lunes, 28 de febrero de 2011
UN DATO (MÍNIMO)
Dixo algún economista, probablemente Viçens Navarro, a que, na súa senectude, dáselle por comparar estes datos, que mentres o traballdor español paga en impostos un 74% do que paga o seu homólogo sueco, un empresario español paga o 30% (o 30%¡) do seu homólogo sueco. Se o dato é certo, agora me explico o porqué imos como imos: algúns están abrasados a impostos...
BANQUEIROS
Pregunta o entrevistador: É razoable que os banqueiros sigan cobrando os bonus récord? Resposta: Se na década previa á crise, os principais banqueiros de Londres tivesen ingresado nunha conta o 10% das súas ganancias, esa conta ascendería hoxe a 50.000 millóns de libras Esa é exactamente a suma que o contribuínte británico tivo que adiantar para salvar á banca. Fin da resposta. Quen a dá ? Non teman nin se rían, nin un revolucionario anacrónico nin cómico aburrido: Gondon Brown.
JUDIT DE MÁRAI E SIMONINI DE ECO
A criada de "La mujer justa" de Márai nada ten que ver co antipático Simonini de "El cementerio de Praga" de Umberto Eco. Aínda así, para que se vexa que nada hai novo baixo o sol, menos no Piamonte, recollo as palabras coas que a dura Judit se ri dos ingleses. A protagonista do autor que daquela era húngaro e hoxe sería eslovaco talvez non teña a lingua tan longa como a do capitán de Eco criticando a franceses e teutóns, pero deféndese ben. "Porque los ingleses son casi tan difíciles de entender como los ricos. Hay que tener mucho cuidado con ellos porque siempre están sonriendo, incluso cuando están pensando en alguna maldad. Y son capaces de mirarte con cara ingenua, como si nu hubieran roto un plato en su vida. En realidad non son tan estúpidos como parecen, sobre todo cuando quieren engañar a alguien. Pero incluso cuando te toman el pelo siguen sonriendo con amabilidad".
sábado, 26 de febrero de 2011
CON MARK SPITZ E MAO EN PONTEMUÍÑOS
Pensarán, con algo de razón e coa que está a caer en Libia aínda máis, que teño ganas de monadas para andar mirándome o embigo co meu afán por aprender a destempo o que debería ter aprendido ao seu, pero é que un non se dá liberado dos seus demos por máis que o pretenda. E a min neste momento a piscina lévame a ansia. Chego a primeira hora da mañá á olímpica de Pontemuíños, prepárome co meu carapucho enriba da calva brillante, axusto as gafas tal coma un mergullador de alta escola e véxome coma un Mark Spitz sen cabelo nin bigote, sen músculo nin miga de fibra dos que mostraba aquel campión da miña nenez, pero coa ilusión de quen non conseguirá nin sete, nin dúas nin unha medalla, mais pode ulir a gloria de cumprir o seu propósito antes de que as praias se enchan de veraneantes e un poda gozar das primeiras horas do día ou das do sopor entregando o corpo á auga coma nunha ofrenda á natureza, e síntome satisfeito e pleno coma neno ao que lle regalaron o caldeiro e pala de area polos que tanto chorara. Son praceres que só se aprecian coa madurez.
Claro que está mañá, talvez polo magnífico artigo de Miguel A. Murado que falaba dos oleoductos da ira en Libia, mentres trataba de trenzar respiración co movemento das pernas e dos brazos, acordeime dos esperpentos en que acaban os revolucionarios igualitarios, que disque buscan a igualdade e a xustiza social. Ai, miña madriña, que mágoa. É que podían amosar eivas, que as teñen todos os gobernantes que foron e serán, pero o ridículo e a miseria dalgúns deles non é doada de comprender. Esquezamos a patolóxica e miserenta crueldade de Stalin. Esquezamos a Fidel que resiste pisando na illa coa charlatanería e insolencia dun iluminado. Esquezamos se lles parece as excentricidades de Gadafi transmitidas aos seus fillos. ¿Acórdanse do poeta , do autor de O libro vermello, do grande timonel que inspirou a revolución cultural? Si, Mao. O gran nadador, o que recorría nos momentos de maior crise do seu sistema a mostrar a súa fortaleza nadando. Utilizaba a natación para demostrar ao seu pobo que o seu líder indiscutible seguía en forma, pletórico, lúcido, capaz.
