martes, 29 de noviembre de 2011

PARA VIVIR ALEGRE...

"Se escolles á muller adecuada, podes ser feliz toda a vida. Debes agarrarte con uñas e dentes aos teus soños. Ser flexible. E non esquecer que o tempo é precioso e voa".

Folco Quilici.

lunes, 28 de noviembre de 2011

OS MANDAMENTOS DE VALLEJO

No discurso de Fernando Vallejo en Guadalajara ao recibir o Premio FIL de Literatura en Lenguas Romances aproveitou para repetir os tres mandamentos do seu credo:

1. Non te reproduzas. Non lle fagas a outro o mal.
2. Respecta aos animais ( O premio leva asociados 150.000 dólares que donou a dúas señoras que dirixin asociacións de protección aos animais, non en vano admite que cando está cerca deles (dos animais) se lle calma uns instntes o caos de dentro e cre sentir o que chaman a paz da alma).
3. Non votes. Non te deixes enganar polos bribóns da democracia. Escoller o malo para evitar o peor é inmoral. 

Os seus mandamentos son moi discutibles, menos a súa novela La virgen de los sicarios, e moito menos a narración que fixo da súa infancia en Santa Anita, entre Envigado e Sabaneta, onde súa nai lle dicía cando tocaba cartos: "Vaya, lávese las manos m'hijo, que tocó plata". Polo que o autor de Antioquia conclúe: Duns nenos educados así, qué se podía agardar? Que fosen puros pobres... 
Vallejo puro. Sempre atancado ao Papa, á Igrexa católica, ao poder. Amando México, claro, bautizado en Tenampa con tequila e vendo a imaxe de José Alfredo Jiménez, quen non.
Por suposto que se sente contento de recibir o premio e de se ver acompañado de tantos amigos e de volver a Jalisco, terra de Rulfo, onde os mortos falan. 

PASEO POLA RUTA DA PEDRA E DA AUGA



Polo camiño cara o mosteiro de Armenteira, a color e o rumor da auga transforman un minuto en eternidade.

MÉTODO GRAN TORINO

Se recordan, na magnífica película de Clint Eastwood titulada Gran Torino, o protagonista adulto interpretado polo director é un vello rabudo, excombatente intolerante, maniático pola idade e o carácter, solitario e bravo cos demais e consigo mesmo. Tócalle compartir no barrio con veciños dunha comunidade asiática pola que non sente especial simpatía e da que forma parte un adolescente do que acabará sendo amigo. Pero o camiño da amizade, polo menos tal e como o entende o personaxe de Eastwood, está cheo de croios e fochancas. Non se chega a adulto pola autoestrada da branda relación, das palabras sempre amables, dos consellos paternalistas e da abdicación de responsabilidades. A relación que se establece entre adulto e adolescente susténtase na claridade, en chamarlle ás cousas polo seu nome, en falar de home a home se realmente se quere chegar a home.
Neste estilo de relación entre adulto e adolescente que eu bautizo "método gran torino", non cabe por parte do menor a desculpa, refuxiarse nas circunstancias para non aceptar responsabilidade, enroscarse arredor do propio embigo para non se enfrontar ao que custa, nin laiarse diante do que esixe esforzo. E por parte do máis vello, mesmo ás veces con rudeza, o que se pide é valentía, mirarlle á cara ao mocete e dicirlle a verdade aínda que lle doia, facerlle de espello cando non se atreve ou se paraliza por medo, zapatealo de vez en cando contra as cordas para que non tema, pois co impulso do tropezo sáese con novas forzas para continuar na pelexa. Cando, coma na película, a relación progresa e se acaban establecendo lazos de amizade, estes resisten, están ben anoados e non se tronzan nin coa macheta das situacións críticas. Nelas é cando aparece o heroe ao estilo dos personaxes que lle gusta crear a Eastwoot: ben provistos de defectos e carencias, pero insubornables cando toca responder por algo serio, no que se xoga a vida. Aí é onde se manifesta a fortaleza e categoría moral do adulto, a decisión contra o infortunio e resistencia ao sufrimento como só algúns homes son capaces de realizar. Aí é onde o adolescente atopa un espello no que se mirar, un modelo ao que emular, unha figura que lle resulta sólida. Pero para saltar sobre a desconfianza, os prexuízos, os temores e timideces cómpre traspasar a liña dos febles consellos, das contemplacións sen fin e das pusilánimes metodoloxías ao uso. Moitos pais e educadores atopámonos en innumerables situacións nas que nos pide o corpo a resolución dalgún conflito pola vella terapia dun bo lapote. Non é necesario. Se utilizaramos con máis fe e seguridade o método gran torino, aínda sen ser heroes, outro galo nos cantaría.

