sábado, 26 de abril de 2014

AMIZADES TRAMPA


PLINIO Apuleyo Mendoza, amigo íntimo de García Márquez, ten xustificado en múltiples ocasións a amizade do autor de El coronel no tiene quien le escriba con Fidel Castro. Segundo as súas explicacións, unha amizade que salvou a moitos cubanos da cadea e que a outros lles proporcionou a posibilidade de escapar da illa. Non dubido que sexan certas estas xestións en favor de determinadas persoas, pero creo que as amizades perigosas de García Márquez van máis aló dunha petición de perdón. Con independencia de que lle gustase relacionarse co poder (din algúns que eran os poderosos os que se achegaban a el, algo de todo habería) non sei se relacionarse con Torrijos, Arafat, Clinton, o rei de España e outros correspondía a trato con boas ou mala amizades, desde logo o seu trato con Cuba paréceme que obedece a unha trampa moi hábil de Fidel.
Durante anos o réxime cubano xogou a baza de utilizar como embaixadores por Europa a escritores de prestixio. Gran parte deles foron dándose conta da trampa e, salvo necesitados e mediocres, moitos denunciaron o que na realidade ocorría na illa. García Márquez mantívose (desde logo non por necesidade) fiel a Fidel ata o final, non sei se convencido de que entre o malo era o mellor para a pobreza dos países de América Latina ou, como dicía o amigo Plinio, polo pragmático resultado de salvar a condenados. Fora como fose, sobre todo na época do estoupido fulgurante en Europa da literatura latinoamericana, os escritores de máis éxito brillaban coma faros ideolóxicos nas xuventudes que buscaban unha ideoloxía que frease os abusos do capitalismo. Que escritores case idolatrados naqueles momentos defendesen as actitudes políticas de Fidel equivalía a unha propaganda de enorme poderío e gratuíta. Fidel xogou sempre con decisión esa artimaña. Aos escritores que saían da illa escaldados e contaban catro verdades (Cabrera Infante), intentaba destruílos por tódolos medios. Aos que ían pescar, pasalo ao grande e darlle ao trago por tempadas na Habana coidábaos con mimo para que trasladasen ao mundo as grandezas do seu réxime. Vargas Llosa arredouse en canto viu a realidade. Mesmo Brice Echenique coa boa vida que alí se daba acabou por ridiculizar as trampas do ditador. Sorpréndeme que García Márquez aguantase tantos anos unha fidelidade trampa que só a Fidel, non aos cubanos, lle produciu beneficios.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

