Se recordan, na magnífica película de Clint Eastwood titulada Gran Torino, o protagonista adulto interpretado polo director é un vello rabudo, excombatente intolerante, maniático pola idade e o carácter, solitario e bravo cos demais e consigo mesmo. Tócalle compartir no barrio con veciños dunha comunidade asiática pola que non sente especial simpatía e da que forma parte un adolescente do que acabará sendo amigo. Pero o camiño da amizade, polo menos tal e como o entende o personaxe de Eastwood, está cheo de croios e fochancas. Non se chega a adulto pola autoestrada da branda relación, das palabras sempre amables, dos consellos paternalistas e da abdicación de responsabilidades. A relación que se establece entre adulto e adolescente susténtase na claridade, en chamarlle ás cousas polo seu nome, en falar de home a home se realmente se quere chegar a home.
Neste estilo de relación entre adulto e adolescente que eu bautizo "método gran torino", non cabe por parte do menor a desculpa, refuxiarse nas circunstancias para non aceptar responsabilidade, enroscarse arredor do propio embigo para non se enfrontar ao que custa, nin laiarse diante do que esixe esforzo. E por parte do máis vello, mesmo ás veces con rudeza, o que se pide é valentía, mirarlle á cara ao mocete e dicirlle a verdade aínda que lle doia, facerlle de espello cando non se atreve ou se paraliza por medo, zapatealo de vez en cando contra as cordas para que non tema, pois co impulso do tropezo sáese con novas forzas para continuar na pelexa. Cando, coma na película, a relación progresa e se acaban establecendo lazos de amizade, estes resisten, están ben anoados e non se tronzan nin coa macheta das situacións críticas. Nelas é cando aparece o heroe ao estilo dos personaxes que lle gusta crear a Eastwoot: ben provistos de defectos e carencias, pero insubornables cando toca responder por algo serio, no que se xoga a vida. Aí é onde se manifesta a fortaleza e categoría moral do adulto, a decisión contra o infortunio e resistencia ao sufrimento como só algúns homes son capaces de realizar. Aí é onde o adolescente atopa un espello no que se mirar, un modelo ao que emular, unha figura que lle resulta sólida. Pero para saltar sobre a desconfianza, os prexuízos, os temores e timideces cómpre traspasar a liña dos febles consellos, das contemplacións sen fin e das pusilánimes metodoloxías ao uso. Moitos pais e educadores atopámonos en innumerables situacións nas que nos pide o corpo a resolución dalgún conflito pola vella terapia dun bo lapote. Non é necesario. Se utilizaramos con máis fe e seguridade o método gran torino, aínda sen ser heroes, outro galo nos cantaría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.