Ufff. Pensando nestas cousas, porque Fidel tamén fixo as súas demostracións de deportista excelente, comezo a frouxear na miña vontade de mellora na natación. Tomen nota de cómo se poden turbiar os pensamentos: un entra na auga pensando en Mark Spitz ( para min os Phelps e Thorpe son máquinas do futuro) e acaba desanimado lembrando ao nadador dictador Mao. Nos adestramentos hai que manter a concentración e ter tino con qué se pensa, pódense perder décimas de segundo inestimables por culpa dun monstro que dedicou a súa maliciosa loucura a esmagar a vida de xeracións.
lunes, 21 de febrero de 2011
GROLIÑOS DE AUGA DE PISCINA
Reproduzo embaixo un artigo de hai algúns anos para que se vexa que o paso do tempo non impide seguir afogándonos, pero vivindo. Como a idade xa avanza, non me parecía conveniente seguir co meu estilo de nado de interior, ese que suplica con vergonza aos vixiantes da piscina que estean atentos por se en calquera instante un precisa que o rescaten, e propúxenme un plan de aprendizaxe autónomo e rigoroso de nado. Perfectamente convencido, buscando apoio teórico entre amigos e expertos, iniciei as miñas matutinas sesións de aprendizaxe nunha piscina olímpica, tampouco vai un aprender en calquera poza de mala morte. Con fe e vontade que para outras tarefas quixera, ás oito da mañá aí me teñen tres días á semana, chova ou trone, camiño das procelosas augas da piscina olímpica de Pontemuiños. Os primeiros bracexos prometeron resultados inmediatos. Parece que o cerebelo aínda non está danado de todo e a base de tenacidade e constancia fun collendo o ritmo da respiración, a harmonía no movemento e a seguridade para me ir desprazando dentro da auga ao estilo que se coñece como a braza. Cando máis satisfeito me sentía por este progreso, unha chuzada ao saír dunha destas sesións, mentres me duchaba, coma un balazo nas costas que me fixo pensar nun cólico nefrítico ou calquera mal dos que fulminan para sempre a vida dun humano, levoume a consultas e consellos que me conduciron á máis penosa das decepcións: para o que se cría que era a chuzada - un ataque de ciática- o peor que se pode facer é nadar á braza. O meu esforzo ao garete. Pero como o desánimo nunca debe poder coa vontade de quen anda detrás dalgún obxectivo nobre, de contado transformei a pena en ganas: habería que dominar o nado de costas e logo o crol. O de costas, talvez por tomalo coma descanso, non tardei en pillalo. Pero o crol...non afogo porque herba ruín non morre. Cando non levo cloro á gorxa éntrame auga polo nariz e a contagotas vaime producindo tose que non dou tusido, e cando non son as pernas as que coma un momo se van afundindo sen me dar conta, bracexo cos meus braciños anémicos de músculo coma as aspas dun muíño descompenetrado, ora levantando escuma coma un peixe bravo, ora febles e engruñados coma se buscasen apoio nas augas que se abren sen ofrecer resistencia. A cabeza xira, érguese, afúndese, vira e pide auxilio cando pola boca non entra aire e á fin, para me serenar, volvo á braza prohibida, uns instantes como refuxio, para volver outra vez, con calma, recuperando aire, ao intento de adquirir o hábito que me permita coordinar movementos, respiración e impulso como vexo en nadadores que me pasan polas rúas da beira, coma balas, disparados, perfectamente acomplados á auga, avanzando coma tiburóns no seu propio medio. Moitos días, antes de me tirar á piscina, coa escusa de que trato de colocar ben as gafas, aproveito para tratar de aprender destes nadadores expertos, pero nada aprendo, só con envexa contemplo que teñen perfectamente interiorizados os movementos, que non necesitan pensar, que o automatismo está ben fixado no seu cerebro e con só deixarse ir, brazos, respiración e pernas acóplanse nun deslizarse fermoso, sen resistencia, dentro da auga. De todos os xeitos, ás oito da mañá guíndome á piscina para tragar os groliños de auga clorada que faga falta: de min a auga non se ri, e antes de que chegue a hora veraniega de volver a tragar grolos de mar, como me chamo Miguel que hei de saír nadado a crol. Mal ou ben, pero sen afogar.