O MARIDO DE MERCEDES



Entre as moitas virtudes que tiña García Márquez, sempre destaquei o seu acerto elixindo o título dos seus libros e o enxeño publicitario diante dos xornalistas falando de si e da súa obra. Dos títulos, se repasan, verán que case todos agochan unha porcentaxe moi elevada da atracción da propia obra. Deixando a un lago "Cien años de soledad", que por si só indica un mundo único e longo de misterio, viñeron outros tanto ou máis afortunados: "El coronel no tiene quien le escriba", "Crónica de una muerte anunciada", "El amor en los tiempos del cólera", " Del amor y otros demonios", "El otoño del patriarca"... Títulos todos que se fixeron donos da fala colectiva aínda quen os utilizase nin lese a súa obra. Darlle a volta a "Crónica de una muerte anunciada" é algo común na política, en artigos de xornal, entre comentaristas ou charlatáns. E outro tanto ocorre con "El coronel no tiene quien e escriba", cantidade de escribidores (entre os que non me podo escapar) utilizamos con excesiva frecuencia algo do título coa finalidade de resumir con enxeño (sen darnos conta que é mero plaxio) algún acontecemento ao que lle encaixa parte do título. García Márquez reflexionaba e consultaba moitos os títulos antes de aceptalos como definitivos, como facía case obsesivamente con todo o texto, pois non había case palabra que non pasase antes pola peneira dos seus dicionarios o pola consulta directa con expertos da lingua (Grijelmo, por exemplo) aos que martirizaba a calquera hora da noite por unha palabra que non lle parecía adecuada ou fóra de contexto.
Pero se hábil era cos títulos, coa súa propia promoción foi un artista. Cada entrevista ou declaración que facía había de conter dúas ou tres frases de verdadeira fortuna, enxeño, desconcerto ou provocación. As mesmas historias contábaas coas diferencias propias da memoria que sempre actúa en presente e enche os ocos que nos quedan do recordado. El era un gran experto na memoria como demostrou nos seus libros e nas súas memorias. Sabía que recordamos en función do presente e das necesidades, estados de ánimo ou intereses do presente. Por iso a mesma explicación de como naceu "Cien años de soledad" mantén unha liña de feitos que se repiten pero sempre salpicada de contradicións ou detalles que non cadran coas versións anteriores. Segundo pasaban os anos, o éxito medraba, a prata aumentaba e as relacións co poder o atraían, variaban visións sobre si mesmo, descubrían novas dos seus tempos de reporteiro en Europa, levábanos a Barranquilla ou Cartagena de Indias, coa facilidade coa que un prestidixitador distrae o espectador máis atento. Pero detrás de toda declaración ou confesión estaba constantemente o contador, o mentirán que non pode evitar transformar a realidade e memoria, repetir ou demostrar exactitude en cada feito do pasado ou referido a el sería perder o don de contar.
Lendo as súas memorias ou a biografía de Gerald Martin un pode pisar polos pasos da vida que logo serían novelados. Reflexionando sobre o estudo que Vargas Llosa lle dedicara en en 1971 "García Márquez: historia de un deicidio", un comprende mellor que nada os demos interiores que obrigan e acompañan ao escritor por sempre, mágoa que o enfado entre os dous premios Nobel faga de difícil encontro este libro. Pero engarzando os tres un pode entresacar unha idea bastante fundada da personalidade de García Márquez. El, sen embargo, encargouse de ir ano a ano ofrecéndonos unha definición sobre si. De todas, a máis real e se cadra a que el lanzou coma unha arroutada paréceme aquela na que un día se lle dera por dicir: "Yo solo soy el marido de Mercedes". Non só, coma toda frase enxeñosa queda curta e non deixa de ser un lóstrego que oculta outras verdades. Pero don Gabriel sabía ben a quen lle debía a estabilidade, o control e freo da súa creatividade asociada á esmorga. Mercedes estivo sempre, sen prata e con ela, lonxe e cerca, agardando e á súa beira termando do ímpeto creativo e do desborde que podía padecer unha cabeza tan chea de palabras, de recordos, de ambición, de desexo desesperado por contar o que ninguén contara. Ela soubo co seu silencio e fortaleza de ánimo garantir unha unidade e rectitude nos obxectivos que sen ela é máis que probable que García Márquez non soubese equilibrar. Mantendo durante anos un compromiso por carta, agardando a que os acendido xornalista se curtise por Europa, nas noites de Roma e París, madurando nos recordos e no vivir, Mercedes apostou polo fillo do telegrafista de Aracataca sen vixilancias nin controis matadores. Manexando a corda de dar liberdade e tirar nos momentos precisos, mirando pola economía e os fillos, termando con paciencia os deslices e arroutadas do obsesionado coa escritura por riba de todo e contra todo (en iso consiste ser xenio), Mercedes mostrou intelixencia para a permanencia na variedade e unha influencia superior á que outras mulleres manteñen cos xenios. Por iso acepto a definición e conclúo que co gran escritor morrer tamén o marido de Mercedes.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 20 de abril de 2014

MIRADE



BACH, SEMPRE. NESTA ÉPOCA, MÁIS.