O BICO DE ELVIRA

Como todo estaba bastante previsto e cantado, o mellor da noite do teatro electoral estivo no bico que Elvira lle regalou a Rajoy “diante de todo España”, tal e como gustan dicir nos programas das vísceras os protagonistas desexosos de que se saiba a verdade, a mentira, a calumnia ou a imbecilidade de quenda. E non creo ser eu o único en quedarme coa foto, os xornais repetírona case todos nas súas primeiras e mesmo xa saíron artigos a esgalla gabando o discreto encanto da muller do futuro presidente. Lembro das eleccións anteriores, nas que o triunfo aínda non chegara, cómo Elvira miraba dende o balcón cunha pena imposible de agochar, a vontade férrea desterrando dos ollos as bágoas que petaban por esborrexer polas súas meixelas dondas e saudables. Agora, chegada a hora do triunfo, contida pero visible a súa emoción, deixouse ser ata desembocar no púdico ofrecemento da súa mirada, rostro e boca á altura das barbas do vencedor. Soubo deixarse levar no momento adecuado polo que o corpo lle pedía e apertou cos seus brazos a figura do seu heroe da noite e de sempre. E bicouno como as mulleres bicaban nas películas de antes: entregándose con dozura, insinuando sensualidade, ofrecendo os labios relaxados, medio abertos, sen gota de exhibicionismo nin carnalidade á vista, todo forza concentrada na elegancia dun corpo que se xira, dun rostro que se sitúa na posición exacta para o contacto, nos brazos que atraen suavemente, sen dominio, na forza discreta do imán que dirixe a súa potencia de atracción ao metal elixido. O mérito, sen querer desmerecer ao galán equilibrado e sensato da noite, estivo todo en Elvira, pois Rajoy estaba ledo e bicou tratando de ser espontáneo, pero os seus labios aparecían máis tensos, o riso non lle agromou coa naturalidade de auga que corre entre rochas e daba a impresión de que estaba desexando que toda esa celebración popular acabase canto antes, se cadra porque xa lle tardaba poñerse a traballar. A alegría de Elvira, sen embargo, sen caer na esaxeración propia dos ordinarios, brillaba nos seus ollos máis ca na boca, e o seu corpo todo expresaba a emoción a piques de estalar propia de alguén que se ve afeita a saber agardar e manifestarse só nos momentos imprescindibles. Non será indiscreta, Elvira, seguro. Aporta un encanto elegante e sobrio, moi conveniente para os tempos que corren. Nada que ver coa tímida e sosa distancia de Romero, coa avasaladora e case insultante e altiva seguridade de Botella, nin, tampouco, co nervioso e permanente escape de Sonsoles, tamén ausente. Parece probable que Elvira estará se hai que estar, aparecerá o menos posible, non eludirá as súas responsabilidades e dará confianza ao ocupado presidente, ocupado por dicir algo, porque ben mirado non é para arrendarlle a ganancia. E coa confianza chegamos á palabra talismán. Confianza será a que necesitará o novo presidente porque en gran parte baseou toda a súa estratexia en que el si ofrecerá confianza: confianza aos inversores, confianza aos poderes financeiros, confianza aos empresarios grandes e pequenos, confianza a Europa, confianza aos axentes económicos ocultos e manifestos dos que depende que se cree emprego, alicerce de toda a contrución dos seu discurso. Claro que, tal e como lle escoitei a un retirado sindicalista nun programa de radio, pasar do talante á confianza non significa grande cousa. Nin o talante serviu para empresas serias, menos ante a situación económica, nin, moito me temo, a confianza polo mero feito de saír elixido, aínda que sexa con once millóns de votos, se alcanza por repetir a palabra. Pero para contrastar sobre talante e confianza teremos tempo. Agora o que cómpre é felicitarnos porque polo menos xa contamos coa graza discreta e doce de Elvira. Case seguro que non nos dará moitas ocasións para relaxarnos coa súa naturalidade, pero doume por contente se tiveramos ocasión de repetir o bico de novo, outra vez diante de toda España, dentro de catro anos. Sería síntoma de que a confianza comezou a callar e no era mera palabra propagandística. E poden crer que o desexo de verdade, o futuro presidente conta pola miña parte con máis de media hora de graza e non me importaría ter que celebrar que se crea emprego, que os mozos atopan traballo e os maduros non temen quedar no paro definitivo aos corenta e sete anos, mantendo o nivel de pensións, educación e sanidade. Non me importará o color do goberno que o consiga. Por iso, dando por suposto que Elvira administrará as súas emocións, agardo con impaciencia a que se poida repetir bico semellante dentro de catro anos.

jueves, 24 de noviembre de 2011

PRADA



HOXE CONCEDÉRONLLE UN PREMIO COMA UNHA CARICIA. MOI MERECIDO.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

ERROS E PLANS

Dos erros nacen novos camiños. Se tes todo planificado, perdes oportunidades de cambio e de que te visite a fortuna.É bo estar atento a novas oportunidades, poden aparecer rumbos e persoas , e hai que pillalos ao voo. Ás veces cómpre fiarse do instinto e seguilo aínda que non saibas a onde te leva. Enfrontándonos á incertidume descubrimos os nosos talentos, e iso é máis importante que seguir un camiño trazado. Exercer un excesivo control como para non deixar paso ao inesperado non sempre conduce ao mellor. Se as cousas están máis soltas, menos ríxidas, a creatividade pode expresarse.