GROLIÑOS DE AUGA DE MAR
Laureano Domínguez, científico de Antioquia (Colombia), leva toda a vida investigando sobre os beneficios nutricionais da auga mariña. E di que a auga do mar pode ser un paliativo de enfermidades de tipo cerebrocardiovasculares que se orixinan por falta de aporte de oligoelementos durante a primeira e a segunda infancia. Ó parecer, xa un fisiólogo francés de principios do século XX, René Quinton, demostrou a identidade fisioquímica entre o plasma do sangue e a auga do mar, ata o punto de utiliza-la como substituto do plasma sanguíneo, realizando transfusións deste abundante elemento, porque esta contén tódolos elementos básicos para a vida nunha proporción correcta. Velaí, pois, a auga do mar coma un excelente nutriente e un magnífico revitalizador celular.
Eu non é que coñecese para nada as investigacións dos profesores Domínguez e Quinton, pero xa desde pequeno veño realizando os meus humildes experimentos. O primeiro recordo que gardo de me bañar na mar salgada está acompañado dun par de sorbos que me houberon de afundir para sempre nos fondos mariños de Gandarío. Inexperto nadador procedente das terras interiores de Arzúa, temeroso diante da grandeza de tanta extensión de auga, atrapado polo misterio de potencia tan sonora, brillo tan intenso e ventos tan ameazantes, introducín o corpiño de neno feble na friaxe das alodadas augas. Coa primeira ola notei que me subía polas pernas unha incerteza que estarrecía, meu pai insistía que non pasaba nada, que non tivese medo, non fose caguiñas, que todo me había de ter mérito e me había de sentir fresquiño e ledo se era valente. E fun. Fun valente de moito nabo: por lle dar gusto, e porque me estaban entrando unhas ganas de mexar que non resistía, tireime coma unha prumiña disposta a afogar sen a máis mínima resistencia. A primeira impresión foi tan aguda, tanta a angustia, que abrín a boca para non quedar sen aire, e aí, aí mesmo foi cando traguei a miña primeira carga de oligoelementos mariños. Coma aproximadamente un xerro de litro debín beber no primeiro trago. Meu pai, intentado facer de min un mariño competente, continuou animándome: “Veña, home, ¿a que tes medo? Eso non fai mal ningún. Xa verás cando nades que gusto che vai dar”. Expulsando auga por onde podía, tratando de me amarrar ó que non había, fundíndome unha e outra vez, desconcertado, de novo abrín a boca, acabábase o aire e non tiña pensado entregarme tan fácil á morte, polo que outra dose de oligoelementos entrou en min deixándome nun estado de case inconsciencia e abandono total á potencia do mar. Menos mal que meu pai optou por prestarme o seu brazo seguro no que me aferrei tremendo, desexando que o mar abandonase para sempre a miña garganta, a boca, os ollos, os oídos.... “Non teñas medo ningún, parviño, que isto é máis doado do que parece”, animaba en min papá. “É que houben de afogar, traguei moita auga”, conseguín explicar tremendo. “Por moita que tragases, non che ha facer mal”, sentenciou el.
E mira ti, non é que me fixese mal, é que desde aquela, porque persistín nos meu groliños con moita frecuencia, estiven cargando o meu organismo de elementos básicos, previndo enfermidades cardiovasculares, complementando a miña deficiente nutrición, pois, como xa deducirían, moi comedor nunca fun ata que lle pillei o gusto, que foi exactamente cando debería empezar a comer menos. Pero ó que íamos, que un sen saber, vaise nutrindo desde a infancia de substancias que o manteñen en pé, a pesar de que en moitos casos teñamos a impresión de que imos afogar.
domingo, 20 de febrero de 2011
EXPERIENCIA E COÑECEMENTO
A adquisición de novas aprendizaxes ten lugar por un proceso que vai da experiencia ao coñecemento. Para cambiar unha situación problemática, antes hai que cambiar o obrar e, como consecuencia, o pensar. Facer para aprender. O que se experimenta, apréndese; e se vai tinguido de emoción, non se esquece.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)