MISTI E O CHILI

Vargas Llosa lembra a súa casa de Arequipa. Casa na que case  nin estivo, só  o primeiro ano de vida. Todo canto dela soubo foi pola morriña coa que dela se falaba cando se mudaron a Cochabamba. Coma sempre que a don Mario se lle van os recordos a aqueles anos, aparece a figura amorosa  de súa nai loucamente narmorada do seu odiado pai. Ao remate, que hoxe aquela casa se converta  en lugar de lectura na memoria do laureado escritor non lle compensa tanto como a íntima satisfacción de pensar no feliz que sería súa nai se puidese comprobar a onde chegou aquel neno que, a pesar  ser abandonada polo pai, se atreveu a traer a este mundo coa axuda do seu clan familiar. 
Mentres leo ao autor de "La casa verde",  acórdame un dos primeiros artigos xornalísticos que escribín na miña mocidade: "O Misti e o Chili en Vargas Llosa". Non teño nin idea de se quedará algunha señal del, pero si lembro que, mesturando o volcán e o río, intentaba comprender a capacidade que o peruano tiña para me mover coa súa literatura. Co paso dos anos, a miña devoción polo último premio Nobel pasou polas súas crises, pero resisitiu a todo quebranto por me seducir a idade tan fundamental. 

O SANGUE OU FACEBOOK?

Miguel Anxo Murado analiza a crise de Siria con claridade. Mentres as protestas sigan a se producir en Deraa e Hama e non en Damasco, é dicir en cidades de provincias, conservadoras, o réxime seguirá reprimindo con éxito as protestas. Outro cantar sería se a sublevación máxima se dera na capital. Mentres tanto, a el parécelle que as revoltas están máis alimentadas polo sangue derramado que polo facebook. A min tamén. Sen lle restar importancia ás redes sociais, non creo que se poidan reducir as causas dos contaxios de sublevación nos países árabes ao poder do internet.

EN NADA

Di nunha entrevista o pintor Eduardo Arroyo que triunfou o cinismo, xa ninguén cre en nada. Ninguén non sei, pero moitos é certo que demostran día tras día non crer absolutamente en nada. En nada.

O PINTOR IAN McEWAN

NON sei se concordo plenamente coa tese da última novela de Ian McEwan. O escritor inglés está promovendo con grande repercusión Solar, un libro que naceu cun pan debaixo do brazo, pois o tema tratado, pola desgraza de Xapón, non podía estar máis de actualidade. O protagonista, Michael Beard, un premio Nobel de Física coa curiosidade oxidada, conserva a intelixencia suficiente para dedicarse no seu declive vital a convencer os poderosos do mundo de que ou se preocupan polo medio natural e a renovación enerxética ou están condenados a deixar de facer negocios. Como supoñen, o dilema rilla, pois peta nos cartos, parte do corazón humano sempre moi sensible. E o que se defende ás claras -explícase detalladamente nunha conferencia o razoamento- é que non será o altruísmo nin a bondade as que nos salvarán do quecemento do planeta, nin tampouco a educación nin as campañas políticas, senón os homes de iniciativa, os de negocios, os que saiban ver con claridade, porque a súa perspicacia egoísta e cobizosa así llelo dita, onde está o negocio do futuro, que non é noutro lado que nas enerxías alternativas, especialmente na solar. Digo que non sei se concordo ao cen por cento, porque se ben é certo que non podemos negar o peso da ambición no progreso, tampouco é para esquecer que sen o control e a vixilancia dese motor, imos directos á catástrofe. Pero non deixa de ser tema de discusión intelixente e apropiado para os tempos que corren.
Pero a novela ten máis. Porque ese Michael Beard esgotado como investigador, conserva un perfil que non sei ben por que me leva ás veces ao Ignatius de J. Kennedy Tooule. Esperpéntico, simpático, hilarante ás veces, golfo e baldreu, apetece coñecelo. Comellón, bebedor, mullereiro, egoísta, pícaro, Beard serve para conducirnos polo mundo da farándula científica, das conferencias baleiras, dos engados orzamentarios e da vida de rendas na que se converte con frecuencia a do investigador ao que xa lle pasou o sol pola porta. Ese personaxe infiel, incapaz de compromiso, hedonista e laxo de moral, serve para concentrar a luz dun cadro sarcástico e divertido, no que McEwan, coa mestría xa en anteriores traballos demostrada, é capaz de pintar. Porque, por se non o sabían -eu non, descubriumo lo propio autor nunha entrevista-, coincidindo nunha ocasión con Tony Blair, o expremier espetoulle coa seguridade propia dos donos do mundo: "Admiro enormemente o seu traballo. Na casa temos colgados dous dos seus cadros!". Pois iso, que o último cadro de McEwan está cargado da luz da controversia sobre as enerxías do futuro e coas colores da risa e da ironía.

miércoles, 16 de marzo de 2011

SUCEDEU ÁS 8,38

Eran as 8,38. Acórdome con claridade. Na viaxe anterior pásarame por dúas veces, coma un torpedo, sendo eu a tartaruga e ela a lebre, unha moza de nadar limpo, cravándose na auga coma unha coitela, afundindome na impotencia. Pero foi ao arrincar no seguinte traxecto, abandonado o nado de  costas, cando comecei a pensar que podería ser certo, que hoxe realizábase o milagre. A medida que pasaban os metros, tres, seis, doce, quince, dezasete, vinte pareceume calcular, pensei que ía quedar por pouco, que acabaría rendéndome diante do imposible, ou, peor, afogando, pero non. A forza do home non se sabe anta onde pode chegar: entregándome nos últimos metros coma un náufrago disposto a todo por tocar terra, dei dúas brazadas, respirei malamente, estaba nas últimas, outras dúas, e toquei muro. Por fin!: vintecinco metros de crol sen unha parada, sen renunciar ao estilo que tanto se me resiste. E foi entón cando, igual que cando os verdadeiros competidores examinan as  milésimas de segundo para ver se melloraron marca, eu mirei o reloxo da piscina olímpica de Pontemuíños e comprobei que o momento histórico estaba fixado nas 8,38 do día de hoxe. 
Xa, xa, non rían polo baixo nin se asusten da frivolidade. Coa que cae en Xapón. Seino. Mentres as augas deixan barcos coma mundos entre os cascallos das cidades, a desolación se apodera da resistencia dos sufridos xaponeses e o temor nuclear se extende tanto entre os que a padecen de cheo coma dos que a viven ao lonxe a través dos medios de comunicación, un, paspán, gozando do ridículo mérito de realizar por primeira vez na súa vida 25 m. seguido ao crol. Pois sí. Que lle imos facer... E o que se aledará o meu perruqueiro cando o saiba. E supoño que alguén mais. 
O dito: día para lembrar non só pola valentía que han de amosar as persoas de Xapón para liberarse das gadoupas de tan intratable traxedia, senón tamén pola minúscula satisfacción da fazaña deste nadador ao tarde, que vai vencendo as dificultades coma se dunha grande epopea se tratase. 
Repítoo porque me quedou ben gravado: sucedeu ás 8,38.