CORENTA MIL EUROS POR HORA

Disque Aznar cobra corenta mil euro por hora de conferencia. Xa sei que hai quen cobra moito máis (Blair, Clinton), pero gustaríame saber que nos pode ensinar durante unha hora o Sr. Aznar (ou calquera) para cobrar esa cantidade de cartos. Que último descubrimento puido conseguir no campo da teoría política ou económica? Que verdades atesoura desde os presocráticos ás novas teoría cuánticas para nunha hora aportar tanta información, experiencia e saber que merece, como mínimo, unha cantidade que seguro a el lle parece ridícula? Como unha sociedade pode alcanzar tal estupidez como para pagar a catro fachendosos por nada? Entendo que na mafia que se traen entre os poderosos se pague por información privilexiada, para que se espallen ideas con réditos inmediatos ou a longo prazo e que todos eles formen unha camariña na que se ocultan, tapan, abren ou transmiten aquelo que os pode facer máis ricos, pois non doutra finalidade se trata. Pero a que vén invitar a un señor ao que se lle coñecen de sobra todas as súas ideas, filias e fobias, a que dea unha conferencia a tan alto prezo? Que nos poden aportar Clair, Clinton, González, Aznar nunha charla informativa? Parece claro que os segredos non os van cotar ao público, por escolleito que sexa, presente na sala. Que ningún sairá máis informado sobre por onde irán os tiros do gas e do petróleo, dos medios de comunicación e dos investimentos en artificios financeiros. Non será entón un pago que se permiten para reunirse os elixidos de vez en cando entre si? Non buscarán estas asociacións, clubs, elites a maneira de se xuntar co pretexto de escoitar a alguén que, presumiblemente, goza de moita experiencia e saber? Que saber, que experiencia? O de facerse millonario despois de pasar pola presidencia dun país? Son ao fin clases rápidas de como facerse millonario? Ou nin ese segredo descobren? Recoñezo que nunca asistín a ningunha conferencia destes señores e non podo xulgar nin sobre que nin como din algo. Pero non me parece aventurado, polo menos no caso de Aznar e González, ben coñecidos e escoitados entre nós, que agás catro tópicos dos que non saen, nada novo aportarán en ningún campo: nin no da renovación política, nin no de modelos económicos máis sostibles, nin, menos, na maneira de mellorar cara unha sociedade máis equilibrada e libre. Hai que padecer certa desesperación, ser amigo, deber favores ou pasar por un mal momento emocional como para asistir a unha conferencia de González ou Aznar. Non é con ánimo de faltar, pero antes saca un os cans polo monte, seguro que a lección é de maior proveito. Porque a única verdade incuestionable ata o momento é que estes ex mandatarios o que son uns aguias para non se conformar con vivir decentemente con cen ou douscentos mil euros ao ano. Necesitan entrar no grupo dos poderosos de verdade, no clan dos escolleitos para ser unha oligarquía que vai deixando xa colocados a fillos e familiares para un futuro no que se debe continuar coa selección natural. Pois sabido é que os cachorros desta especie sabia non teñen complexos nin lles faltan arrestos para desde moi novos seguir os pasos dos seus proxenitores. E seguro que tampouco van ás súas conferencias. Resumindo: que esta sociedade elixe a quen paga e por que, decide o que lle parece máis beneficioso e o que menos, e, polo visto, unha conferencia de Aznar vale corenta mil euros á hora. O curioso desta decisión tan estrambótica é que non son analfabetos funcionais os que os contratan e causan esta demanda, senón os grupos que se cren máis e mellor informados, os únicos que coñecen regras realistas para mellorar esta sociedade e os situados nos mellores postos para dirixila. Estamos, pois, dirixidos e informados, adoutrinados por intelixencias do tipo: como facerse millonario nunha hora, ou como facerse conferenciante de éxito, ou como rirse sen ofender aos que traballan duro sen sacarlle proveito ao seu traballo. Que un señor como Aznar predique con feitos e xestos que é un triunfador grazas á súa intelixencia, constancia e capacidade de esforzo é un claro insulto para unha cantidade inmensa de persoas máis intelixentes ca el, mellor preparados, máis esforzados, empeñados en proxectos máis beneficiosos para a sociedade e aos que se lles quere facer crer que se non saen adiante é pola súa indolencia e falta de vigor. Que González diga que se aburre cobrando 160.000 por aprender algo de enerxía (dedúcese que non sabe nada) ou que Aznar manifeste que “Me cuesta mucho ganarme honradamente la vida” é un insulto para os cidadáns deste país sen o máis mínimo atenuante.


