Como todo estaba bastante previsto e cantado, o mellor da noite do teatro electoral estivo no bico que Elvira lle regalou a Rajoy “diante de todo España”, tal e como gustan dicir nos programas das vísceras os protagonistas desexosos de que se saiba a verdade, a mentira, a calumnia ou a imbecilidade de quenda. E non creo ser eu o único en quedarme coa foto, os xornais repetírona case todos nas súas primeiras e mesmo xa saíron artigos a esgalla gabando o discreto encanto da muller do futuro presidente. Lembro das eleccións anteriores, nas que o triunfo aínda non chegara, cómo Elvira miraba dende o balcón cunha pena imposible de agochar, a vontade férrea desterrando dos ollos as bágoas que petaban por esborrexer polas súas meixelas dondas e saudables. Agora, chegada a hora do triunfo, contida pero visible a súa emoción, deixouse ser ata desembocar no púdico ofrecemento da súa mirada, rostro e boca á altura das barbas do vencedor. Soubo deixarse levar no momento adecuado polo que o corpo lle pedía e apertou cos seus brazos a figura do seu heroe da noite e de sempre. E bicouno como as mulleres bicaban nas películas de antes: entregándose con dozura, insinuando sensualidade, ofrecendo os labios relaxados, medio abertos, sen gota de exhibicionismo nin carnalidade á vista, todo forza concentrada na elegancia dun corpo que se xira, dun rostro que se sitúa na posición exacta para o contacto, nos brazos que atraen suavemente, sen dominio, na forza discreta do imán que dirixe a súa potencia de atracción ao metal elixido. O mérito, sen querer desmerecer ao galán equilibrado e sensato da noite, estivo todo en Elvira, pois Rajoy estaba ledo e bicou tratando de ser espontáneo, pero os seus labios aparecían máis tensos, o riso non lle agromou coa naturalidade de auga que corre entre rochas e daba a impresión de que estaba desexando que toda esa celebración popular acabase canto antes, se cadra porque xa lle tardaba poñerse a traballar. A alegría de Elvira, sen embargo, sen caer na esaxeración propia dos ordinarios, brillaba nos seus ollos máis ca na boca, e o seu corpo todo expresaba a emoción a piques de estalar propia de alguén que se ve afeita a saber agardar e manifestarse só nos momentos imprescindibles. Non será indiscreta, Elvira, seguro. Aporta un encanto elegante e sobrio, moi conveniente para os tempos que corren. Nada que ver coa tímida e sosa distancia de Romero, coa avasaladora e case insultante e altiva seguridade de Botella, nin, tampouco, co nervioso e permanente escape de Sonsoles, tamén ausente. Parece probable que Elvira estará se hai que estar, aparecerá o menos posible, non eludirá as súas responsabilidades e dará confianza ao ocupado presidente, ocupado por dicir algo, porque ben mirado non é para arrendarlle a ganancia. E coa confianza chegamos á palabra talismán. Confianza será a que necesitará o novo presidente porque en gran parte baseou toda a súa estratexia en que el si ofrecerá confianza: confianza aos inversores, confianza aos poderes financeiros, confianza aos empresarios grandes e pequenos, confianza a Europa, confianza aos axentes económicos ocultos e manifestos dos que depende que se cree emprego, alicerce de toda a contrución dos seu discurso. Claro que, tal e como lle escoitei a un retirado sindicalista nun programa de radio, pasar do talante á confianza non significa grande cousa. Nin o talante serviu para empresas serias, menos ante a situación económica, nin, moito me temo, a confianza polo mero feito de saír elixido, aínda que sexa con once millóns de votos, se alcanza por repetir a palabra. Pero para contrastar sobre talante e confianza teremos tempo. Agora o que cómpre é felicitarnos porque polo menos xa contamos coa graza discreta e doce de Elvira. Case seguro que non nos dará moitas ocasións para relaxarnos coa súa naturalidade, pero doume por contente se tiveramos ocasión de repetir o bico de novo, outra vez diante de toda España, dentro de catro anos. Sería síntoma de que a confianza comezou a callar e no era mera palabra propagandística. E poden crer que o desexo de verdade, o futuro presidente conta pola miña parte con máis de media hora de graza e non me importaría ter que celebrar que se crea emprego, que os mozos atopan traballo e os maduros non temen quedar no paro definitivo aos corenta e sete anos, mantendo o nivel de pensións, educación e sanidade. Non me importará o color do goberno que o consiga. Por iso, dando por suposto que Elvira administrará as súas emocións, agardo con impaciencia a que se poida repetir bico semellante dentro de catro anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.