sábado, 26 de febrero de 2011

CON MARK SPITZ E MAO EN PONTEMUÍÑOS

Pensarán, con algo de razón e coa que está a caer en Libia aínda máis, que teño ganas de monadas para andar mirándome o embigo co meu afán por aprender a destempo o que debería ter aprendido ao seu, pero é que un non se dá liberado dos seus demos por máis que o pretenda. E a min neste momento a piscina lévame a ansia. Chego a primeira hora da mañá á olímpica de Pontemuíños, prepárome co meu carapucho enriba da calva brillante, axusto as gafas tal coma un mergullador de alta escola e véxome coma un Mark Spitz sen cabelo nin bigote, sen músculo nin miga de fibra dos que mostraba aquel campión da miña nenez, pero coa ilusión de quen non conseguirá nin sete, nin dúas nin unha medalla, mais pode ulir a gloria de cumprir o seu propósito antes de que as praias se enchan de veraneantes e un poda gozar das primeiras horas do día ou das do sopor entregando o corpo á auga coma nunha ofrenda á natureza, e síntome satisfeito e pleno coma neno ao que lle regalaron o caldeiro e pala de area polos que tanto chorara. Son praceres que só se aprecian coa madurez.
            Claro que está mañá, talvez polo magnífico artigo de Miguel A. Murado que falaba dos oleoductos da ira en Libia, mentres trataba de trenzar respiración co movemento das pernas e dos brazos, acordeime dos esperpentos en que  acaban os revolucionarios igualitarios, que disque buscan a igualdade e a xustiza social. Ai, miña madriña, que mágoa. É que podían amosar eivas, que as teñen todos os gobernantes que foron e serán, pero o ridículo e a miseria dalgúns deles non é doada de comprender. Esquezamos a patolóxica e miserenta crueldade de Stalin. Esquezamos a Fidel que  resiste pisando na illa coa charlatanería e insolencia dun iluminado. Esquezamos se lles parece as excentricidades de Gadafi transmitidas aos seus fillos. ¿Acórdanse do poeta , do autor de  O libro vermello, do grande timonel que inspirou a revolución cultural? Si, Mao. O gran nadador, o que recorría nos momentos de maior crise do seu sistema a mostrar a súa fortaleza nadando. Utilizaba a natación para demostrar ao seu pobo que o seu líder indiscutible seguía en forma, pletórico, lúcido, capaz.
            Ufff. Pensando nestas cousas, porque Fidel tamén fixo as súas demostracións de deportista excelente, comezo a frouxear na miña vontade de mellora na natación. Tomen nota de cómo se poden turbiar os pensamentos: un entra na auga pensando en Mark Spitz ( para min os Phelps e Thorpe son máquinas do futuro) e acaba desanimado lembrando ao nadador dictador Mao. Nos adestramentos hai que manter a concentración e ter tino con qué se pensa, pódense perder décimas de segundo inestimables por culpa dun monstro que dedicou a súa maliciosa loucura  a esmagar a vida de xeracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.