PUBLICADO EN EL DIARIO DE PONTEVEDRA

viernes, 18 de abril de 2014

SE MURIÓ EL MARIDO DE MERCEDES



SÍ, EL QUE NOS REGALÓ LA INVENCIÓN DE MACONDO, EL QUE SE PATEÓ BARRANQUILLA HACIÉNDOSE UN REPORTERO DE CORAJE, EL QUE CANTÓ BOLEROS Y NOS PRESENTÓ A SANTIAGO NASAR, EL QUE HIZO AL CORONEL VIAJAR CADA TARDE A VER SI LLEGABA LA CARTA, PARA ACABAR COMIENDO MIERDA, EL QUE SE  SE ENREDÓ EN LA HOJARASCA DE LA CASA HASTA QUE LE PUSO A LA SOLEDAD EDAD, EL QUE SE RODEÓ Y ACONSEJÓ A SÁTRAPAS Y POLÍTICOS CORRUPTOS, EL QUE INFLUYÓ EN LA POLÍTICA INTERNACIONAL, EL QUE SEDUCÍA CON SU VOZ DE TENOR SEGUNDO, EL QUE LE DABA AL TRAGO CON LOS AMIGOS QUE NO SABÍAN HACER UNA TRISTE NOTA DE CONSUELO ANTE LA UNA MUERTE RECIENTE DE UN PARIENTE DE LA CRIADA, EL MEJOR ARTICULISTA DURANTE DÉCADAS, EL QUE SE LEÍA LOS DICCIONARIOS COMO NOVELAS, EL QUE SE ENAMORÓ DE MÉXICO DESPUÉS DE INDAGAR SOBRE LOS SECUESTROS EN SU PATRIA, EL QUE EN BARCELONA PACTÓ  CON  BALCELS, EL QUE SE PELEÓ CON MARIO, EL QUE HIZO SUBIR A LOS CIELOS A REMEDIOS ENTRE SÁBANAS TENDIDAS, EL QUE REMOVIÓ TODA LOS MILITARES DE LOS QUE LE HABLÓ SU ABUELO, EL QUE NO SE ATREVIÓ A CURZAR LA CALLE PARA SALUDAR AL MAESTRO, EN PARÍS, EL QUE ELIGIÓ UN TRAJE MUY AUTÓCTONO Y MUY FEO PARA RECIBIR EL NOBEL, EL QUE DIÓ LOS MEJORES TITULARES A LA PRENSA LITERARIA DURANTE UN TREINA DE AÑOS, EL MENTIROSO MÁIS AVISPADO DEL QUE TENGO NOTICIA, EL QUE APOSTÓ GIRANDO  SU AUTO Y REGRESÓ A CASA PARA PONERSE A ESCRIBIR SIN UN DURO EN EL BOLSILLO... ESE LITERATO HASTA LA MÉDULA MURIÓ. PERO COMO ÉL NOS ENSEÑÓ, EL QUE SE MURIÓ SOBRE TODO FUE EL MARIDO DE MERCEDES. 

sábado, 12 de abril de 2014

AS CAUSAS DA APATÍA


CHEGAR ao fondo da causa da apatía non é tarefa doada. Menos, se antes un exercía de exemplo de motivación, empeño e incansable loita polo obxectivo que se propuña. Pero aí está: arteira e cazurra para aparecerse en calquera momento da vida acurralándote pola preguiza, as escusas, as estratexias a longo prazo ou simplemente o negativismo de "non me dá a gana". Por que o estudante cae nesa indolencia que o frea diante das tarefas que debe realizar? Por que o traballador se agocha detrás da abulia para non rematar a conciencia os seus encargos? Por que tantas persoas recorren a falsas xustificacións que os amarran ao abandono e á falta de entusiasmo diante de calquera obxectivo? Hai case tantas causas coma casos, pero algúns resultan realmente sorprendentes porque veñen detrás do entusiasmo pleno, do éxito e da admiración.
Hai varias semanas, un servidor atreveuse a prognosticar que Messi non volvería a ser o mesmo, que deixara a súa esencia: xogar coma un neno que goza no recreo. Disimulen a referencia, pero non é que acertase: quedeime curto. Nin xoga no recreo nin xoga de memoria nin xoga case de nada. Xoga ao asexo, asalando a ver se cae algo, cun trote insultante nun profesional da súa categoría, máis cando el era exemplo de revolverse con rabia se nalgunha ocasión perdía a pelota, cada vez que a tiña tremían os tres ou catro defensores que o rodeaban, arriscaba, esforzábase, entregábase de pleno, as recompensas externas eran menores que as internas de driblar e de alimentar a súa insaciable voracidade polo gol. Iso convertíao nun pequeno gladiador coas habilidades dun xenio. Que fai agora trotando polo campo case idénticos minutos que un porteiro, despreocupado coma se non estivese dentro do partido? É porque nunha falta ou nun segundo de pillabán pode resolver, pero calquera outro pasaría polos asentos dos suplentes. Din algúns que é porque antes o equipo xogaba ben e para el. Falso. Antes o equipo, cando caía en idénticos pecados, revivía coas súas xenialidades. Pensan outros que é por medo a lesionarse de cara ao mundial. Error maiúsculo. Canto máis se coide deste xeito, peor lle irá. Está canso, lesionado, xa non se divirte coma antes? Preocúpanlle máis o fillo, a mansión en Suíza? Nin idea. Pero esta apatía no actuar de quen foi o máximo defensor do entusiasmo no seu traballo é mala de entender.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO